15 may 2012

Mais Malos Tratos e Impunidade em Teixeiro.

Recollimos e traducimos da web do "Boletín Tokata" esta crónica que da conta dos malos tratos recebedos por un dos internos en Teixeiro:

A última agresión denunciada por internos do cárcere de Teixeiro contra funcionarios da prisión por malos tratos pon outra vez sobre a mesa a impunidade de que goza este tipo de prática, tan infame como ilegal, apesar das reiteradas denuncias de que o penal foi obxecto dende a súa entrada en funcionamento.

Arbitrariedade, abusos e tortura

O pasado día 8 de maio, en torno ás 16:45, cando saía da cela para ir ao patio, esta persoa, presa no cárcere de Teixeiro, é interceptada por un funcionario (individuo de cabelo rubio e grande envergadura fisica que responde ao nome de Pedro) que lle comina a volver á súa cela. O interno obedece, pero como oe abrir as portas das celas lindantes, pregunta polo interfono por que non abren a súa, ao que o funcionario antes identificado contesta que porque el mesmo decidiu non ir ao patio. O preso recorda que non renunciou á saída e que, se quixese renunciar, tería que telo feito por escrito asinado, cousa que non fixo en ningún momento.

Cando outro interno lle comenta que o funcionario afirma que non saír ao patio fora decisión súa, o preso volve preguntar polo interfono e obtén como resposta unha frase ameazadora: “Espero que se haya equivocado porque como no se haya equivocado se va a la enterar”. Ante a insistencia do interno, o funcionario contesta: “Me tiene usted hasta los huevos, usted ha renunciado al patio, le quedó claro, si no le quedó claro voy y se lo explico de otra manera”.

Como tampouco lle permiten chamar, á hora da cea o preso pergunta se tamén "renunciou" ao dereito á chamada diaria e comunica que dende ese momento (tarde do 8 de maio), en protesta por estas arbitrariedades, está en folga de fame, polo que entrega as instancias correspondentes. O funcionario (Pedro) négase a recollelas e exclama, dirixíndose ao seu compañeiro, “Cierra las puertas y los ordenanzas que se vayan fuera que vamos a entrar a por él”, o que fai seguido doutros dous funcionarios.

“Vaya desnudándose” ordena e, cando o interno está quitandose o suadoiro, dálle unha puñada na meixela esquerda (que deixa marcas aínda visibles varios días despois), tirándoo contra a cama. Continua mallándoo mentres outro dos funcionarios presentes o suxeita por unha perna na que padece unha grave doenza que lle causa unha importante coxeira. Nese momento os presos das celas lindantes comezan a golpear as portas berrando que deixen de maltratar ao seu compa. O xa varias veces mencionado Pedro pide que abran a cela dun deles, entra nela berrando “¿por qué coño picas? quita las manos de los bolsillos”, golpea ao preso solidario tirado no chan causandole lesións en varias costelas (que deixan marcas aínda visibles varios días despues).

Cando finalmente marchan os funcionarios, o preso da outra cela lindante, ao ver que o compa non responde ás chamadas, avisa polo interfono e pide a presenza do médico.

Regresan os mesmos funcionarios acompañados do Xefe de Servizo, trasladan ao preso a outra galería mentres o identificado como Pedro exclama: “Porque está el Jefe de Servicio delante sino te reventaba, vaya 91.3 de mierda que eres, te dejas pegar por un funcionario, seguro que estás en primer grado por dejarte pegar por los funcionarios”.

Entrementres vai dándolle puñazos no peito ao tempo que outro dos funcionarios (este con lentes) afirma “ya le dijimos que pegarle fuego no le iba a servir de nada, aquí no andamos con chiquilladas”. No momento de entrar na cuarta galería, Pedro exclama: “Voy a poner a tu familia de luto. Para la última celda, que se joda allí", pero o funcionario de lentes advirte que nesa cela non poden metelo pois é a de suxección mecánica e é levado a outra. Cando o interno está a quitar o reloxo e os cordóns como se lle ordenou, Pedro continua dándolle labazadas na cara apesar das protestas do preso.

Sobre as 20:00 horas preséntanse na cela á subdirectora de seguridade acompañada polo mesmo xefe de servizo e a médica, que chaman fóra. O preso conta á subdirectora o que aconteceu, a prohibición de saír ao patio e realizar a chamada diaria, a mentira del ter renunciado e as tres malleiras que lle propinou o funcionario que identifica como Pedro. A médica pregúntalle a través da porta da cela, sen velo, se ten algunha lesión e comenta que o sente demasiado nervioso polo que, antes que nada, quere inxectalo, ao que o interno négase. Despois dálle unha pastilla para o corazón e outra de SEROTEL 100, que el se nega a tomar debido ao tratamento psiquiátrico que está a seguir.

Posteriormente ao interno foille notificada a apertura de parte por tres faltas moi graves e unha falta grave.

Dende ese momento e ata hoxe está a manter unha folga de fame e de sede demandando que lle retiren os partes e a volta á galería onde se encontraba.

No hay comentarios:

Publicar un comentario