Colamos da web de EsCULcA:
"Cámara oculta: novas políticas de violencia institucional" é o título das xornadas anuais da Coordenadora para a Prevención e Denuncia da Tortura (CPDT) que este ano decorrerán en Compostela, organizadas por EsCULcA, os próximos días 22 e 23. As palestras e debates terán lugar no salón de actos do Colexio de Avogados e a entrada é libre.
A forma como afectan os recortes orzamentais á situación que se vive nos penais do Reino de España desde o comezo da crise económica será analisada na primeira sesión das Xornadas (16:30 do venres día 22) por Alejandro Forero (OSPDH da Universidade de Barcelona) e Dani Jiménez (ASAPA). A seguir (18:00), colectivos de apoio a persoas presas e migrantes (Cedro, Foro Galego da Inmigración e Grupo de Apoio á Campaña contra as Torturas) mostrarán os efeitos das novas políticas dos gobernos español e galego que observan na súa práctica cotiá.
Na mañá do día 23, ás 10:15, Guillerme Presa Suárez examinará a situación dos cárceres galegos e as restricións crecentes ao exercicio das liberdades na rúa. Ás 10:45 Borxa Colmenero revelará a armadilla do estado de excepción permanente a través do exemplo da denominada Resistencia Galega. Posteriormente, Mikel Zuloaga e Carlos Barros ilustrarán con exemplos os efeitos da armadilla institucional e o papel que se atribúe nesa estratexia aos medios de comunicación. Finalmente, asociacións de apoio a persoas imputadas por feitos de violencia política (Que Volten a Casa, Volta a Loureda) darán conta da situación a que teñen que facer frente no día a día.
Ver aquí o programa completo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario