Recibimos e defundimos:
Dende o Espazo Aberto Antimilitar seguimos, outro ano máis, animando a facer obxección fiscal en contra dos gastos militarizados.
Todolos anos cos cartos desviados apoiase a distintos colectivos, movementos ou loitas transversais á antimilitarista, como poden ser as loitas antidesenvolvementistas ou as antirrepresivas, entre outras, que procuran a transformación radical da sociedade. A elección é vosa, aínda que sempre facemos propostas, as deste ano son:
- Campaña Cárcere=Tortura; Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños; e Espazo Aberto Antimilitar (ver máis información destas propostas acá)
Deixamos o texto de presentación da campaña 2013:
O presuposto do Ministerio de Defensa para o ano 2013 é de 5.937 millóns de euros o que, sendo unha barbaridade, supón un descenso do 6,01 % con respecto ao ano anterior. De feito, o presuposto deste Ministerio leva baixando dende o ano 2000, redución que provoca certa inquietude e indignación entre os mandos e responsables militares. Con eses cartos non se pode matar case que nada nin mercar artefactos bélicos de última xeración! Así non hai quen defenda a unidade nacional nin organice desfiles vistosos! e outras queixas polo estilo (se ben, eles dino moito máis fino, que son xente preparada). Esta cantidade apenas dá para pagar os xornais de persoal! Persoal que, por certo, ascende a preto de 180.000 efectivos: 80.000 soldados e mariñeiros, máis de 54.000 (?) mandos, persoal civil e un número indeterminado de reservistas, que non se sabe moi ben para que serven, pero que están aí por se acaso.
Tan pobre é o exército español que para un tema tan importante como “misións internacionais” só se presupostan 14 millóns de euros (claro que no ano 2011 tamén estaban presupostados 14 millóns e a final de ano gastáranse 861).
Pero a realidade é que o gasto militar español ascende (segundo un cálculo ben conservador) á cantidade de 16.500 millóns de euros; gasto militar “inicial”, xa que ao longo do ano excederase, tal e como acostuma ocorrer. Isto significa case dous millóns de euros cada hora de cada día do ano. E iso, no estado onde, por mor da crise, se pechan servizos de urxencias; onde o subsidio de desemprego, para quen poida acceder a el, ascende a 400 euros; onde non hai albergues para as persoas sen teito; onde as pensións de xubilación vense cada vez máis coma un soño inalcanzable, onde o presuposto de educación redúcese un 16 por cento, etc.
Pero sexamos sinceras, calquera cantidade destinada aos gastos militares semellaríanos excesiva. Igual que excesiva nos semella a súa propia existencia, máis alá da gravidade das súas actuacións.
Porén, isto non pode evitar que continuemos denunciando o feito de que estas actuacións se estean a ampliar cada vez máis, sobre todo dentro do ámbito civil. Nos últimos tempos, ademais de “humanitario” e “garante da paz”, estase a vender o exército como “recurso infalible” en casos de emerxencia. A UME (Unidade Militar de Emergencia), ben aprovisionada de medios, vense facer cargo, en caso de desastre natural ou de outro tipo, dos labores de salvamento, coordinación, distribución de medios e incluso militarización da zona afectada. Unha vulgar manobra para distraer fondos ao entramado militar e, de paso, rematar cos conflitos laborais que se estaban a desenvolver en moitos dos sectores civís ata o momento encargados desas tarefas.
Pero non só isto. Búscase, por unha banda, mellorar a imaxe do Exército facendo ver que fan algo socialmente útil de cando en vez ao tempo que, por outra banda, pretenden asegurarse o control, mediante a forza, das posibles respostas populares que se poderían desencadear nesas situacións. Aprovéitase ademais a ocasión brindada polas emerxencias naturais como laboratorios de prácticas para ensaiar medidas de control da poboación ante posibles “emerxencias” futuras de carácter político.
Iso si, a experiencia (desastre do Prestige, vaga de lumes, terremoto de Lorca, etc) indícanos o grao de incompetencia do exército cando se dedica a cousas distintas das súas. Tardan o dobre, gastan o triplo e fano peor.
Todo isto sen esquecer a utilización do exército como arma anti-folgas instaurada no ano 2010 co conflito dos controladores aéreos, cando se chegou a militarizar o espazo aéreo estatal, pero que se pretende converter noutra das súas actividades habituais como puidemos comprobar durante a recente folga do lixo de Granada.
E aínda así, continuamos vendo como sindicatos e organizacións que se autoproclaman de esquerdas e de clase se suman á cerimonia da confusión na que vivimos, pregando por maior carga de traballo para a industria militar.
Dende o Espazo Aberto Antimilitar un ano máis, e polas mesmas razóns que cada ano, negámonos a colaborar de ningún xeito no despropósito social, económico, moral e humano que supón a existencia do exército e todo o que este trae aparellado. O exército, e todo o relacionado con el, non defende a nosa seguridade, nin os nosos intereses, nin os nosos valores.
Vigo, abril 2013
Toda a información da campaña na web do Espazo Aberto Antimilitar
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario