Xs compas da publicación anarquista madrileña de "Todo por Hacer xá tiraron á rúa un novo nº deste xornal gratuíto, o 38, con un índice, como sempre, moi interesante, con artigos sobre as tarifas eléctricas, as manifas, de saude mental, de Salvador Puig Antic e outras, e do que presentamos este artigo sobre os asesinatos de migrantes na raia de Ceuta con Marrocos, da que xa falamos en varias entradas deste blogue e da que seguiremos a falar entanto non saian á luz os responsabeis destas mortes.
Non se afogaron, foron asasinados!
Este berro resoaba con rabia polo centro de Madrid a noite do 12 de febreiro na concentración en protesta pola morte seis días antes de quince persoas ao tratar de chegar a Ceuta a nado. Aínda non se coñecían os detalles que rodeaban á morte dos emigrantes que proviñan na súa maioría de Camerún, Guinea-Conakry e Mali, pero todos/ás eramos conscientes de que, como se repetía en moitas das pancartas, as fronteiras matan e de que estas mortes foran causadas por un sistema económico que condena á maioría do planeta á fame e á miseria e pon todos os impedimentos posibles para que non poidan escapar delas.
Pero o que aínda non sabiamos, aínda que xa se podía intuír, era que nesta ocasión si podiamos falar de asasinato con todas as súas letras, tal e como o define o Código Penal. Segundo se foron facendo públicos videos e testemuños dos superviventes coñecemos a historia real: que gardas civís mataron nas nosas fronteiras a quince persoas con aleivosía, mediando recompensa e con asañamento, aumentando deliberada e inhumanamente a dor do ofendido. Asasinato.
Os feitos
Como diciamos, a pesar dos labores de ocultación de probas e manipulación do sucedido polos responsables policiais coa axuda do Ministro de Interior, o acontecido na fronteira de Ceuta o 6 de febreiro foise coñecendo e non deixa lugar a dúbidas. Puidemos ver vídeos nos que gardas civís, ao berro de "vamos, cabrones!" disparaban pelotas de goma ás persoas que intentaban achegarse a nado á praia ceutí de El Tarajal e tivemos a oportunidade de coñecer o relato dos/ás que ese día escaparon á morte, pero regresaron a Marrocos, dende onde seguramente intentarán outra vez cruzar os muros.
Un dos testemuños máis clarificadores do que pasou na fronteira, encóntrase na denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado presentada por varias asociacións, entre outras SOS Racismo, baseada en conversacións con algúns/algunhas sobreviventes. Dela extraemos varios fragmentos:
Este supervivente narra como el mesmo foi golpeado por unha bala nas costas e por outra na cabeza. Cando saíu da auga unha muller Garda Civil -á que podería recoñecer se volvese vela- obrigoulle a poñerse de xeonllos golpeándoo coas defensas de goma.
Viu como chegaba o "barco español" en referencia ao barco da Garda Civil. Algúns dos seus compañeiros que estaban na auga achegáronse ao barco para intentar subir, pero o barco español foise. Cando volveu o barco comezaron a disparar dende el.
Narran os superviventes que algúns dos mortos, de ter recibido auxilio desta embarcación terían sobrevivido, pero a negativa a auxilialos propiciou que atordados polos gases lacrimóxenos e feridos por os golpes, afundísense. Dúas das testemuñas poderían recoñecer o Garda Civil que tras facerlles xestos coas mans que eles interpretaron como "fodervos", subiu á torre e disparou ata seis veces. As testemuñas describen que "lles disparaban como a polos".
Os mortos que puideron ser vistos na morgue de Marrocos, presentaban feridas á vista: un con un labio partido e unha ferida na cabeza, outro coa cabeza totalmente vendada e ferida no peito..."
Parece que ser que a denuncia e o labor da súa difusión tiveron un éxito inmediato, pois Arsenio Fernández de Mesa, director xeral da Garda Civil, ameazaba ao día seguinte da súa publicación con denunciar a todas as organizacións que "injuriaron y calumniaron” á institución. De seguido, o partido fascista Democracia Nacional respaldava a súa tese, e na noite do 20 de febreiro colgaba unha pancarta na sede de SOS Racismo de Lavapiés na que lles acusaba de "denunciar a los que protegen nuestras fronteras" e introducía bengalas acendidas no local que puideron ocasionar un incendio.
A(s) versión(s) oficial(es)
O mesmo Fernández de Mesa contestaba así á pregunta dunha xornalista que o interrogaba sobre se se utilizaran pelotas de goma contra a xente que se encontraba na auga: “No creo que haya ni un solo guardia civil que utilice como blanco a un ciudadano que está tratando de subsistir, nadando como puede. Ni muchísimos menos trataría de echarle, por decirlo de una manera plástica, la mano al cuello para terminar de ahogarlo. No creo que haya ningún español que crea que la Guardia Civil, ningún guardia civil de España, fuera capaz de eso”.
Pois se equivoca, e non só porque se demostrou que se dispararon infinidade de pelotas de goma (catrocentas, segundo o xornal El Pueblo de Ceuta). Equivócase porque somos moitos/ás os/ás que estamos convencidos/ás de que moitos/ás gardas civís son capaces diso e de moito máis. E de que reciben ordes para facelo. E sabémolo porque a nós cidadáns/ás con pasaporte español, nos dispararon mentres nos insultaban con mestura de odio e satisfacción nas súas caras, porque coñecemos os casos de malos tratos nos CIEs e as mortes de persoas alí encerradas que se poderían ter evitado cun sinxelo tratamento médico, porque vimos a brutalidade das redadas racistas nos nosos barrios...
Poucos días despois da primeira negativa da existencia dos disparos, Fernández de Mesa regalábanos unha nova explicación distinta: si se disparara á auga, pero nunca contra os inmigrantes, senón coa intención de "delimitar una línea imaginaria con la que se delimitaba lo que era la zona marroquí de la zona española".
Por se quedaba algunha dúbida de como é a actuación policial na fronteira, Juan José Imbroda, Presidente de Melilla, aclarábanolo "Lo que me extraña es que nos escandalicemos porque se usen con los inmigrantes que entran rompiendo una valla. Si no pueden utilizar medios antidisturbios, ¿qué pueden hacer?, ¿qué hacen entonces los guardias civiles en la frontera? Nada. ¿Los sustituimos por un comité de recibimiento con azafatas?". Esas palabras, pronunciadas aos poucos días da morte de quince persoas, permítennos facernos unha idea do desprezables que son estes personaxes.
Non queriamos rematar sen facer unha breve referencia ao papel dos medios de comunicación no tema da inmigración. O mellor exemplo vímolo en El País, que tras uns días denunciando a actuación da Garda Civil nas mortes de Ceuta, retomaba a súa función de voceiro do poder e informábanos na noticia máis destacada da portada que "30.000 subsaharianos preparan el salto a Europa por Ceuta y Melilla" e que "los intentos de entrada crean alarma social".
Pois non, a alarma social créana titulares como ese e non o feito de que unhas poucas decenas de miles de persoas intenten chegar a unha Europa-fortaleza na que viven máis de cincocentos millóns de habitantes.
colado x eDu
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario