23 may 2013

"Suicidio" en prisión?

Hai uns días sorprendeunos (ou non tanto) a noticia de que un preso morría aforcado na súa cela de illamento pouco antes de declarar como testemuña nun xuízo contra carcereiros. Máis sorpresivo fáisenos o asunto ao saber que o presunto suicida tiña unha condena reducida (só de dous anos) e que era a única testemuña que sostiña a acusación de malos tratos contra varios carcereiros da prisión de Maó en Menorca, pois outros catro internos que presenciaron os sucesos se negaron a declarar (á vista dos acontecementos, quen llo pode reprochar?).

Pois se esa noticia saltou á palestra mediática a semana pasada, xerando serias dúbidas sobre as circunstancias da morte de Carlos Silva tras unha semana hospitalizado con morte cerebral (noticía en TOKATA aquí), a recente declaración por parte doutro preso afirmando que os carcereiros propinaron unha malleira a Carlos o día antes do seu "suicidio" non fai se non escurecer aínda máis tan turbio asunto: Se a implicación dos funcionarios de prisións no suceso antes xa parecía moi probable, agora tórnase prácticamente evidente (noticia desta nova declaración tamén en TOKATA aquí).

Lamentablemente o final de tan tráxico sainete podémolo anticipar de antemán: Aos funcionarios nada lles pasará por "falta de probas", se acaso non os premian ou promoven, e á nova testemuña ninguén lle envexará a súa sorte no que lle resta de condena. E aínda que, contra todo prognóstico, a condena aos carcereiros finalmente se fixese efectiva, cosa farto improbable tal e como anda o patio, tampouco cambiaría moito a cousa, un dos oportunos indultos que o goberno reserva para si mesmo e para os seus fieis mastíns poñería as cousas no seu sitio e aquí paz e despois gloria. E unha vez máis, escondida tras as frías estatísticas penitenciarias, a xustiza será o instrumento para impedir que se faga xustiza a outra victima do sistema.


C.R.

No hay comentarios:

Publicar un comentario