Jorquera (candidato do bloque), P. Carril (dirigente de C.I.G. e xefecillo da U.P.G) e outro sancionado menos electoralista tras entregar as alegacións.
Onte entregáronse na subdelegación do goberno da Coruña as alegacións ás multas impostas polos sucesos relativos ao desafiuzamento de Aurelia Rey (máis info AQUÍ e AQUÍ neste mesmo blog). Entre os agraciados coa nada desdeñable multa de 600 eurazos encontrábanse o bombeiro que se negou a cortar a cadea do portal, tres activistas de Stop Desafiuzamentos e uns cantos representantes da política institucional, a saber: Jorquera e Jose Carril (candidatos do B.N.G. ao parlamento e á alcaldía respectivamente, Paulo Carril (sindicalista da C.I.G. e capitoste bloqueiro) e César Santiso (candidato á alcaldía por I.U., inexplicablemente ausente no sarao de onte). Como non podía ser doutro xeito dado o selecto da concorrencia, o que tiña que ser unha denuncia da desmedida represión desatada contra todo aquel que se resiste, aínda que sexa pacificamente, aos desmandos do poder, rematou en acto de campaña pre-electoral. Xa o dí o dito: quen con políticos se deita, manipulado se levanta. Así, malia que en teoría se pactara que alí só falarían os representantes de Stop Desafiuzamentos, Jorquera non só largou por esa boquiña todo o que lle veu en gana, se non que non escatimou momentos de arrimarse ao bombeiro e ata se abrazou cunha cándida preferentista que andaba por alí apoiando. Todo diante das camaras, evidentemente. Menos mal que non había ningún bebe pola zona ao que poderlle estampar un bico.
Os medios comerciais, por norma xeral, centraron a súa información sobre as declaracións de Jorquera, ao que fixeron protagonista absoluto do evento, coa sua agradecida complicidade evidentemente. Iso cando non omitiron absolutamente calquera referencia a Stop Desafiuzamentos, como chegou a facer "La Voz" no artigo que Javier Becerra firma hoxe.
Non será a última convocatoria relacionada con este asunto, iso dende logo, e moi pronto saberemos de máis. Esperemos que en próximas ocasións non resulten tan polarizadas.
E non esquezamos que aínda quedan as sancións dos que estaban dentro do portal, e esas probablemente irán polo penal.
C.R.
No hay comentarios:
Publicar un comentario