31 ene 2013

Black Bloc en Exipto

Saltan á palestra mediática, no medio dos fortes disturbios rexistrados nos últimos días, as accións do Black Bloc exipcio.

De inspiración anarquista e en vertixinosa expansión tras a primavera árabe, é pouco o que con certeza sabemos da implantación desta táctica polas terras dos antigos (e modernos) faraóns, pois na súa maioría as fontes encontradas beben da prensa empresarial; pero o que é seguro é que se converteron no inimigo declarado do goberno integrista dos "Irmáns Musulmáns". Semella que a vertente ultrarelixiosa que sucedeu ao goberno militar que, a súa vez, puxo fin ao descontento popular que derrocou ao tirano Mubarak non sacia en absoluto as ansias de liberdade daqueles que fai dous anos levantáronse na Praza Tahir (inspirando, entre outros, o descafeinado movemento indignado da, digamos, "Spanish Revolution").

O movemento anarquista exipcio viña cobrando forza dende a folga do 6 de abril do 2008, cando participou da bagaxe ideolóxica do chamado "Movemento Xuvenil 6 de Abril", considerado un directo antecesor da "revolución exipcia" do 2011, onde tamén estivo moi presente dende o seu mesmo comezo. Ao parecer tamén moitos "Ultras" futbolísticos identifícanse dende hai tempo coas ideas libertarias, e moitos deles tiveron un papel determinante na xeneralización dos disturbios que derrubaron o goberno de Mubarak.

Os ataques incendiarios contra dúas sedes dos "Irmáns Musulmáns", reivindicadas a través da páxina de Facebook "blackblocairo" (varias veces clausurada nos últimos días), así como o lanzamento de molotovs contra o parlamento exipcio e os graves disturbios que encapuchados de negro protagonizaron as últimas semanas levaron a goberno e oposición a criticar a irrupción do anarquismo no xa de por si turbulento panorama político do país.
Aínda que a inspiración libertaria destes sucesos é innegable, convén recordar que o Black Bloc" non é máis que unha táctica, unha forma de enfrontar o poder e as súas forzas represivas, e non leva consigo necesariamente aparellada unha ideoloxía concreta, nin moito menos, trátase dunha organización definida.

Sempre é un verdadeiro pracer observar como a mecha revolucionaria do anarquismo vai prendendo ao longo do mundo en detrimento de partidos, líderes, mesías e comeflores.

Máis info:
En "A las barricadas" aquí.
En "Anarchistnews" (en inglés) -Aquí, -Aquíe -Aquí.

C.R.

No hay comentarios:

Publicar un comentario