10 ene 2014

[Vigo] Denuncia de brutal agresión policial

Colamos de Esculca:

José María M.V., 42 anos, casado e con dúas fillas. Na actualidade está no paro. Traballou sempre de camareiro ou na construción. Desde hai 20 anos vive en Vigo sendo orixinario do Bierzo (León). Nas mañanciñas dedícase a levar currículos polas distintas cafeterías e atende os quefaceres do fogar. Entrementres a súa muller traballa nun establecemento que é popular polas súas empanadillas.

O pasado 2 de xaneiro José María, acompañado pola súa esposa María Lourdes, tralo convite realizado polo seu amigo Jesús, que estaba de santo, trasladáronse até a cafetería O Festín na rúa Rivera Atienza, 3 (Esquina Fontáns) en Vigo, onde compartiu tranquilamente unhas copas cos seus amigos.

A sorpresa de José María e dos clientes do mencionado bar, foi a entrada de forma abrupta no lugar de máis de sete membros da policía que presuntamente dispoñíanse a realizar un control de drogas, xa que non existiu denuncia ningunha nin se producira tampouco ningún altercado anterior.

José María, a súa muller Maria Lourdes e o seu amigo Jesús, quedaron sorprendidos pola maneira na que a policía accedeu ao devandito establecemento. Un dos policías nacionais de forma impulsiva solicítalle que mostrase as cousas que tiña nos petos. Ao comezar a realizar o pedido policial, o mencionado policía colleuno do brazo e de xeito violento retorceullo e golpeouno salvaxemente, arroxándoo ao chan para logo poñerlle as esposas e seguir golpeándoo no exterior do local, con outros policías.

Esta brutal actuación policial prodúcese perante a súa muller, que inquire aos axentes que lle aclaren cal era o motivo da malleira que estaba recibindo o seu marido e o causa pola cal estaban procedendo á súa detención. Ao ver que non lle facían caso ningún ás súas demandas, decidiu solicitar a identificación do policía que estaba agredindo á súa parella. O axente negouse a darlle o número de placa. A acción foi tan desmedida, que sorprendeu a algúns dos propios integrantes da devandita comitiva policial.

As feridas e golpes recibidos por José Maria fixeron que a mencionada patrulla policial tivese que trasladarse primeiro ao Hospital Xeral de Vigo, para facerlle as correspondentes curas, para logo trasladalo á comisaría, onde pasou toda a noite. Ao día seguinte foi posto a disposición do xulgado de Instrución Número 3 de Vigo, cuxa maxistrada é a xuíza María Sol López Martínez. A denuncia efectuada pola Policía foi caracterizada nas dilixencias previas como: Resistencia Grave, desobediencia á autoridade, insubordinación a axente da autoridade...

José María non portaba drogas, non é adicto a sustancia tóxica ningunha, non ten antecedentes penais. Non é sospeitoso de nada nin moito menos integrante de ningunha organización violenta ou radical xa que é votante do Partido Popular. Este traballador en paro foi vítima da actual lexislación penal que permite este tipo actuacións policiais. É a herdanza da desafortunada Lei Corcuera. E o máis terríbel é que moi pronto vaise endurecer aínda máis a devandita lexislación dando maiores atribucións á policía. O Proxecto de Lei de reforma do Código Penal e o Proxecto de Lei de Seguridade Cidadá son mostras do terríbel endurecemento da lexislación penal que o ministro Gallardón deseñou e cuxo principal obxectivo é amedrentar e reprimir ao conxunto da cidadanía, especialmente aos mozos e mozas.

José María saíu dos xulgados sen saber o motivo polo que fora golpeado indiscriminadamente, nin tampouco porque fora detido. Durante toda a noite preguntábase cal fora o seu delito e sentíase denigrado e humillado...a súa faciana, a súa vestimenta xuvenil, a idade, a súa aparencia... seguramente era a foto-robot dun potencial drogadicto que aqueles policías tiñan na súa mente para o cacheo, o maltrato, os golpes e a detención. No seu pensamento emerxía a figura afábel e afectuosa da súa muller, as súas xoviais fillas menores, pero tamén unha tremenda sensación de impotencia ante a impunidade que determinadas actuacións policiais seguen tendo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario