24 oct 2013

[Compostela] Martes 5 de novembro ás 20:00': Inauguramos nova tempada do “Cinema Forum Anarquista” da Biblioteca Anarquista "A Ghavilla" con a proxección do documental “Apash, os de fóra” da realizadora Cora Peña

Colamos esta convocatoria da Biblioteca Anarquista "A Ghavilla"

Cora Peña estará con nós para iniciar esta nova tempada do noso “Cinema Forum Anarquista” o martes 5 de novembro ás 20:00' horas, con a proxección de “Apash, os de fóra” e depois falaremos sobre ele e o seu novo proxecto "Tesouro de Corcoesto".

“Apash, os de fóra” é unha película documental independente de case 90 minutos, trátase dunha peza audiovisual na que a realizadora e operadora free lance Cora Peña, veciña de Teo, se achega á realidade do pobo jíbaro e a súa situación na Amazonía peruana, principalmente o xeito no que conviven coas consecuencias da globalización. Os jíbaros habitan este territorio desde hai 1.200 anos, e atoparanse de cote enfrontándose aos apash (na súa língua, “os que veñen de fóra”).



Cora Peña é a alma e a impulsora deste proxecto a través do que se lle quere dar voz ó pobo jíbaro. Ela destaca o “enfoque comprometido e persoal da cinta” e expresa o seu desexo de que “sexan moitos os espectadores que vexan e escoiten a voz dos jíbaros”.

Cora Peña estivo durante meses na Amazonía peruana co empresario e aventureiro Antonio Abreu quen visitaba a zona para reencontrase co seu amigo indíxena Alfonso Graña, posible fillo dun emigrante galego glorificado no seu día como “rei dos jíbaros”; entregarlle ós nenos awajún unhas camisetas dun equipo de fútbol e pedirlle á empresa peruana Pluspetrol Perú que colaboraran no desenvolvemento das comunidades amazónicas. Segundo explica a propia realizadora estas tres misións de Abreu encerran contradiccións, que se intentan descifrar no documental escoitando e combinando explicacións dadas tanto por indíxenas como por expertos amazónicos e, en ocasións, por políticos. Mentras, a viaxe avanza de oeste a leste, de Bagua a Iquitos, seguindo o curso do río Marañón.

“Apash, os de fóra” conta a loita dos jíbaros peruanos na Amazonía actual onde o seu inimigo é un goberno que cede as súas terras a multinacionais extractivas. Para Cora o maior reto desta película “é facer sentir ó espectador occidental que os indios existen, que non son un decorado do planeta Terra, rescatando a súa voz e a súa reivindicación”. Segundo a autora da película “os guardiáns do bosque queren contar que están acorralados pola voracidade extractiva de Occidente e que a Amazonía, o seu fogar e o pulmón da Terra está en grave perigo de destrucción”.

"Para mí as satisfaccións deste proxecto foron de calqueira natureza excepto económicas. Pero non me queixo, volvería facelo", confesa Cora, quen agora está inmersa nun novo proxecto "Tesouro de Corcoesto" que , como din na sua recén aberta páxina web, é un espazo con vocación coparticipativa, onde aceptan vídeos e material alleo: "Tesouro de Corcoesto" é un documental en proceso sobre os novos ventos de extractivismo en Galicia a partir do caso da mina de ouro de Corcoesto. Este proxecto intenta afrontar a carencia de información pública existente sobre as implicacións medioambientais, políticas, económicas, etc., algo que está a facer da especulación e os rumores un problema para a reflexión colectiva e a visibilización do que está a acontecer en toda Galicia. O traballo de creación dun documental adoita rexistrar moito material, que queda normalmente fóra de plano cando se presenta a montaxe definitiva. Ao tempo que amosaremos parte dos contidos "en bruto" xerados durante a rodaxe deste documental, queremos compartir este proceso aberto a colaboracións a través da nosa web, coa intención de conformar un arquivo documental, de material audiovisual e escrito, relacionado co fenómeno da megaminería en Galicia”.


Un proxecto que recurre à financiación vía Crowdfunding movidos por dous obxectivos básicos: Independencia de toda coacción por parte de calqueira grupo de poder e Difusión libre do documental, unha vez finalizado, onde se acollen á licencia Creative Commons, que permite acceso libre por internet e uso non comercial do documental por parte de calqueira persoa que o desexe.

Máis información interesante sobre "Apash, os de fóra" nestes artigos.

- Na web "CulturadeSeu" artigo de Manuel Turnes
- No blogue "A historia é noticia” artigo de Vanesa Oliveira

No hay comentarios:

Publicar un comentario