Colamos do seu blogue:
Somos a Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, que agrupamos un conxunto de vítimas e familiares de vítimas do terrible accidente ferroviario acontecido polo 24 de xullo de 2013 na curva de Angrois, preto de Santiago de Compostela, a maior traxedia ferroviaria dos últimos 70 anos e, como consecuencia da cal, hai 80 falecidos e 148 feridos, algúns deles con lesións irreversibles.
Vostede, o seu Goberno e o seu Grupo Parlamentario, todos do Partido Popular, negáronse reiteradamente a que tanto en Galicia coma en Madrid se celebre unha Comisión de Investigación Parlamentaria para que se depuren responsabilidades políticas. Recorda vostede cantas veces algúns grupos da oposición, como o BNG ou AGE, lle solicitaron dita Comisión ou xa perdeu a conta?
Tomou vostede algunha iniciativa para que saiba a verdade?
Leuse vostede os informes periciais independentes, que obran na causa xudicial, gran parte de cuxo contido se publicou nos medios de comunicación, sobre os incumprimentos constantes da normativa ferroviaria por parte de Adif, Renfe e o Ministerio de Fomento?
Sabe vostede que houbo un aviso por parte do Xefe de Maquinistas advertindo da perigosidade da curva, ao que non fixeron caso nin Adif, nin Renfe, nin o Ministerio de Fomento baixo a dirección do seu partido?
Sabe vostede que todos eses informes técnicos din que o accidente se podía ter evitado se se tivese contado coas medidas de seguridade propias da Alta Velocidade?
Sabe vostede que aos incautos cidadáns que tivemos a desgracia de coller ese tren nos enganaron tanto o Goberno anterior (do PSOE) coma o seu (do PP), vendéndonos o produto como Alta Velocidade con tecnoloxía punta, a pesar de que non cumpría nin minimamente coa normativa esixible en materia de seguridade?
Sabía vostede que o día 25 de xaneiro o Goberno de España tivo que publicar no BOE un Real Decreto Lei para aprobar a creación dunha Axencia de Seguridade Ferroviaria, que xa estaba creada (sen funcionamento) dende o ano 2006, para intentar parar un expediente que a Unión Europea iniciou contra o Estado Español por non cumprir a normativa europea en materia ferroviaria?
Comparte vostede as palabras do Secretario de Estado do Ministerio de Fomento, Sr. Catalá, sobre non falar mal da Alta Velocidade española para non "estragar" os negocios das empresas españolas?
Sinceramente, nós non podemos crer que vostede non coñeza todos estes datos e seguramente moitos máis, porque só hai que facer o esforzo de escoitar, ler e pensar, sen intentar facer propaganda.
Pero de todo iso, o que nos parece indignante é que vostede se preste a protexerse das nosas críticas escondéndose tras o recoñecemento á grande humanidade demostrada polos veciños de Angrois e de todos os profesionais que nos axudaron.
O día 24 as vítimas renderemos unha homenaxe en memoria dos falecidos e agradeceremos aos veciños de Angrois e a todos os traballadores a súa estimable axuda durante e despois da traxedia, a cal se podería ter evitado como puidemos saber agora os cidadáns.
Lemos nalgúns medios galegos que a Xunta de Galicia vai entregar o día 24 de xullo unhas medallas de ouro aos veciños de Angrois "como homenaxe ás vítimas" e, sinceramente, non saímos do noso estupor, xa que nos parece indigno que vostede, todo un Presidente Autonómico, corra veloz a esconderse tras os veciños de Angrois, coma se fóra un rapaz que se esconde detrás das faldras da súa nai, para poder protexerse das nosas críticas. Nin os veciños de Angrois, nin os traballadores, nin as vítimas merecemos iso.
É difícil para nós entender que pretende con estes actos, porque se verdadeiramente tivese un mínimo interese e preocupación polas vítimas e as súas familias o que faría sería axudarnos a saber a verdade e a buscar a todos os responsables políticos da traxedia, aínda que sexan do seu partido, que paguen pola súa irresponsabilidade e que xamais volvan ocupar posto ningún nas institucións que pagamos todos os cidadáns.
Non nos ofenda, Sr. Feijoo, nin vostede nin ningún outro membro do Goberno, do Partido Popular ou do Partido Socialista, nin de ningunha outra institución que non mostrase con absoluta claridade que os cidadáns, neste caso as vítimas, importámoslles algo. Os sentimentos, cando se converten nun puro teatro, son a peor das ofensas.
Deixe as conmemoracións para outro momento, as vítimas e familiares o que necesitamos e esiximos é saber a verdade, que se depuren responsabilidades e se honre os que xa non están porque hai un ano se permitiu que un tren lles arrebatase a vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario