Precisamos da luz para vivir, o que choca cos atrancos que compañías coma FENOSA nos poñen: subida de prezos, facturación abusiva, cortes, non negocian as débedas, desinformación...
Por todo isto a ODS-Coia e Parroquia do Cristo da Victoria decidimos organizar unha charla baixo o título: "APRENDENDO A DEFENDER OS NOSOS DEREITOS FRONTE ÁS GRANDES EMPRESAS DA ENERXÍA". Nela contaremos coa presenza de Rafael de Montis, experto en enerxía, que nos axudará a coñecer un pouco máis este mundo.
Se queres saber que che cobran na factura da luz, como solicitar o bono social, como defenderte dos seus abusos, alternativas máis xustas e económicas no subministración NON DUBIDES EN VIR!
A charla será o VENRES 5 abril ás 19h30 nos locais da parroquia do "Cristo da Victoria" (rúa Baiona 9, Coia - Vigo)
Aproveitaremos o encontro para presentar o modelo de reclamación a FENOSA que elaboramos coa idea de desenvolver unha campaña masiva de presentacións de queixas en contra dos abusos que sufrimos nun aspecto tan básico e necesario como é a electricidade. Tedes o modelo de reclamación para descargar en formato pdf acá neste enlace do ODS Coia
Achegamos o texto da campaña de denuncia ante os abusos das compañías de enerxía, neste caso facendo fincapé nos sufridos por parte de GAS NATURAL FENOSA:
GAS “PENOSA” di: se non tes castos “APAGA E VÁMONOS”
Estánnolo a pór moi negro. O poder cada día precisa máis espazo para os seus negocios e nese avance leva por diante conquistas sociais acadadas tras moitos anos de loita: emprego estable, protección social, sanidade, educación...
Cousas tan básicas como acceder a un teito, levar unha alimentación variada e saudable, dispor de auga corrente..., é dicir, elementos cotiáns e necesarios para vivir cun mínimo de dignidade están a ser sometidos á lóxica depredadora da especulación dos mercados de capitais, encarecéndose de día en día.
A insuficiencia de recursos fai que nos sintamos rodeados pola escuridade, unha escuridade da que se lucran os mesmos de sempre. Pero cando falamos de falla de luz non estamos a usar ningunha figura retórica, senón que estamos a describir a crúa realidade de moitas familias e persoas que sofren:
- As dificultades para pagar con regularidade os recibos da luz, que en moitos casos non se corresponden co consumo real ao non ter as empresas adxudicatarias a obriga de ler o contador todos os meses para emitir as facturas.
- Os atrancos que compañías coma FENOSA poñen para negociar o pagamento das débedas, en casos nos que por exemplo os ingresos veñen de axudas sociais como a RISGA, de Pensións Non Contributivas ou de subsidios por desemprego, é dicir, casos nos que teñen que vivir con menos de 500€ ao mes e pagar recibos que ás veces supoñen unha cuarta parte dos seus ingresos.
- A violencia dun corte de luz e os atrancos para volver a ter subministración. Para volver a ter luz tes que pagar o enganche e a débeda contraída con apenas marxe para alongar os prazos de pagamento.
- A imposibilidade de manter os seus fogares na temperatura mínima axeitada, as limitacións a que se chega mesmo para atender á hixiene máis elemental ou ata para quentar a comida.
E todo isto coa 3ª electricidade máis cara de Europa, cunha subida do prezo da electricidade dende 2006 do 70% e cuns beneficios en 2012 para GAS NATURAL FENOSA, a empresa con maior cota de mercado en Galiza, de 1441 millóns de euros. Ás prácticas desta transnacional que coñecemos nos nosos barrios, temos que engadir o saqueo de recursos naturais en países de Latinoamérica, as violacións de dereitos humanos, os problemas de subministración que padecen amplas poboacións, etc.
Por todo isto esiximos:
- Que a subministración eléctrica sexa recoñecida como un dereito básico para garantir unha vida digna e que, por conseguinte, estea en mans da poboación e non privatizada en beneficio dos grandes capitais.
- Que non se corte a subministración naqueles fogares que non poidan asumir os pagamentos por falla de recursos.
- Que se apliquen tarifas xustas e de acordo aos ingresos do fogar.
Coia, marzo 2013
3 abr 2013
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario