2 nov 2013

Resposta do Valedor do Pobo ás queixas polo proxecto mineiro de Corcoesto

Colamos da SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural):

SGHN ven de recibir a resposta do Valedor do Pobo respecto ás 628 queixas que recibiu (incluida a de SGHN) relativas a diferentes aspectos do proxecto de explotación mineira de Corcoesto (PDF). Un dos paragrafos máis trascendentais é o que se inclúe na páxina 4:

"A través de manifestacións en sede parlamentaria coñecemos que a administración finalmente rexeitou o proxecto, polo que xa non resulta preciso formalizar as actuacións que se poderían deducir de todo o dito. O que coñecíamos nas queixas era un trámite global no que existían diferentes actos de trámite das dúas consellería que actuaban, o órgano substantivo (Consellería de Economía e Industria) e o ambiental (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas); e dado o rexeitamento global do proxecto, este ten como consecuencia que decaían todos os actos de trámite do mesmo, entre eles a avaliación ambiental. Non resulta aplicable o previsto para a posible caducidade das declaracións, posta que a pervivencia durante un prazo prevese para os casos en que se deu a autorización ou aprobación do proxecto e este non comezara a executarse (art. 14 do Real Decreto Lexislativo 1/2008)."

Xa que logo, caso de concretarse finalmente nunha resolución oficial firme as "manifestacións en sede parlamentaria" do Presidente da Xunta de Galicia durante o debate do Estado da Autonomía, quedaría automáticamente anulada a Declaración de Impacto Ambiental positiva do proxecto, como ven reclamando insistentemente SGHN dende que se fixo pública hai 10 meses.

Sobre o arsénico

"Así pois, sendo acertada -e concordante cos estudos- a afirmación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de que a orixe do arsénico é natural, no entanto debe tamén afirmarse que a actividade mineira e os procesos de explotación non resultan neutros a estes efectos, senón que aumentan os niveis dispoñibles... resultaba unha obriga derivada do principio de prevención que, antes dunha eventual aprobación -o que agora se descarta-, se determinaran con exactitude as posibles relacións de causa e efecto entre as concentracións de arsénico e a anterior explotación."

"Relacionado coa presenza de arsénico ... Aínda de non coñecerse a relación causa-efecto entre a actividade mineira e a contaminación, o feito indiciario da súa coincidencia debería obrigar a facer efectivo o principio de precaución para o caso de continuar a tramitación -cousa que, como vernos, non sucede-, de tal forma que se estude adecuadamente o sucedido e se asegure que se adoptan medidas adecuadas, cousa que non se aclaraba"
.

Sobre o cianuro

"...á hora de avaliar as moitas queixas recibidas o Valedor do Pobo tivo moi presente a resolución [do Parlamenteo Europeo sobre a prohibición do cianuro], dada a natureza parlamentaria desta institución. Sería conveniente que se examine e resolva sobre a proposta, a prohibición do cianuro."

Sobre a avaliación ambiental e a autorización ambiental integrada

Ao contrario do feito pola Xunta de Galicia, "A tramitación simultánea é a práctica mais adecuada".

Sobre a afectación a zona ambientalmente protexida

"A afectación, aínda que sexa indirecta ou posible, de zonas ambientalmente protexidas (neste caso L1C e ZEPA) debería ser obxecto de avaliación específica; debería constar de forma expresa que se acredita o plus de protección que require a circunstancia."

Sobre as consecuencias do proxecto nos sectores económicos da zona

"...debería terse valorado a incidencia nas persoas afectadas, non só nos aspectos sanitarios ou estritamente ambientais, senón en calquera dos ordes da súa vida, entre os que se atopan de forma destacada o social e o económico, que resultan inseparables dos demais, como se desprende do texto legal citado."

Sobre a protección do patrimonio cultural

"A través dunha queixa (0/2122/12) confirmouse que o estudo arqueolóxico achegado pola empresa era antigo... Os estudos posteriores non emendan o defecto que supón a carencia do estudo de impacto, que saíu a información pública sen incluír unha parte preceptiva de forma adecuada. Por esa razón formulamos unha recomendación para que se esixa que o previo estudo teña o contido legalmente establecido, de tal forma que cando saia a información pública se atope completo; e que, para tratar os efectos do estudo incompleto coñecido na queixa, se avalíen as consecuencias xurídicas do tratado."

No hay comentarios:

Publicar un comentario