Recibimos na nosa caixa de correo dun "siareiro de abordaxe" este texto que, segundo palavras do propio emisor, foi "redactado fai uns días coma pequena mostra de apoio coa xente envolta nas montaxes da "Resistência Galega", unha organización terrorista que ten o sorprendente don de sair na tele e nos xornais de todo o puto Estado sen tan sequera existir!". Texto que, o autor, adica a "todas as xornalistas falabarato cuia falta de escrúpulos só é comparable á súa capacidade de inventiva..."
Colamos à ìntegra, tal cal chegou-nos:
Sabemos que nos tedes medo. Por iso atacades. Por iso engaiolades ás nosas amigas, ás nosas compañeiras. Por iso manipulades e mentides en titulares sensacionalistas onde inventades organigramas fantasma e relacións absurdas entre colectivos, vós, asasinos de soños, mentireiros profesionalizados, vós, malabaristas do morbo, que xogades co rigor periodístico do mesmo xeito que os vosos amos xogan coa liberdade dos desexos. Nuns tempos nos que a memoria da loita atópase soterrada baixo a lápida da democracia moderna e o conformismo, a sensación de insignificancia, o medo e a pasividade son as prisións onde encarcelades día a día os nosos destinos. Pero o futuro está preparando un plan de fuga...
Nós tamén temos medo, pero non a vos. Temos medo a decepcionar a quenes depositaron en nós a súa confianza, medo a non ser quen de dar un paso adiante cando todo se derrumbe. Témoslle medo ó futuro nun mundo esnaquizado e baleiro onde a natureza esmorece entre embalses, Alta Voracidade (perdón, Velocidade), cidades antropófagas, incineradoras,
campos de golf e minas a ceo aberto. Un ecocidio omnipresente onde milleiros de animais son desahuciados pola industria que arrasa os seus hábitats e confinados en fábricas de morte onde se lles transforma en productos ó noso servizo. Temos medo a que non haia despertar, a que sexa tarde para o terceiro e derradeiro asalto á sociedade de clases e a que todo isto sexa unha batalla perdida. Témoslle medo ás torturas, ás hostias, a rematar empodrecendo unha cela de aillamento mentras vós, terroristas da pluma e o procesador de textos, vendédesnos coma criminais por loitar pola xustiza social e o respeto a toda forma de vida ó mesmo tempo que usades a vosa retórica de insultante descaro para agochar os restos das matanzas perpetradas por gobernos, transnacionais e bancos.
Para vós, as víctimas deses tristes episodios son só danos colaterais nesta guerra da Economía contra a Vida. Para nós, son rostros, con nome, apelidos, ilusións, son algo máis que cifras e relacións de rentabilidade, son algo máis que mercadoría, algo máis que engranaxes para manter activos os ciclos de consumo e producción, neuroses colectivas nas que vivimos sumerxidas, coma escravas, arrastrando as cadeas da desesperación agardando que pase algo, sen nos decatar de que a mellor maneira de que pase algo, é facer que pase.
Sabemos que limparedes o sangue e todo ficará coma novo, que cando rematen as torturas e as vosas cabezas de turco estén no talego a vosa palabrería saberá impoñer, unha vez mais, o esquecemento. Sabemos tamén que o esquecemento é o territorio do silencio, e que só rompendo o silencio recuperaremos a memoria.
Os tempos chegados non dan chegado, e o capital aumenta as súas cadenas. Sumarse á causa da súa demolición ou asumir a derrota antes de tempo depende de cada quen. Aquí, polo de agora, hai unha guerra en curso. Deixemos que a raiba se transforme en lume, lume para iluminar as vidas apagadas, lume para non caer na escuridade, lume para arrasar un mundo que
non nos deixa ser felices, un mundo que non é verdade.
Vós, xornalistas, sodes xs terroristas.
12 abr 2013
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario