Hai pouco máis dunha semana o concello da Coruña aprazou durante dous días a inauguración do recén construído paseo do Parrote, supostamente por "atrasos de ultima hora motivados polas chuvias". Pois ben, vimos de saber de fontes anónimas próximas á realización das obras que toda esta explicación oficial non sería se non unha patraña urdida para ocultar o verdadeiro motivo do atraso: a limpeza dunhas pintadas aparecidas nas paredes do paseo alusivas á operación "Pokemon" (na que se atopan "pringados" varios cargos públicos coruñeses), á corrupción e á dilapidación do diñeiro público.
Segundo constatamos por informadores da máxima solvencia, este sería o verdadeiro motivo de que a pomposa inauguración, á que ata invitaron ao alcalde de Miami, se vise posposta durante máis de corentaeoito horas. Ao parecer as devanditas pintadas foron borradas completamente, facendo desaparecer calquera leve vestixio destas, polo que non puidemos saber o seu contido exacto. Aínda que, como xa dixemos antes, aludían á corrupción e á dilapidación dos cartos municipais.
Quizais todo isto explique por que a policía local prohibiu escasos días máis tarde o mercadiño de Monte Alto, que durante os últimos anos só se cancelou en tres ocasións e sempre en represalia por protestas e manifestacións. Nesta ocasión a persecución chegou a tal extremo que non só non lles deixaron montar os postos no seu lugar habitual se non que os perseguiron ata o Campo dá Leña, onde se celebraban os actos do orgullo gay, para impedirlles tamén alí realizar a "perigosa" actividade do intercambio de obxectos á marxe do diñeiro. Por que ante unhas anónimas pintadas contra a corrupción deciden tomala contra o "mercado de troco" de Monte Alto? Difícile incógnita da vida que só dende un concello de déspotas corruptos saberían respostar.
O que está claro é que poucas veces unhas simples pintadas tocaron tanto os narices.
Baseado en fontes anónimas. Pikachu Rañolas para Abordaxe
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario