17 ene 2013

A Asemblea de Inquilinos e Desafiuzados de GC asesta o seu primeiro golpe

Copio, traduzo e colo esta crónica da web das compas da Federación Anarquista de Gran Canaria por considerar eu que nela se expresan moi interesantes reflexións sobre a Okupación, o Asamblearismo e A Propaganda polo Feito que, ao meu entender, poden servir de exemplo en calquer lugar, se ben como as mesmas compas "canarionas" din: "Alertamos de que non queremos dar leccións a ninguén, só mover ao auto exame e compartir unha experiencia que para os participantes foi enriquecedora"

O sábado 12 foi un día intenso, e para os máis achegados, tamén complicado. A esperada Asemblea de Inquilinos e Desafiuzados (expulsada da Plazoleta Upsala por monstruosas maquinarias de obra) celebrábase a latexos de compromiso e abnegación, pois os que a organizaban se sentían obrigados a non se deixar arrastrar pola súa preocupación e a tragar o nó formado nas súas gargantas pola ausencia de dous compañeiros que poucas horas antes foran detidos.

Á devandita Asemblea achegáronse persoas de toda idade e condición, xente, que, participando en grupos interesados pola temática da vivenda, estaban famentos dunha vía máis "directa"; veciños do barrio con inquietudes; compañeiros e compañeiras (relacionados coa Federación polo vínculo da necesidade e a solidariedade) que participando xa na liberación de terras querían trasladar a experiencia aos inmobles urbanos; e, sobre todo, persoas con problemas de vivenda reais que esixían solucións reais.

As compañeiras e compañeiros explicaron as medidas tácticas propostas polo Grupo de Resposta Inmediata Contra os Desafiuzamentos, o proxecto suplementario de ocupación de terras abandonadas "Libera a Terra", o futuro establecemento dun Punto de Encontro Solidario (onde dar e tomar alimentos, roupas e aparellos) e fíxose público un listado de casas embargadas e baleiras, propiedade, todas elas, de entidades financeiras e bancarias. Non obstante, a urxencia vital dunha familia en concreto (proxenitores parados de longa duración e con 6 nenos) converteu o tema da okupación en punto cardinal da Asemblea. A Familia ía ser desaloxada ao día seguinte e necesitaban unha resposta inmediata. A Asemblea de Inquilinos e Desafiuzados tomou entón a decisión, de forma tácita, sen necesidade de votar nada, de proporcionarlle á devandita familia unha solución á maior brevidade posible: e nada lles pareceu máis breve que poñerse mans á obra á mañá seguinte (os compañeiros do Grupo de Resposta contaban xa cun traballo previo sobre o particular); e nada lles pareceu máis necesario e xusto que a de proporcionarlles un teito. A Asemblea de Inquilinos decidira: ocuparíase un inmoble abandonado propiedade dun banco.

Foi esa mañá cando se produciu un suceso practicamente inédito na infrutuosa historia das asembleas públicas e populares que se sucederon co tempo nesta illa: a resolución dunha Asemblea deixaba de ser un brinde ao sol e levábase á práctica. Non eran as 12 do mediodía cando se congregou e constituíu algo que tampouco tiña antecedentes na historia da loita social da illa: unha improvisada "caravana de ocupación". O espectáculo de 5 vehículos cargados de persoas, tan comprometidas e tan distintas, dispostas a liberar un inmoble, era algo difícil de explicar. A propia familia afectada, militantes anarquistas da FAGC, antigos membros do 15-M, o sector máis comprometido de "Stop Desafiuzamentos", díscolos cristiáns de base e xente sen outra ideoloxía que o traballo e a solidariedade, todos xuntos co obxectivo de executar un acto de Acción Directa e tomar un teito sen máis prerrogativa que a de carecer del.

O "convoi" dirixiuse cara ao lugar seleccionado. Alí, tal e como previamente se acordara, romperíase coa dinámica (en ocasións imprescindible) da okupación oculta e "á muda"; realizaríase unha ocupación masiva e pública, informando antes ao barrio do que se ía facer e facéndoos partícipes da situación. Tocando aos telefonillos e entrando en conversación cos veciños que se asomaban, cos que se encontraban na rúa ou cos que baixaban ao noso encontro, puidemos constatar o entusiasmo do barrio ante a idea de liberar casas abandonadas para familias condenadas á intemperie.

Informado o barrio, unha masa de xente amontóase tras unha porta mentres un compañeiro se encarga do fecho. A emoción mastígase. O ambiente está electrificado e os ollos parecen vidrosos. O fecho cede e a rúa enteira rompe nun aplauso. É o momento: sucédense os abrazos, as felicitacións e algunha bágoa. Fecho novo, auga e luz son o seguinte paso (a día de hoxe só resta a luz, e é cousa de horas). O obxectivo cumpriuse. A Asemblea de Inquilinos, convocada polo Grupo de Resposta Inmediata, remata, e non esaxeramos, de establecer un fito histórico no tocante á realidade canaria; un fito de cuxa importancia non son aínda conscientes.

Do sucedido poden extraerse moitas lecturas (alertamos de que non queremos dar leccións a ninguén, só mover ao auto exame e compartir unha experiencia que para os participantes foi enriquecedora):

En primeiro lugar, pódese facer unha reflexión en profundidade sobre o novo valor práctico que adquiriu a ferramenta asemblearia.

O 15-M foi positivo en moitos aspectos (puxo en contacto xente que doutro modo dificilmente se tivese encontrado) pero en moitos sitios, e especialmente en Gran Canaria, conseguiu algo totalmente negativo: desencantar a xente da dinámica asemblearia. Ante a experiencia vivida de interminables asembleas nas que só se teorizaba e discutía sobre "o sexo dos anxos", contrapuxemos o exemplo dunha Asemblea non só deliberativa ou autoexpresiva, senón inminentemente práctica. A Asemblea é un medio para tomar decisións colectivas na que os asambleados se comprometen a realizar o que acordaron. A razón disto, a Asemblea de Inquilinos rompeu o nó gordiano do inmobilismo e demostrou que o tempo dos discursos pasou: é hora de pasar das palabras aos feitos, das consignas aos actos.

En segundo lugar a devandita Asemblea rompeu as estruturas nas que se encorsetara a actuación contra os desafiuzamentos. Cando as plataformas implicadas na temática da vivenda (cuxo labor é polo xeral encomiable) deixan de empatizar co sufrimento alleo e empezan a envorcarse na estrutura da propia organización deixan de ser efectivas. Cando ante unha ondada de morte e dor, como a que supoñen os desafiuzamentos, se empeza a falar de festas e celebracións, e a desviar a atención dos obxectivos máis urxentes, hai que pararse en redondo e considerar que algo se perdeu polo camiño. É entón cando fai falta ofrecer outra alternativa. Ningún acto lúdico festivo conseguirá promover máis unha organización do que o faría o propio traballo. A xente que vai ser desafiuzada non se achega a quen lle ofrece un quiosco para que tome unha cervexa, senón a quen lle ofrece solucións de urxencia. Nada atrae máis a atención sobre unha organización que o labor práctico, pois, como dicimos os anarquistas: "a propaganda faise polos feitos".

Por outro lado, hai que abrir necesariamente o marco de intervención, e non só no referente ao tema da actuación "legal" e "ilegal", senón no tocante á nosa mirada social. Considerar que a única problemática a ofrece actualmente a hipoteca, é esquecer as duras condicións na que vive a clase inquilina sen recursos. Dende unha óptica de clase media solvente, podemos imaxinar a atrocidade que supón empezar pagando unha hipoteca de 600 euros, ata non lle poder facer fronte cando chega aos 1.000; pero non podemos ser conscientes da situación dos que nin sequera dispoñen de 300 euros para pagar o aluguer. A situación da vivenda, no seu factor humano, esixe adoptar unha vía máis integral.

En terceiro lugar rompeu tamén unha dinámica perversa que durante anos, de forma invariable, absorbeu o tema da okupación en Gran Canaria. A maioría de ocupas da illa dedicáronse, con predilección, a "liberar" espazos só para volver privatizalos. A Asemblea de Inquilinos introdúcese na temática da okupación coa intención de poñer a disposición popular, do barrio e das familias desafiuzadas, os inmobles liberados. Entende que é antitético expropiar un espazo só para despois volver transformalo en propiedade privada. Quere romper con esa inercia que converte ás casas okupas en circuítos pechados de autosatisfacción, dedicadas en exclusiva ao esparexemento e disipación dos seus ocupantes, mentres se vive de costas á dor do barrio no que se sitúa. Non é posible que se libere un espazo coa prioridade de acoller os que queren xogar a "okupar", mantendo sempre seguro o camiño de regreso ao fogar paterno/materno, cando hai outras persoas que non teñen ningunha ponte ás súas costas e aos que só lles queda a rúa e a morte. Non ten sentido falar de "okupación social", de "aloxar familias desafiuzadas", cando un inmoble se destina en exclusiva ao solaz de "turistas revolucionarios" e "erasmus alternativos". Non ten nome, máis alá dos adxectivos de hipocrisía e crueldade, usar a coartada das familias sen fogar, para granxearse o favor social, e despois mirar con desprezo a quen toca á túa porta para buscar acubillo. Socializar quere dicir poñer en común, a disposición social, e é iso o que na Asemblea de Inquilinos do día 12 se decidiu facer cos inmobles liberados, e é iso o que o día 13 se levou á práctica.

Máis alá do aprendido, do "músculo" revolucionario que colectivamente exercitamos, cremos que se podería dicir, sen equivocarnos, que para todos os que tivemos a sorte de participar nos feitos referidos, a posibilidade de realizar unha okupación masiva e pública, co apoio do barrio, foi unha experiencia vital imborrable e, aínda que agora non sexamos conscientes, un punto de inflexión na loita social desenvolvida neste pequeno punto do Atlántico.

"A lei é forte, pero máis forte é a necesidade" (Goethe).

Noticia colada por Edu

No hay comentarios:

Publicar un comentario