Poucas vezes daremos acá reconhecementos a um meio nom alternativo como é o Diário de Ferrol, mas ontem publicarom umha entrevista a Sílvia, a moça sequestrada e libertada em apenas 40 horas pola polícia espanhola, que merece ser reproduzida neste blogue, assim que copiamos e colamos, tal qual foi publicada e podedes le-la à ìntegra clicando em "Leer Más".
Se bem antes quiger ressaltar da entrevista, pola sua estranheza, esta parte que recolhemos no cabeçalho: "Quando saim da casa digérom-me: “Colhe quartos”. Perguntei para que. “Para virte de Madrid”, respondérom-me. E pergunto-me, dado que o habitual neste tipo de detençons é que a polícia ou a guarda civil exproprie tudo o dinheiro que atopa nas vivendas registradas (além de objectos persoais, computadoras, livros,...), como é que numha operaçom no que o suposto objectivo era deter ao aparato de FINANCIAÇOM de Resistência Galega, nom requisarom tudos os quartos??
Entrevista Carmela López .
A veciña de Narón Silvia Casal e a súa parella, Xulio Sayáns, foron detidos a pasada semana e trasladados a Madrid pola súa suposta colaboración con Resistencia Galega. Tras dúas noites e un día de incomunicación, a xove foi posta en liberdade sen cargos, mentres que o seu compañeiro está en prisión preventiva. Onte, Silvia, co seu bebé de oito meses, accedeu a relatar a súa experiencia para este xornal.
Como se atopa?
Un pouco alucinada, e dándome conta de que somos unhas piltrafillas, que poden facer con nós o que lles dá a gana. Pensaba que aínda había un pouco de xustiza e xente que controlaba o que é perigoso e o que non, pero vexo que non hai ningún límite. Poden facer o que queiran coas persoas, sen consecuencias. Estou defraudada, é coma unha obra de teatro, pura ficción.
E Xulio?
Ben. Está tranquilo, seguro de que vai saír, e en mans dos avogados. Pediron a orde de liberdade xa o luns, pero os rollos burocráticos van despacio.
Como ocurreu todo?
Estabamos xa deitados na cama durmindo ó neno, e escoitamos ruídos na porta. Cando xa eran desmesurados, abrimos e xa vimos que era a Policía. Dixeron que nos ían aplicar a lei antiterrorista. Eu fun para unha habitación e o meu compañeiro para outra e non nos volvimos ver.
E o neno?
O neno, conmigo, ata que me mandaron tomar unha decisión que era ou que viña Servizos Sociais a buscalo ou que tiña que quedar con algún familiar. Claro, a miña preocupación é que eu son nai lactante, o neno só toma o peito, e entón dixen que tiña que estar comigo. Respondéronme que de ningunha maneira, polo que decidín darllo a un familiar, evidentemente.
Canto tempo estivo o neno con vosoutros?
Estivo durante todo o rexistro, pero non teño noción, porque estaba en shock. Foi moito tempo. Sei que entrou moita xente, máis de dez, todos encapuchados, menos tres persoas. Unha foi a que estivo custodiándome a min e a Martiño. Cando baixei á rúa foi cando vin o despregue.
Que lle dicían?
Nada. Nós non sabíamos nin de qué se nos acusaba. Entereime cando saín e chamei á familia e lles dixen: “Estou aquí en Madrid, soa, que pasa?”. A primeira noite pasámola na comisaría de Ferrol e despois para Madrid, separados, sen contacto ningún co exterior, ata o día seguinte, que a Policía me deixou en liberdade. Non sabía nin que hora era.
Como foi o trato policial?
Aparentemente bo, non houbo violencia nin comigo nin con Xulio. Que pasa? Que no camiño foi pregunta, pregunta, pregunta, interrogatorio puro e duro. Despois non tiven contacto con ningún xuíz. Cando saín da casa dixéronme: “Colle cartos”. Preguntei para que. “Para virte de Madrid”, respondéronme. Entón xa sabía que ía saír en liberdade.
Como foi ese momento?
Cando saín dixen “e como fago”, e indicáronme: “Hai unha boca do metro, vai ata Chamartín que de alí saen trens e buses”. Despois quedei, porque a miña familia díxome que Xulio ía declarar ó día seguinte.
Tivo que ir á Audiencia?
Eu só fun a polo carné de identidade. O xuíz preguntoume se sabía por que estaba alí. Díxenlle “agora si”, e pouco máis.
Foi detida por suposta colaboración con Resistencia Galega.
A min paréceme moito de película. Eu non sei que é; ás veces na prensa din que Resistencia Galega reclama a autoría dunha explosión ou algo, pero non sei nin quen son, nin se existe ou non.
O Ministerio dixo que lles interviron material informático.
Estamos restaurando unha casa en Neda, levamos dous anos e medio coas obras, e podémolo facer grazas ó plan de rehabilitación. Bueno, pois eu teño un ordenador portátil, no que están as facturas da casa, porque temos que entregar todo á Xunta.
Quedou libre de cargos.
Si, sen ningún tipo de cargo. É que, aparte, somos uns mortos de fame, que é o que me fastidia. Estamos vivindo nunha casa dos meus pais porque non nos daba para amañar a de Neda e pagar un aluguer. O meu coche leva alí parado un mes porque non teño nin para amañalo. Somos activistas culturais dende hai mogollón de anos. Sempre estivemos moi vinculados co movemento cultural e social.
Como está o tema de Xulio?
Todo está en mans do avogado. O sábado fomos velo. Está en aillamento porque non quere compartir cela con ninguén. Está alucinando no cárcere e preocupado polo que nos poida estar pasando a Martiño e a min fóra, pero sereno, dicindo que isto é cuestión de tempo.
Vai tomar algunha medida?
Non sei como van estas cousas, todo está en mans dos avogados. Eu pensaba que tiñamos dereitos. A conclusión que saco disto é que as persoas temos que saber de leis. Estou perdidísima.
E a familia?
Foi un mazazo brutal. A miña irmá, cando veu buscar o neno, flipou, pensou que matara a alguén, porque non entendía tanto despregue. Nós somos unha parella normal, Xulio estudia un ciclo de madeira, coida o seu fillo, eu dou clases de teatro. En parte fago esta entrevista porque comprendo que os pais e nais que deixan os fillos ó meu cargo teñen que estar preocupadísimos. Quero explicarlles que isto é unha pura manipulación. Recuperar a confianza é difícil, pero que estén tranquilos. E tamén polos nenos e as nenas; como se lles explica isto? Logo, os meus pais... sempre se sementa a dúbida, non por eles, coñéncennos e teño todo o apoio da familia e dos amigos. Pero xa mo dicía a Policía: “Ós teus pais vanos sinalar como que teñen unha filla terrorista, acabóuseche o teatro”. As imaxes de xente resistíndose e ollas exprés con dinamita non teñen nada que ver con nós.
Notícia redactada e copiada por Edu
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario