10 jul 2013

Corcoesto: vitoria temporal e falencia da bolla aurífera

Collemos e defundimos de ContraPoder

Foi a nova do día. Onte a Xunta do Partido Popular, através da Consellaría de Economía e Industria, tirou de nota de prensa para fazer pública a paralisación dos trámites da autorización á multinacional Edgewater para instalar o tan contestado proxecto mineiro de Corcoesto. O motivo oficial, lonxe de vir sustentado nas demandas veciñais, na forte agresión ambiental que constituiría para a comarca coa consecuente degradación de acuíferos e actividades agro-gandeiras ou na polución legada ás xeracións vindeiras solvéntase cun criterio técnico: “a empresa debe acreditar unha solvencia mínima do 25% de fondos propios no investimento do proxecto”.

A propia administración autonómica, que semanas atrás denegaba a autorización a outro proxecto mineiro en terras da Limia (Ver acá en Abordaxe), teríalle comunicado esta decisión á propria mineira canadiana. Todo isto sucede meses despois de ter aprobado o informe de impacto ambiental do que a empresa continúa a fachendear no seu web como alicerce da viabilidade do proxecto, e que suscitou a máis grande campaña ambientalista que viveu Galiza desde os tempos do Nunca Máis.

A resposta da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños non tardou en chegar e considera o anuncio da Xunta como “propaganda institucional” ao non vir acompañada da publicación no DOGA e afirma que debería vir acompañada da cancelación da Declaración de Impacto Ambiental.(ver aquí a sua Nota de Imprensa)

Así, a nova non colleu por sorpresa a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, que o pasado 1 de xullo alertaba que a filial da mineira carecía dos mínimos recursos para enfrontar un desastre ambiental. De feito, baseándose en informes da Sociedade Galega de Historia Natural, fronte aos “300 ou 350 millóns de euros” que serían precisos para enfrontar unha catástrofe ambiental “de custe irreparábel”, Mineira de Corcoesto S.L apresenta unicamente “un patrimonio neto dun millón de euros, computando as subvencións recebidas da Xunta pendentes de imputar aos resultados do exercício”. Este balanzo inviabilizaría incluso o pagamento das súas débedas, que ascenden xa a 4 millóns.

E quizais tampouco sorprenda á propia mineira, un feito comprobábel na concentración realizada o 5 de xullo diante do Parlamento Galego por “colectivos” apoiantes da mina, entre os cales se atopaba o rexedor de Cabana (PP) e outros políticos do partido da dereita xunto ao para-sindicato amarelo USO.

A bolla aurífera desincha

Sen dúbida, a multinacional canadiana premeu todos os resortes posíbeis para a materialización do único proxecto aurífero co que conta a día de hoxe, xunto a outro en Ghana. Contodo, a cotización bursátil de Edwater no Canadá tería caído un 70% nos últimos 12 meses, denotando o refluxo que outras mineiras están a experimentar logo da depreciación deste mineral, que atinxe unha baixa do 20% desde os máximos de 2011. Aliás, dáse por sentado que o ouro manterá a dinámica depreciativa após os EUA mobilizaren as súas forzas financeiras para recuperar o patrón-dólar como reserva internacional.

En resumidas contas, é innegábel que a paralisación temporal do proxecto mineiro de Corcoesto constitúe unha vitoria (por agora parcial) para os colectivos ambientalistas e os milleiros de galegas e galegos que se sumaron ás campañas de contestación, conducíndonos á tan recorrida (pero nunca suficientemente comprendida) máxima de que a “a loita é o único camiño”.

Neste sentido, da mesma Xunta do Partido Popular que abenzoou cun Plano Sectorial de Actividades Extractivas as extraccións en case calquera ponto da nosa xeografía, incluso en áreas protexidas —e que, con certeza, aínda non retirou— podemos agardar calquera cousa. Por todo isto, é preciso mantérmonos vixiantes perante os futuros movementos mineiros, xa que, como nos teñen acostumadas, son auténticos expertos en xerar manobras de distracción para acalmar os ánimos mobilizadores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario