Damoslle pulo a este artigo de SermosGaliza asinado por Xosé Lois García, quen conta da súas vivencias xunto a Salvador Puig, da súa amizade pese ás diferencias ideolóxicas e de como viviu os momentos da detención e posterior asasinato de estado por "garrote vil":
Nese primeiro encontro na miña casa, “El metge” deixou falar ao Ricard, presentándome como “Alfonso”, meu nome clandestino, e continuou: “és marxiste i nacionalista gallec”. Puig Antich deulle unha ollada de complicidade e nos tres floreceu un riso picardo. Puig tomou a palabra para dicir que o que nos unía era a loita obreira e que non nos desunía o ser anarquista ou marxista, que el bebía das dúas tendencias ideolóxicas e que amaba a loita de liberación dos pobos, entre eles a súa Cataluña e, tamén, Galiza. Ofreceuse a que lle enviara mil panfletos de IDGA para distribuílos en fábricas. E convidoume a colaborar en piquetes e en manifestacións obreiras, con presenza anarquista. Comprendín que a ideoloxía non tiña porque marxinar a acción conxunta entre as diversas particularidades da esquerda. Nesa ocasión preguntoume se o departamento tiña unha só saía, confirmeille que si. Comentou: “això és una gàbia perillosa” (isto é unha gaiola perigosa). Cando se ergueu vinlle debaixo da chaqueta vaqueira a empuñadura da pistola, que sobresaía do peto interior esquerdo.
Vímonos outras catro veces, el escollía os lugares de encontro. O que me resultou curioso era que escollía espazos abertos e moi transitábeis, como a terraza diante do Drugstore da Plaça Lesseps, ao lado da boca do metro. Outra vez nunha terraza diante da boca do metro de Camp de l’Arpa e, tamén, na Plaça de Sants, ao lado da boca do metro e sempre sentado de cara a beirarrúa. A penúltima vez que nos vimos, foi na miña casa, alí chegaron Puig Antich e de Vargas Golarons, foi unha visita breve, dado que non lle agradaba estar pechado entre catro paredes e cunha porta só, era co gallo do meu despido de Seat (abril de 1973) a consecuencia dos paros e da ocupación das oficinas de dirección, os trinta ocupas fomos despedidos, isto provocou grandes loitas e solidariedades en todo Cataluña. Nesa ocasión, Puig Antich abriu a chaqueta vaqueira e sacou dun sobre 11000 pesetas que era o salario que se ganaba en Seat, díxome que era diñeiro revolucionario para revolucionarios, rinme e negueime a collelo, alegando que había un fondo de reservas de recollida de diñeiro polos obreiros de Seat para os despedidos e que cobraríamos até que se efectuara o xuízo en Maxistratura. Non ficou moi conforme mais aceptou. O último encontro foi na xa dita Plaça de Sants, naquela ocasión entregoume algúns libros libertarios e algúns tiñan un carácter humanista. O humanismo e a ética revolucionaria era unha tendencia moi detectábel nas conversas de Salvador Puig Antich. Cando falaba da xente humilde e dos obreiros con problemas de subsistencia e, sobre todo, doíase das represións contra os traballadores. Humanismo e existencialismo foron dous atributos moi distinguidos da súa personalidade. Admiro do “metge” ese respecto á ideoloxía do seu interlocutor. Os dous tivemos ocasión de falar de temas doutrinarios de anarquismo, marxismo e nacionalismo e nunca houbo reproches, belixerancias ou tentar persuadirme cara as filas do MIL. Para os dous o concreto era o desafío e a loita contra a ditadura.
En setembro de 1973 había un desasosego enorme en toda a esquerda, polo sanguento golpe de Estado de Pinochet en Chile, eu estaba en Merlán cando lin unha refrega entre anarquistas e policías con un axente morto en Barcelona, saía o nome do suposto autor nos xornais, Salvador Puig Antich. Non me soaba tal nome. Dous días despois veu a garda civil a preguntarlle á miña mai porque eu estaba tanto tempo con meus pais e que facía. Pensei que eran unhas preguntas de rutina, dado que fora despedido e estaba nas listas negras dos empresarios, non lle dei importancia. De regreso a Barcelona, en Ourense, merquei o xornal e viña a foto del. Fiquei xeado mais saíu unha exclamación: “Ostia, este é o “metge”! En Barcelona xa non fun ao meu apartamento, dei mil voltas para encontrar ao Ricard. Ao final vímonos e recomendoume estar lonxe da casa até non saber polos avogados se tiña dado nomes, el estaba fugado até que soubemos que o “metge” non podía falar porque unha bala lle tiña atravesado a boca.
Desde setembro até o 2 de marzo, a cidadanía de Barcelona e do Estado español foi agrandando un movemento de cara a conmutación da pena de morte. Eu mesmo, como socio do Centro Galego de Barcelona, nunha asemblea da entidade fixen a petición de que a directiva cursara unha petición de indulto para Salvador Puig Antich. O presidente Manuel Casado Nieto, ergueuse todo arroutado para dicirme que estas cousas de Estado non correspondía tratalas no Centro Galego, eu insistín arroutado e ademais pregueille ao presidente que constase en acta a miña petición. Casado Nieto que era maxistrado na Audiencia de Barcelona, levoume ao se despacho, con toda delicadeza, e xa sen irritacións nin berros, por parte dos dous, díxome que eu tiña razón mais que a el o estaba comprometendo. Casado, foi un bo e decente amigo meu, era de dereitas, pero era un “bo e xeneroso” galego e con grande amor a Galiza.
Naquel sábado 2 de marzo, erguinme e puxen a radio e non facía mais que repetir as palabras do ministro de Información e Turismo, Pío Cabanillas Gallas, de que os bandidos Salvador Puig Antich e o alemán Heinz Ches foran pasados polo garrote vil. A insistencia manipuladora do réxime foi un intento de baixar a tensión sobre este crime de Estado. Lembro de pechar a radio, coller o abrigo e dar un paseo en silencio e de impotencia pola Ciutadella de Barcelona. Pola noite fun ao cine foro que se facía de maneira clandestina na cripta, ou subterráneos da igrexa de Montserrat, no Guinardó, en vez de ver e comentar películas estivemos falando dese crime e do enorme humanista que era Salvador Puig Antich.
Este pasado día 2 de marzo, volveron as lembranzas a resucitar vellas causas de loita, dignidade e xenerosidade, bastante lonxincuas dos rancores e desunións que se observan en tamañas sombras e tebras que negan o pan e o sal a quen produce plusvalía. Chamei a Ricard de Vargas Golarons, o meu vello e actual amigo e irmán en tantas solidariedades, el está cego, mais asistiu ás diversas homenaxes no cemiterio de Monjuic. Lembramos moitas cousas, moitas accións. Salvador Puig Antich, sempre é homenaxeado polos que temos gratas lembranzas da súa memoria, feita crónica e historia viva deste loitador contra ditadores e parasitos que aínda continúan degradando convivencia e solidariedade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario