Recollemos e traducimos do IndyBarna, este artigo asinda por "Antifascista preocupado":
O presente conflito no leste de Ucraína demostrou claramente a escasa preparación e a pouca capacidade analítica do movemento antifascista no estado español. Sorpréndeme e preocupa enormemente que o tratamento do conflito por parte da esquerda revolucionaria: ou ben o tema non se aborda, ou ben se acepta de forma acrítica a dicotomía establecida entre un bando "nazi-fascista" pro-ucraíno e outro bando "antifascista" pro-ruso.
A charla do pasado venres na Kasa de la Muntanya volve caer no mesmo patrón. Os compañeiros que estiveron presentes en Lugansk merecen todo o meu respecto, pero baixo o meu parecer o seu discurso e o seu posicionamento respecto ao conflito ucraíno é terriblemente simplista, por non dicir perigosamente naïf.
A poboación civil dos oblasts de Donetsk e Lugansk está a sufrir nas súas carnes a violencia dunha guerra civil, os bombardeos de aviación e de artillaría. Negar tal evidencia sería de estúpidos cegados ou de fanáticos atlantistas, e negarlles a solidariedade e a axuda humanitaria, tamén como o sería facelo co pobo afgán, iraquí, curdo ou palestino.
Falar dos rebeldes como "antifascistas"... iso xa é fariña doutro costal.
Non vexo en absoluto problema na loita armada e en financiala. Pero hai que ser moi, MOI selectivo e coñecer a fondo onde se está a poñer o diñeiro e a quen se está a apoiar. E decátome que no conflito ucraíno non se sabe a quen se está a apoiar, moral e economicamente. O cualificativo de antifascista non vén soamente por enfrontarse a tiros cuns tolos coa esvástica; antifascista é aquel que loita contra toda ideoloxía que se fomenta no odio ao estraño e a imposición totalitaria dunhas ideas, que considera a eliminación física do rival como único camiño. Por suposto, os neonazis de Svoboda e Praviy Sektor cumpren estes requisitos. Pero o razoamento que debería seguir o movemento antifascista para apoiar os milicianos de Novorussia debería ser o oposto: son estes insurxentes "antifascistas" a antítesi dos neonazis ucraínos? Aquí as cousas empezan a complicarse.
Colectivos antifascistas e autónomos rusos, bielorrusos e ucraínos mostraron o seu rexeitamento a apoiar as milicias insurxentes. Compañeiros polacos e alemáns con contacto frecuente con estes grupos tamén manteñen as súas reservas. E aquí, en vez de tomalo como un signo de advertencia ou polo menos como algo que nos dea que pensar, tragamos a propaganda vertida por Russia Today e grupos de Facebook de dubidosa procedencia e acusámolos de "falsos antifascistas" ou mesmo de "colaboracionistas". Ler ou oír antifascistas de aquí que defenden que UTA-Kyiv (un de cuxos militantes foi asasinado polos neonazis de Praviy Sektor) están a soldo da CIA non é triste: é patético e prepotente.
Cabe preguntarse porque estes grupos rexeitan as milicias: están a loitar contra neonazis e decláranse antifascistas, non? Creo que neste aspecto foi especialmente notorio o comentario dun dos compañeiros relatores: en resposta á pregunta sobre a presenza de catro voluntarios franceses de extrema dereita no bando insurxente, a súa resposta foi ensinar a foto do concello de Lugansk coa bandeira da Unión Soviética e comentar: "quen ten que dar explicacións é o nazi, non eu" (parafraseando, non cito textualmente). Non é unha carga directa contra el, en absoluto, pero tomo este momento como exemplo dun feito que se veu repetindo con frecuencia ao falar con numerosos compañeiros e compañeiras e que demostra o pouco coñecemento que temos da realidade post-soviética dende o campo antifascista. A nostalxia soviética non ten por que significar necesariamente unha conciencia de clase, revolucionaria e/ou antifascista. Para nada.
As milicias teñen entre 3000 e 4000 voluntarios rusos (recoñecido polos propios comandantes milicianos). O movemento antifascista ruso non ten a capacidade de mobilización de tal número de voluntarios. Pero a extrema dereita si. É notorio que Aleksandr Dugin, principal ideólogo do novo fascismo ruso dea todo o seu apoio a Novorussia, así como unha maioría considerable da extrema dereita rusa. Os discursos dos comandantes insurxentes considerados como máis "revolucionarios" son tamén preocupantes, coas súas mencións á raza eslava, a súa vinganza, o seu discurso identitario e o seu homofóbia. Tamén preocupante é a presenza de entre 100 e 200 voluntarios serbios provenientes da extrema dereita chetnik, e do apoio de grupos como a Falanxe polaca ou o partido neonazi húngaro Jobbik á causa dos insurxentes. Todo isto debería activar nosa alarmas. Pero parece que non lle facemos nin caso. Cremos no mito romántico de que os "antifascistas" do Donbass varrerán coa escoura fascista dentro das súas filas.
Pero o romanticismo en política fai moito dano. E a ignorancia benintencionada, máis. Ucraína no ano 2014 non é España no ano 1936, pero algo que me parecía tan obvio creo que non o é tanto. Coidado de caer en maximalismos ideolóxicos e establecer comparacións arriscadas ou fóra de lugar. A situación en Ucraína é demasiado complexa e require dunha análise profunda. A extrema dereita tomou posicións fortes nun e outro bando. Non nos deixemos enganar: agora mesmo o neofascismo europeo está en plena evolución e mutación de discursos. Seria moi triste que, con toda a boa fe do mundo, caésemos no risco de dar apoio aos nosos futuros verdugos.
PS: Sei que o ton pode ferir sensibilidades e por iso pido desculpas de antemán a calquera que se sinta atacado. Non se trata para nada de algo persoal contra ninguén nin contra colectivos en concreto. Non obstante, síntome impulsado a trasladar as reflexións e debates internos que levo tendo un tempo a todos os colectivos antifascistas.
google 3023
ResponderEliminargoogle 3024
google 3025
google 3026
google 3027