4 jun 2013

O Comité de Direitos Humanos da ONU conclue que María Atxabal foi TORTURADA e comina ao estado español a pór fin ao réxime de incomunicación

Recollemos esta tradución de Esculca da noticia publicada en Naiz:


O comité fixo oficial o ditame en que conclúe que María Atxabal foi torturada en dependencias policiais en 1996, insta o Estado español a reparar o dano causado, abrir unha investigación «precisa e obxectiva» do acontecido durante a incomunicación e prestar asistencia médica gratuíta a Atxabal para tratar a tensión post-traumática producida polos malos tratos.

O ditame do Comité de Dereitos Humanos tamén comina as autoridades españolas a pór fin ao réxime de incomunicación e a asegurar a libre elección de avogado por parte do reo.

«Sinto que por fin se fixo xustiza». Unha emocionada Maria Atxabal compareceu ante os medios para valorar a sentenza do Comité de Dereitos Humanos da ONU que recoñece que esta bilbaina foi torturada pola Garda Civil durante o réxime de incomunicación ao que foi sometida a seguir a súa detención en xuño de 1996, e que estes malos tratos son causa dunha tensión post-traumática que, como ela mesma recoñeceu, aínda non superou.

A carón dela, o seu avogado e gran apoio durante todo este tempo, Jaime Elias, mostrouse satisfeito co novo pau que as autoridades internacionais dan ao Estado español en materia de prevención e erradicación da tortura. Tras explicar polo miúdo os pasos dados por Atxabal ante os diferentes tribunais durante todo este tempo e as negativas das distintas autoridades xudiciais a investigaren o caso, concluíu que o ditame do Comité de DDHH «deixa claro que os feitos e as diferentes probas manifestan que María Atxabal foi torturada polas autoridades españolas estando incomunicada». Ademais, estimou que o golpe é aínda maior, xa que, alén de confirmar eses malos tratos, «obriga o Estado español a abrir unha investigación obxectiva e precisa sobre os feitos, a reparar o dano causado a María e a dar asistencia médica gratuíta para superar a tensión post-traumática causada polas torturas».

Xunto a iso, destacou o transfondo do ditame: «A sentenza é dobremente positiva, porque non se limita a este caso, senón que estima que o réxime de incomunicación pode favorecer a tortura, e por tanto, insta a derrogalo canto antes».

Jorge Del Cura, experto do Centro de Documentación Contra a Tortura presente na mesa, tamén se congratulou da decisión tomada polo órgano da ONU. Entrando a analizar a sentenza en profundidade, Del Cura quixo destacar dous aspectos principais: «O primeiro é que a tortura é unha práctica xeneralizada no Estado español que non se quere investigar, que se quere pasar por alto. Falta vontade política por parte de xuíces de instrución. Tamén é destacábel o papel que varios médicos forenses xogan nese sentido. E esas fallas do sistema quedan ao descuberto na gran maioría de sentenzas dos tribunais europeos e internacionais desde os anos 2007-08. Ademais, Amnistía Internacional revela que a gran maioría de informes non son investigados polas autoridades españolas».

O segundo punto que resaltou Del Cura é o referido ao propio réxime de incomunicación: «A sentenza é contundente nese sentido, pide que se suprima, que se derrogue esa medida. Conclúe que mentres ese réxime exista, as denuncias por tortura, que afortunadamente no último ano se reducíron, poden volver producirse, polo que pide de maneira nítida que se derrogue, que non se volva a aplicar».

No hay comentarios:

Publicar un comentario