29 may 2013

Comunicado sobre a compra do CSOA Palavea

Copiamos e colamos da sua web:

Ante a recente noticia da compra dos terreos do antigo internado das Oblatas del Santísimo Redentor para a súa conversión nun xeriátrico privado, dende a asemblea do Centro Social Okupado e Autoxestionado de Palavea, que dende hai máis de ano e medio xestiona o proxecto social, político e cultural que dá vida a este espazo, queremos facer público o seguinte comunicado:

Somos conscientes da manobra especulativa que permitiu que a propiedade do inmoble pasase de Nova Galicia Banco a outras mans do capital privado, por unha cantidade de diñeiro moi inferior á que no seu día se pagou polo terreo. Tendo en conta que Karpin, o empresario e ex futbolista do Celta que perdeu a propiedade do inmoble por non poder afrontar os pagamentos, pagara pola casa máis de sete millóns de euros, e que agora o empresario de Sada que a acaba de adquirir pagou só un millón e medio (cinco veces menos), faise evidente que a nosa presenza no espazo foi aproveitada con escuros fins especulativos para realizar un lucrativo negocio.

Sobre o feito de que o fin que agora se lle quere dar ao terreo sexa a construción dun asilo de anciáns queremos facer constar, para disipar posibles confusións, que o que aquí se está a cociñar é un negocio privado, non un filantrópico proxecto de utilidade pública. Aproveitando o paulatino envellecemento da poboación, así como a onda de privatizacións que entregan os máis elementais servizos públicos ás poutas do capital, avispados empresarios pretenden lucrarse a custa dos dramas familiares que supoñen o coidado e atención dos nosos maiores, cobrando prezos exorbitados ás familias e espoliando as pensións dos anciáns. Que se desengane o que pense que un asilo destas características é un equipamento social para o barrio; a veciñanza, de orgullosa orixe humilde, xamais poderá pagar os abusivos prezos dun negocio pensado para os podentes petos dos señoritos de Juan Florez.

O que este barrio necesita son equipamentos sociais públicos (centros de saúde, parques, colexios, centros sociais…) non elitistas negocios erixidos á sombra do desmantelamento do estado de benestar e da privatización dos servizos sanitarios. Unha residencia privada para ricos en nada vai axudar aos veciños, que terán que seguir coidando aos seus maiores na casa, gústelles ou non, por non poder pagar a xestión privada daquilo que nunca debeu de deixar de ser un servizo público ou comunitario.

Agora xa sabemos o que o barrio supostamente vai “gañar”, agora toca saber o que lle queren quitar: un centro social aberto e gratuíto de xestión horizontal e asemblearia. Xestionado á marxe de subvencións públicas ou de lucro privado, onde todos os que traballan e se relacionan nel o fan de forma libre, gratuíta e desinteresada. Un espazo que desenvolveu talleres gratuítos de guitarra, manualidades, artes marciais, artes plásticas, cociña… Un espazo onde se reúnen asociacións culturais do barrio e grupos de xogos infantís; onde se desenvolveron infinidade de encontros, charlas, reunións e asembleas dun sen número de grupos diferentes e heteroxéneos. Un espazo que ofrece un ximnasio, unha rampla de skate ou un estudo de tatuaxes nos que non hai que pagar máis que as achegas voluntarias necesarias para o seu mantemento. Un espazo que sostén unha horta ecolóxica e colectiva que nutre os abundantes comedores sociais dinamizados dende o centro social. Un espazo con sala de concertos ao servizo de calquera iniciativa solidaria, un taller de bicicletas, un ciber café gratuíto, unhas canchas de baloncesto a disposición do público e un sen número de cousas máis que pretende abrirse aos movementos sociais da urbe e a todxs aqueles que queiran experimentar unha vida libre e alternativa, á marxe do capitalismo e as súas institucións.

Que non vos enganen, aquí enfróntanse dúas concepcións distintas de xestionar o mundo: As afiadas poutas do capitalismo voraz e depredador contra o firme puño dos que loitamos por unha vida máis xusta, libre, comprometida e igualitaria.

A nosa okupación non é máis que a liberación dun pequeno espazo deste gris pesadelo ao necesario sono dun mundo mellor.


A asemblea do Centro Social Okupado e Autoxestionado de Palavea.

No hay comentarios:

Publicar un comentario