3 mar 2014

Alerta biolóxica: Desembarcan en Galiza as granxas de visóns prohibidas en Europa

Hai días soubemos da permisividade da Xunta e do goberno español para a expansión sen control algún desta industria asasina. As condicións climáticas da Galiza, fan do noso país foco de empresas extranxeiras e españolas que viven da tortura e morte destes animais.

As organizacións "ecoloxistas" galegas reaccionaran estes días pasados ante esta barbaridade, así ADEGA, denuncia estes feitos e posicionase pola prohibición de novas instalacións e por considerar de alto risco as xa existentes; nunha extraña mixtura que poderíamos catalogar como de contentar as empresas xa instaladas de capital galego (non esquecer que, simplificando, ADEGA é o grupo ecoloxista do BNG) aínda que practiquen a mesma tortura que as novas a instalar; mais aínda é mais chamativo o posicionamento da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) que nun alarde de crónica sen desperdicio con o chamativo titular "Ameaza de avalancha de granxas de visóns americanos" (e que non reproducimos) é quen de cargar as tintas e mesmo culpabilizar directamente desa amenaza ao que a SGHN chama "nefastas liberacións masivas feitas por auténticos ecocidas" e concorda con ADEGA na necesidade de calificar estas granxas de exteminio como "instalacións de risco". Colamos a denuncia de ADEGA e este video da hai 2 anos con o título "Desde dentro: as mentiras da industria peleteira española desveladas por un dos seus traballadores":



A espantada cara Galiza das pelexeiras europeas pon en risco a nosa biodiversidade

Sobrado, Agolada, A Estrada, Oza dos Ríos, Oia, Forcarei... Por todo o país agroman as solicitudes para instalar novas granxas pelexeiras de visón americano. Perante a recente prohibición destas instalacións en moitos países europeos (Holanda, Reino Unido, Alemaña, Suíza, Austria, Croacia...) empresas de capital holandés, británico ou finés como Grislee International Furs, Celtic Mink ou Saga Furs, entre outras, buscan abrir novas granxas en Galiza.

O noso país xa concentra o 80% das granxas de visón americano do estado, especialmente nas provincias de Pontevedra e A Coruña polo clima máis favorábel para a cría desta especie.

O grande número de instalacións, as fugas e o alto potencial invasor da especie, levaron a que o visón americano xa se reproduza en liberdade en Galiza, causando graves danos á nosa biodiversidade. Esta especie é un predador xeralista que ocupa múltiples hábitats e compite polos recursos cos carnívoros autóctonos como a marta, a xeneta, a denociña ou a lontra.

Cañete amnistiou a especies invasoras polo seu interese comercial

Nada máis chegar ao poder, o PP modificou o catálogo español de especies invasoras para amnistiar á troita "arco iris", o "black bass" ou o cangrexo americano, e permitir o seu aproveitamento comercial. No caso do visón americano e debido ás presións da industria pelexeira, autorizouse a súa cría "nos territorios onde non compita co visón europeo".

Mais como sinalaron científicos e conservacionistas, a permisividade co visón americano pon tamén en risco outras especies autóctonas, mesmo en perigo de extinción, como a auganeira (Galemys pyneraicus) ou o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Nas Cíes (Parque Nacional) a predación por visón americano é unha das principais causas do devalar do corvo mariño cristado.

O visón americano pode tamén ser portador de enfermidades como a toxoplasmose, a enterite vírica, o botulismo C ou a pneumonía hemorráxica que, alén de afectar a especies autóctonas como a lontra, poden contaxiarse ás persoas.

A Xunta debe prohibir novas instalacións e considerar ás existentes como de alto risco biolóxico

Diante desta avalancha de novas instalacións, mesmo en zonas de ampliación da Rede Natura 2000, ADEGA solicita da Xunta que, tal como aconteceu en moitos países de Europa, non autorice máis granxas de visón en Galiza.

A administración debería considerar tamén ás existentes como instalacións de alto risco biolóxico para a biodiversidade e a saúde humana, obrigándoas a dispoñer de medidas efectivas de contanción.

Alén de seren lugares de sufrimento e innecesaria crueldade cos animais para uso exclusivo da industria do luxo, moitas destas granxas son pouco máis que galpóns cun peche de bloques ou arame.

As lamentábeiss condicións de vida (e morte) dos visóns nestas granxas, a ameaza que supoñen para a biodiversidade e os custos que ocasiona a erradicación dos animais silvestres, xustifican sobradamente unha inmediata moratoria para novas solicitudes ou ampliación.

colado x eDu

1 comentario:

  1. http://abordaxerevista.blogspot.com.es/2009/10/falsos-ecologistas.html

    ResponderEliminar