15 feb 2013

A crise ponlle alfombra vermella á megaminería contaminante en Galicia

Copiamos e colamos cá este artículo de opinión de Miguel Pardo en Praza.com (a foto da direita correspondese à Mina de Ouro de ceu aberto no concello asturiano de Tapia de Casariego):

Galicia está ameazada pola megaminería contaminante. Iso é o do que nos advirten varios expertos -algúns deles convidados ao I Econtro galego sobre o impacto da minaría que se celebrará este sábado en Teo- ante as continuas noticias de novos proxectos empresariais, apoiados pola Xunta, e que se dispoñen a "destruír o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, atacar o medio ambiente poñer en perigo a saúde das persoas". E fano, segundo censuran, amparándose nas promesas de emprego e aproveitando a crise e a falta de expectativas laborais da sociedade. Aínda que as consecuencias sexan moito máis graves que os hipotéticos beneficios.

Así o advirte Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e investigador do CSIC. Este experto en recuperación de solos será un dos relatores en Teo, onde alertará da ameaza que se lle vén enriba ao país con proxectos mineiros como o de Corcoesto, a Serra do Galiñeiro, a contorna das Fragas do Eume, a Terra Cha, Xinzo de Limia, Castrelo de Miño, Arnoia... Ou coa "aposta decidida" da Xunta polo fracking ou fracturamento hidráulico.

Galicia é unha mina, asegura un dos lemas da Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia, se cadra a evidencia máis clara das intencións do Goberno galego, tal e como lembra González, que é da mesma opinión que Xoán Doldán, profesor de Economía aplicada na USC, experto en Economía Ecolóxica e outro dos relatores do encontro do sábado. En que se basean para asegurar que o Executivo ten unha "aposta decidida" pola polémica megaminería?

"Baséome nas declaracións e na actitude que ten o Goberno á hora de tramitar os diferentes proxectos; priorizando aspectos que se sobrevaloran, como o emprego ou o investimento, en detrimento doutros como a desestruturación social ou os custos medioambientais de cara ao futuro", asegura Doldán, que lembra que a aposta da Xunta "é referendada con declaracións formais e non informais", pero tamén cuns proxectos "integrados na súa política económica".

"A aposta é decidida e a Xunta está a darlles facilidades ás empresas", insiste Serafín González, que recorda que a Administración autonómica sacou a concurso "unha boa cantidade de consesións que xa estaban cadudacas para que se presentasen novos solicitantes". Tanto el como Doldán censuran a "celeridade" coa que o Executivo está a "tramitar" os proxectos mineiros, onde, segundo denuncian, "son as empresas as que acaban ditaminando todo porque sempre se acepta plenamente a súa versión". Como exemplo, a mina de Corcoesto e a polémica Declaración de Impacto Ambiental feita pola Xunta.

Pero por que agora esta febre mineira? Os críticos con todos estes proxectos téñeno claro. Xunta e empresas aproveitan a crise para levar a cabo os proxectos con máis facilidade. "Non é tanto agora pola necesidade interna da economía galega, senón pola situación de crise, que permite que os proxectos sexan menos cuestionados", di Doldán, que asegura "que a xente se deixa arrastrar máis por anuncios desmesurados sobre as consecuencias positivas da mina, mentres a Administración se corta menos porque sabe que a sociedade está a disposta a aceptar calquera cousa con tal de que ofrezan postos de traballo".

"Teñen máis facilidades porque o impacto ambiental, económico e paisaxístico que poidan ter as minas son máis fáciles de aceptar en tempos de crise", engade Serafín González. "É a situación idónea e iso sábeno as empresas e o Goberno galego", insiste Doldán, que recoñece tamén "a escaseza de metais a nivel mundial" ou o momento "excepcionalmente bo en canto aos prezos que se pagan" como, por exemplo, no caso do ouro. "Calquera proxecto especulativo está agora disposto a apostar polo que antes sería inviable e máis se contan co favor público", di.

E a megaminería adoita contar con ese favor público, e incluso con parte de apoio social, malia que, segundo advirten os expertos, "os resultados económicos que se pretenden obter nunca se acaban de corresponder co que se di". "Sobredimensiónase o emprego ou o investimento, mentres se infravaloran as consecuencias negativas ou os custos que tería que asumir a Administración polos problemas medioambientais ou pola destrución do territorio", engade Doldán, que destaca que estes proxectos mineiros "teñen unha vida moi curta" pero un impacto a moi longo prazo.

"Supoñen, en moitos casos, unha ruputra de relacións sociais e económicas xa deterioradas e a imposibilidade de reconstrución das mesmas", destaca. Acábase co modo de sustento económico de moitas familias e con sectores produtivos fundamentais, case sempre en zonas rurais onde a situación xa é mala "e onde precisamente se deberían fomentar as alternativas asociadas ao territorio nestes tempos de crise".

Serafín González pon como exemplo a polémica mina de Corcoesto, que durará uns dez anos. "Un ano para poñela en marcha, oito para explota e outro ano para desmontala; vai xerar postos de traballo, pero quedarán 8.500 toneladas de fariña de arsénico nunha balsa do tamaño de Aznalcóllar", explica, ademais de advertir dos prexuízos para as explotacións agrogandeiras, o turismo rural, a pesca ou a industria forestal, máis aló do terrible impacto medioambiental e paisaxístico.

Facilidades en tempos de crise


"As empresas aproveitan as facilidades que lles dan para sacar beneficios, levalos e deixar aquí, no mellor dos casos, postos de traballo temporais e, no peor, un enorme problema", insiste. Un problema co que adoita cargar a sociedade. Por iso, os colectivos e expertos contrarios a estes proxectos piden "que se avalíen os efectos negativos, incluído o risco de accidentes".

"Se nós estamos tan equivocados e a empresa tan segura de que non hai perigo ningún, supoño que terán doado convencer unha compañía de seguros para facer un cláusula de responsabilidade civil", di ironicamente González. Para Doldán, a "reconstrución social e do territorio" é sempre "imposible" porque os lugares onde se asentan estas minas "nunca acaban por volver á situación inicial". E pon un exemplo, tan básico como exemplificador. "En Corcoesto moita xente emprega a madeira dos montes onde se vai situar a mina como combustible para a súa casa; cantas familias terán que ir agora a mercar madeira fóra ou apostar por un derivado do petróleo? Cando marche a mina, teremos posiblidade de reconstruír a masa forestal? Imposible".

Polo camiño, pérdese moito, pero a falta de traballo e de expectativas de futuro estanlle poñendo unha alfombra vermella a empresas multinacionais que ven en Galicia un paraíso para os seus proxectos. A única esperanza, tal e como di Serafín González, é que "a presión cidadá obrigue a recapacitar á Xunta e a esixir uns estudos de impacto ambiental como deus manda". Polo visto ata o de agora, fará falta moita máis presión. De momento, o propio experto lidera unha recollida de sinaturas para pedir ao Goberno autonómico que impida "que arrasen Galicia".

Mais información: "As ameazas mineiras de Galicia" tambén en Praza.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario