17 oct 2013

"No Somos Delito".- Manifesto sobre a reforma do Código Penal

"No somos delito", unha web montada por viciños e viciñas, por"persoas que soñan con unha sociedade solidaria, empática, consciente, activa e forte", e que alegan non ser delito "por apoiarnos, por non ter papeis, por exercer a nosa liberdade de expresión, por ter un trastorno mental, por sobrevivir vendendo na nosa manta,...", e que buscan adhesións de colectivos ao seu manifesto en contra da reforma de Gallardón, manifesto que colamos de seguido:

Manifesto

A próxima reforma do Código Penal proposta polo Goberno criminaliza algunhas estratexias de economía doméstica, o apoio a persoas que naceron noutros países, así como a liberdade de expresión e a protesta social. A súa aprobación supoñería un cambio radical do modelo actual, onde o importante non é o que fixestes senón quen es e de que recursos dispós.

Este manifesto no que participamos persoas de aquí e de alá, que nos apoiamos mutuamente, é o punto de partida dun movemento contra esta reforma do Código Penal que está en preparación e que supoñerá, se non o impedimos, unha inxusta agresión sen precedentes aos dereitos e liberdades da maioría das persoas, mentres favorece a uns poucos sectores privilexiados.

O proxecto de Código Penal que remitiu ao Parlamento o Ministro de Xustiza Alberto Ruiz Gallardón supoñerá un empeoramento substancial das nosas vidas e das da maioría da sociedade. Porque mentres se suavizan as sancións contra os delitos económicos de "colo branco" que, se devolven o que roubaron, poden librarse do cárcere, endurecese o trato contra moitos colectivos que non somos nin un perigo, nin unha ameaza para a sociedade.

O proxecto introduce a cadea perpetua (chamada eufemisticamente prisión permanente revisable); converte o apoio cotián que se preste unha persoa sen papeis en delito; establece que vender na manta sexa de novo delito; que se poida expulsar persoas con permiso de residencia do país; que o mero feito de apoiar ou difundir unha manifestación poida ser delito, se a autoridade (que non conta con criterios establecidos e transparentes de interpretación) así o decide; equipara enfermidade mental con perigosidade e considera a persoa con trastorno mental como suxeito perigoso, podendo permanecer encerrada mesmo por delitos que non cometeu, en previsión dos que poida cometer no futuro.

Estes son só algúns dos artigos que inclúe unha reforma do Código Penal que estende a criminalización a espazos da vida cotiá das persoas e dos colectivos que sobreviven, se apoian e se expresan libremente. Chegando a cuestionar a legalidade da solidariedade en segundo que casos. Ao usar o concepto de "perigosidade", este proxecto penaliza non os feitos cometidos senón que deixa a porta aberta á arbitrariedade e a que as "sospeitas" sobre certos grupos de persoas (emigrantes, as súas redes de apoio, activistas, etc) conduzan á súa criminalización.

Si, vendemos na rúa para poder comer. E si, buscamos o apoio mutuo para loitar contra as dificultades. Queremos facer chegar as nosas propostas con todas as garantías. E non cremos que teñamos que rematar no cárcere ou sufrir a dureza da persecución legal e/ou policial.

A aparición dun Código Penal máis duro e agresivo co pequeno delito e máis benévolo cos estafadores e corruptos só pode ampliar a brecha social á que xa estamos a asistir. Non queremos que a crise sirva de escusa para fracturar a nosa convivencia e para atacar a quen menos recursos temos.

Este Código supón un cambio de modelo, do social ao penal. Un xiro ideolóxico que precariza a vida da cidadanía da pé, hipotecando as nosas aspiracións de futuro e de xustiza social.

Hoxe, pedimos a non aprobación do próximo Código Penal, animando a todas as persoas a unirse. Porque cremos nunha sociedade civil forte, capaz, comprometida. Porque non é lexítimo gobernar sen escoitarnos.

Porque temos algo que dicir.

Non hai razóns para esta reforma o Código Penal.

Non somos delito.


Madrid - Outubro 2013

1 comentario:

  1. Benvidos o mundo do reformismo cidadán, é do politicamente correcto. Saude!

    ResponderEliminar