11 jul 2013

[Grecia] Kostas Sakkas en Liberdade Provisional baixo fianza de 30 mil euros, tras 38 días en folga de fame

O Tribunal de Apelación de Atenas decidiu hoxe poñer en liberdade provisional a Kostas Sakás, anarquista grego detido baixo a acusación de terrorismo que levaba 38 días en folga de fame en protesta por permanecer en prisión durante máis de dous anos e medio sen ser xulgado.

Sakás, de 24 anos, foi detido en decembro de 2010 durante unha operación contra o grupo armado Conspiración das Células de Lume, pero o acusado, que permanece en prisión dende entón, sempre negou formar parte da devandita organización.

O mesmo tribunal que hoxe decidiu a súa excarceración decidira a inicios de xuño prolongar o seu encerro durante seis meses máis, a pesar de que iso contravén a lexislación grega, que prevé un máximo de 30 meses de prisión preventiva.

Cando se superou ese máximo legal, Sakás declarouse en folga de fame, que prolongou durante 38 días, o que lle supuxo a perda de 16 quilos, o 20% do seu peso.

O mércores, o doutor Thanassi Karabellis, un dos membros do equipo médico que segue a evolución de Sakás, avisou de que o mozo se encontra "no estado final" e de que a súa vida corre serio perigo.

Actualmente encóntrase ingresado no hospital de Nikea, custodiado pola policía, e o seu estado é crítico.

Varios partidos políticos -incluído o socialdemócrata Pasok, que forma parte da coalición gobernante-, ademais de organizacións internacionais como Human Rights Watch e Amnistía Internacional, pediran a liberación de Sakás, considerando ilegal a prolongada detención sen xuízo do anarquista.

Ademais, a folga de fame do mozo detido levou a diversas manifestacións de solidariedade, unhas das cales foi onte violentamente reprimida pola Policía con uso de gases lacrimóxenos.

Os axentes xustificaran a súa intervención ante unha protesta pacífica en que algúns manifestantes estaban a pintar graffiti.

As condicións da liberdade provisional impostas hoxe polo tribunal a Sakas son a prohibición de saír da rexión capitalina de Ática, unha fianza de 30.000 euros, a obriga de presentarse cada luns en comisaría e a prohibición de todo contacto con outros acusados de pertencer á CCL.

No hay comentarios:

Publicar un comentario