16 sept 2012

Pecha o Centro Social Autoxestionado "La Madriguera" (Ponferrada)

Un comunicado chegado ao noso correo informanos do peche do Centro Social ponferradino "La Madriguera del Oso Pardo". Ao parecer, o principal motivo da finalización deste proxecto de "linea libertaria e anticapitalista" é a escasa participación de xente no centro social:"A case nula implicación, compromiso e valoración da xente cara ao C.S.A fixo que pouco a pouco as persoas máis implicadas no día a día fosen perdendo os ánimos de continuar coa farsa de ter un lugar para a xente pero sen xente."

Unha montaxe perpetrada pola policía local relativa a un bote de apoio aos "presos antifascistas" (GRAPO, SRI, PC(r)), que xa ocasionou 12 sancións de 300,52 euros cada unha por "incitación a violencia" e que aínda mantén ao presidente da asociación cultural baixo unha acusación por "apoloxía e financiación do terrorismo", ten tamén bastante que ver co peche do local.

Aparte do comunicado da asamblea do Centro Social, tamén chegou ao noso correo outro comunicado no que se refiren os mencionados feitos da montaxe policial dende unha perspectiva acusadora e recriminativa chea de descalificacións persoais e durísimas e denigrantes acusacións a persoas concretas relacionadas co local. No comunicado do C.S.A. respostase as mesmas entrando, aínda que en menor medida, no xogo das descalificacións. Quen redacta esta nova decidiu non dar cabida aquí a esa clase de destructivas polémicas e non reproducir íntegramente ningún dos comunicados. Aínda así reproducimos traducidas ao galego as partes do comunicado do Centro Social que narran os feitos obxecto da polémica.

En relación ca montaxe da policía contra "La Madriguera", el comunicado del C.S.A. reza o seguinte:

"Para sumarlle dificultades á continuidade do C.S.A dende a policía municipal de Ponferrada saíu un atestado aproximadamente en novembro de 2011 modificado por un peixe gordo da municipal. Nese atestado facíase constar a actuación da policía municipal de Ponferrada no C.S.A La Madriguera o día 10 de Setembro de 2011 ás 20:00 aproximadamente nunha audición de RAP. No devandito atestado os municipais presentes na actuación tras facer un rexistro físico e fotográfico do C.S.A e levarse detido a un dos presentes, redactan que no local había propaganda e cartelería antisistema/subversiva, pasquíns, menores bebendo alcol e moitas botellas de mahou. O devandito peixe gordo da municipal de Ponferrada cambiou meses despois o informe final do atestado e puxo que no local se facía apoloxía ao terrorismo, máis claramente: GRAPO e ETA militar (tal cual está no informe), e aí móntanse un dosier no cal aparece unha fotografía (entre outras) dun cartel informativo onde se explica a finalidade dun peto (un de tantos). Nese texto poñía o seguinte: O DIÑEIRO DESTE PETO VAI DESTINADO A@S PRES@S ANTIFASCISTAS :GRAPO,SRI,PCEr PARA O PECULIO D@S PRES@S:ROPA,MANTAS,PERIÓDICOS… máis ou menos iso poñía o texto. Sinalar que no C.S.A non só había petos para pres@s polític@s senón que tamén se recollía diñeiro para todo tipo de causas: en apoio a imputad@s ANTIFASCISTAS do Bierzo e de máis lugares, peculio para pres@s comúns, refuxios de animais, financiar distribuidoras libertarias, editar revistas e libros."

E no tocante ao proceso aberto contra integrantes do Centro Social o comunicado expón o seguinte:

"...acusaron de apoloxía ao terrorismo o C.S.A. Ao presidente da Asociación de La Madriguera, xa que ao figurar como presidente é o último responsable de todo o contido no interior do C.S.A, se lle citou dun martes (7 de Agosto de 2012) a un venres (10 de Agosto de 2012) por parte da fiscalía do xulgado de Ponferrada, nesa citación acúsaselle dun suposto delito de apoloxía e financiamento ao terrorismo, a pena que lle ¨suxerían¨ que podería ter é de 5 a 10 anos de cárcere cunha multa de 18 a 24 meses de cárcere (tal cual está no dosier)."

E sobre as sancións:

"Comentar que fai cousa de tres meses chegaron unhas 12 sancións por parte da subdelegación do goberno, a aquela xente que estivo (e a outr@s que nin sequera estiveron) nos actos do 10 de setembro de 2011 no centro social, impoñendo unhas multas de 300,52 € por incitación á violencia. Tamén a un d@s veciñ@s que foi a declarar no xuízo a favor do detido o 10 de setembro chegoulle unha sanción de 150 € por botar lixo á vía pública (¿?). Este é o xeito que ten de actuar a policía municipal de Ponferrada."

O comunicado tamén agradece os apoios recibidos durante o ano e medio de vida do Centro Social Autoxestionado.

É unha verdadera mágoa a desaparición de tan interesante e prolífico proxecto autoxestionado. Dende aquí só podemos desexar que, dalgún xeito, teña continuidade a súa libertaria traxectoria e que o Bierzo non perda nin un chisco do seu espírito revolucionario.

C.R.

No hay comentarios:

Publicar un comentario