7 abr 2012

O goberno equiparará o vandalismo co terrorismo

Se hai unhas semanas comentabamos a intención do goberno de endurecer os delitos de desobediencia e resistencia á autoridade coa escusa dos incidentes de Valencia (aquí), agora ampáranse nos disturbios de Barcelona para anunciar a equiparación do vandalismo co terrorismo.

Pois si, os ministros de xustiza e interior xa fixeron pública a súa intención de aplicar as leis de excepción que se crearon para rematar con E.T.A. (e que no seu momento se xustificaron como exclusivas para desmantelar organizacións terroristas) para combater aos "antisistema". Deste xeito, a pena mínima por actos vandálicos elevarase a dous anos de carcel, co que o xuíz poderá dictar prisión provisional tras da detención, e as condeas implicarán cárcere aínda sen ter antecedentes. O mesmo que se lles aplicaba aos integrantes da "Kale Borroka" por facer "terrorismo de baixa intensidade" ás supostas ordes de E.T.A. aplicaráselle agora a calquera por facer vandalismo.

Poderiamos pensar que a cousa quedaría así, pero non, a escusa dos disturbios da folga xeral en Barcelona serviulle tamén ao goberno catalán para implementar outra nova medida represiva ao máis puro estilo do control social orwelliano tan de moda por europa: a creación de páxinas web que difundan imaxes dos participantes en actos vandálicos para fomentar o chivateo e a delación xeneralizada.

A tipificación como delito da ocultación da identidade ou a posesión de elementos de risco en protestas públicas, as identificacións preventivas, as ordes de afastamento ou a presentación en comisaría os días de risco para os "antisistemas" reincidentes... Estas son só algunhas das medidas que barallan as administracións central e catalá para combater a "guerrilla urbana".

Pero a deriva represiva do goberno non é en absoluto sorprendente , posto que ante a situación de malestar social provocada polo drástico empeoramento das condicións de vida e o seu consecuente recorte de dereitos sociais e laborais, o capitalismo resposta defendendo os seus intereses do seu inimigo natural: o pobo organizado.
É por iso que cando se alporízan os nosos sempiternos chupópteros ante a tímida violencia da xente, nunca teñen o máis mínimo reproche á violencia desproporcionada despregada polas forzas represivas que, con ocasión da folga, costou dous bazos extirpados, dous ollos estalados, un traumatismo craneoencefalico de severa gravidade e inumerables mazaduras e ósos rotos.

Pois así están as cousas, convertendo as leis excepcionais en norma de uso común, equiparando o vandalismo ao terrorismo (porque xa se sabe, empezas queimando un colector e rematas estrelando un Boeing 747 contra as torres Kio), decretando penas de cárcere por romper cristais e convertendo nun Judas internáutico o teu veciño do quinto.

Menos mal que Daniel o Traveso só é un personaxe dunha tira cómica, porque hoxe en día estaría preso por multirreincidencia terrorista grazas ás anónimas denuncias "online" do señor Wilson.


Elaborado con información da prensa comercial por C. Ribas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario