Reproducimos esta moi aclaratoria entrevista de Xesús Manuel Piñeiro a Xosé Lois, para axudar a difundila:
“Levan a alguén e durante días non sabes nada, non sabes nin sequera onde está. E ese alguén é o teu fillo”. Xosé Luís Santos Cabanas fala desde a súa casa en Teo, perto de Compostela. Unha casa que desde decembro de 2011 ten como punto de referencia Aranxuez, a 650 km, onde está a prisión na que o seu fillo Antom permanece preso vai para case tres anos. “En certa forma, nós tamén estamos presos alí”, recoñece, como sabendo que aos e ás familiares das persoas presas non é de aplicación aquela frase de Joseba Sarrionaindia: “As prisións constrúense para que os que non están dentro pensen que están fóra”.
O 3 de decembro de 2011 Antom era detido en Lugo, acusado de pertenza a Resistencia Galega. Aplicáronlle a Lei Anti-terrorista e desde entón e até agora, vai camiño dos 3 anos, xa só puido velo en prisión, e en moitas das visitas só a través dun cristal. Como afronta unha nai ou pai unha realidade así?
A detención en si xa é un golpe moi, moi duro. Que lle apliquen a lei anti-terrorista, que pases días sen saber nada del... van engadindo máis momentos duros: Levan a alguén e durante días non sabes onde está. E ese alguén é teu fillo. A el detivérono un 3 de decembro. Ao día seguinte, o 4, chamounos un amigo para dicirnos que detiveran a Antom. Podes imaxinarte como se recibe unha nova así... e non tiñamos información de nada. O día 7 os pais de María (detida a canda el) dinnos que está na prisión de Soto del Real. Iso foi catro días despois de que o detivesen en Lugo! Estivemos catro días sen saber nada del. O 8 de decembro puidemos falar con el por teléfono. 45 segundos, nin un máis, non llo permitiron. O día 9 fomos a Aranxuez, onde estaba preso. Informámonos de que unha persoa que é encarcerada ten dereito a ver os seus familiares directos a fin de semana seguinte. Chegados alí, os funcionarios negábanse a deixárnolo ver. Insistimos en que tiñamos dereito e entón parece que aceptaban, levándonos a un locutorio, mais o locutorio estaba baleiro, Antom non estaba alí, tíñano incomunicado... Eses feitos denunciámolos perante o Xulgado de Compostela.
Foi pasadas dúas semanas do día da detención cando puidemos velo por primeira vez, con cristal polo medio. Mais tamén para iso tivemos que aguantar: Após percorrer outra vez 650 km para chegar até alí, un funcionario chegou a nos dicir que para poder velo tiñamos que ter autorización del desde dentro. Iso era imposíbel porque durante esas 2 semanas non tivemos ningunha posibilidade de falar con el, non nos deixaban. Atópaste nunha situación surrealista. Por moito que argumentes ante eles é como falar cunha parede. Dicíamoslle que eramos os pais e el limitábase a respostar: “Serán los padres, pero yo no sé si él quiere verlos”.
Consideras logo que a política penitenciaria tamén pune os familiares das persoas presas?
A persoa presa pásao mal. Tamén os que estamos fóra en certa maneira estamos presos. Ves que a política penitenciaria está chea de trabas, de cambadelas... para ir desgastando, minando, punindo... Un exemplo é o das chamadas telefónicas. Antom ten dereito a facer 8 de 5 minutos cada unha. Chamadas a realizar a unha serie de teléfonos previamente autorizados. Para que che autoricen tes que mandar o nº cos teus dados e unha factura que confirme que ese teléfono é teu. Pois ben, nós non tiñamos facturas en papel porque había tempo que nolas remitían por mail. Imprimímolas mais a Prisións non lles valía porque non era un orixinal. Recordo que pasaron máis de dos dous meses até que lle autorizaron a chamarnos.
O das visitas é outro mundo. Tes que pasar por un arco detector de metais que sempre lles pita ás mulleres, rexístranas a case todas. Vanche levando de tramo en tramo do cárcere, pechando ás túas costas unha reixa antes de abrir a de diante. Antom ten dereito durante o mes a un ‘vis a vis’ (cara a cara) íntimo e a outro familiar, que cae sempre en días de semana, co que iso implica porque obriga a facer mil malabares a nivel laboral. Nós pedimos con certificados que, por motivos laborais, puidésemos visitalo en fins de semana. Dixéronnos que si, mais que entón sería unha vez cada tres meses no canto dunha cada mes. Decidimos visitalo pola semana, claro, solucionando como puidemos os problemas nos nosos respectivos traballos.
Consideras que existe unha lexislación especial para aplicar a pres@s como @s condenad@s ou acusad@s de pertenza a Resistencia Galega?
Polo que é a miña experiencia propia, todas as familias de presos, independentemente da súa condición ou motivo da detención, sofren dalgún ou outro xeito unha política penitenciaria de gran crueldade que pode ser cualificada de ‘surrealista’. Podería poñerche un bo quiñón de anécdotas de despropósitos nas relacións dos familiares coa cadea dos que fomos testemuña. Mais no caso de Antom e os outros presos independentistas está a aplicación da dispersión e que son xa de entrada catalogados FIES (Ficheros de Internos de Especial Seguimiento) con todo o que iso supón.
Hai normas e medidas para complicar as cousas que semellan máis simples. Por exemplo, os paquetes que podes enviarlle. Apenas poden ir libros e roupa, mais aínda así tamén é unha odisea entregarllos. Cando detiveron a Antom un amigo que foi preso político baixo o franquismo deume unha serie de consellos... e non valían para agora porque na actualidade é máis duro! Eles, daquela, podían recibir paquetes de comida da casa, por exemplo. Agora non, o preso só pode mercar no economato da prisión cuns vales (previo ingreso desde fóra da prisión de diñeiro para ese preso)... Ademais, un paquete para un preso só o pode levar ao cárcere unha persoa autorizada. E na prisión de Aranxuez cando imos ao ‘vis a vis’ con Antom non nos autorizan a pasar o paquete aproveitando a visita. O paquete só pode entrar os días que a cadea determina, que non teñen por que coincidir coa visita dalgún familiar ou dalgún amigo, e no noso caso estamos a falar desa distancia de 650 quilómetros que hai que percorrer.
Hai familiares que denuncian que non hai máis lóxica tras algúns trámites penitenciarios que a de procurar desesperar as persoas
Desesperan, a verdade. Agora vén o inverno. En Aranxuez as temperaturas son baixo cero. Queremos facerlle chegar un paquete con roupa de abrigo e vai ser unha odisea. Tardamos máis de 2 meses en poderlle pasar unhas zapatillas de deporte, porque el practica atletismo e adestra tamén en prisión. As que tiña estaban desfeitas...
Asistiu ao xuízo na Audiencia Nacional e mesmo escribiu despois un artigo (‘Castelao na Audiencia Nacional española’) na que cualificaba o que alí viu como todo un esperpento...
Eu era a primeira vez que asistía a un xuízo, nunca estivera nun. E a imaxe que levei foi dun puro esperpento. Eu consideraba que nunha institución como a Audiencia Nacional o mínimo que se lle esixía aos xuíces era estar espertos. Mais houbo un maxistrado que estivo durmindo todo o tempo. Non dabamos crédito. O presidente daquel Tribunal colocaba o micro de tal maneira que ninguén entendía o que dicía. Só se lle ouviu ben cando ordenou expulsar os peritos da defensa (Carlos Taibo e Bernardo Máiz). Eles, que tanto din da importancia das formas e que tanto din coidar todo ese boato...e cando falaba a defensa pechaban os ollos, que pasaban a abrir na quenda da acusación. Lembro que os que estabamos no público tivemos cara de abraio os catro días do xuízo.
E no que respecta ás acusacións feitas contra Antom Santos...
Eu non vin que alí se presentase nin unha soa proba clara e contundente que validase as acusacións contra Antom e os seus compañeiros. O único que presenciei foi como o que levaba meses lendo na prensa procedente de ‘fontes policiais’ volvía dicirse alí unha e outra e outra vez.
Mais finalmente condenóuselle por pertenza a RG
Eu creo que RG está a ser empregada como unha escusa para mantelos presos e tamén para intentar introducir medo noutros sectores. Estamos a derivar a escenarios moi perigosos nos que a min poderíanme deter simplemente polo que digo nesta entrevista e a ti por publicala.
O Tribunal Supremo rebaixou a sentenza condenatoria da Audiencia Nacional a Antom, de dez anos de prisión a 7 anos e 9 meses grazas un recurso da defensa, recurso que manteñen perante o Tribunal Constitucional
Presentouse un recurso pedindo a nulidade do xuízo por entender que non se respectara o dereito á defensa. Ese recurso está agora no Tribunal Constitucional, como paso previo necesario para poder ir a Estrasburgo. O certo é que non temos moita confianza no TC, sinceramente non cremos nin que sexa admitido a trámite. O TC estase vendo que se caracteriza polas súas sentenzas sempre a favor dos poderes establecidos, está moi situado á beira desa dereita cerrada que goberna o Estado Español. E mentres se segue todo este procedemento eles teñen que seguir en prisión, mentres o tempo segue correndo.
O pleno do Concello onde vivides e de onde é Antom, Teo, aprobou unha moción na que denunciaba a dispersión á que se sometía ao voso fillo e pedía a fin das ‘políticas de excepción’.
É importante que o goberno do concello onde vivimos sexa consciente do que se ten que pasar como consecuencia de ter un fillo na cadea, do que significa para as familias e para os amigos o afastamento dun familiar, de que en cerca de tres anos levemos máis de 25.000 quilómetros percorridos, e xa non somos uns nenos, os anos pesan. Agradecemos e valoramos ese paso. Tamén polo que supón de rachar con ese disco raiado que durante meses sofremos na prensa e tamén durante o xuízo e que parecía gravado pola mesma persoa, presentando a Antom como algo que sabemos que non é. El estaba implicado en movementos e proxectos nos que loitaba por unhas ideas e por uns obxectivos. Salvando as evidentes distancias, non o vexo moi diferente do que está a facer a ANC en Catalunya, que traballa a prol da conciencia nacional do seu país.
Asistín no seu día ao pleno e non entendín a insensibilidade da representante do PSOE e do PP, e a do concelleiro independente. Falaban "polo libro" dunha situación que non coñecen. Non lles desexo a ningún deles que pasen por un trago semellante ao que nos tocou a nós. Se cadra é mellor para eles persoalmente que sigan sen saber nada da política penitenciaria española, e digo persoalmente, pois no político estas actitudes de insensibilidade, de mirar para outro lado e de descoñecemento da realidade pola que estamos a pasar uns veciños do concello .... no político meréceme outra consideración.
@s familiares d@s independentistas presos mantendes contacto ou relación? Ter un familiar directo na cadea fai que se estabeleza algún tipo de relación especial con outras persoas na mesma situación, non é?
Mantémonos en contacto, mais de xeito informal. Cos pais de María Osorio ( a compañeira de Antom) hai máis relación, xa desde que ambos os dous foron detidos en decembro de 2011. Tamén temos contacto con familiares de Eduardo, de Teto, de Carlos Calvo, coa xente de ‘Senlheiro’ (Hadrián Mosquera). Non hai unha relación estábel mais sabemos onde estamos. Todos viaxamos no mesmo tren, por dicilo dalgún xeito: Sofremos nos nosos lombos os kilómetros até as prisións, as mesmas dificultades e preocupacións, as mesmas relacións difíciles co sistema carcelario...
Podes visitar a Antom unha vez ao mes. Como o notas após 33 meses en prisión?
A última vez que o vin foi en agosto e xa non volverei a poder velo até o ‘vis a vis’ do 17 de setembro. El resiste dunha maneira abraiante, algo que eu, sinceramente, non sería quen. Aguanta o temporal, sabe abrigarse. É unha persoa que organiza moi ben o tempo: investiga, escribe, le moito... mesmo recuperou unha afección que deixara na adolescencia como é o debuxo. Fai deporte, atletismo, cuns adestramentos duros. E mantén unha relación correcta co resto dos presos, civilizada sabendo o difícil que é aquilo. El está en rexime de FIES o que supón, entre moitas outras cousas, que lle interveñen todas as conversas orais, escritas, telefónicas... É algo ao que non acabo de afacerme. Que a carta que lle escribo a meu fillo vai ser lida por unha terceira persoa, un funcionario.
Hai unha especie de ‘mandamento’ non escrito que asegura que o que a familia dun preso non poden permitirse nunca é o ‘pecado’ de se vir abaixo...
A situación é dura mais Antom resiste ben. Aínda que el alí dentro pase por momentos difíciles nunca nolos vai contar para non nos preocupar. E igualmente ao revés. Temos algo máis dunha hora cada mes para estar xuntos, cun cristal polo medio, cando a visita non é das chamadas "vis a vis"; polo que hai que aproveitar o tempo para cousas importantes e non para deprimirnos. Hai que sacar forzas de onde sexa, mesmo perante os funcionarios de prisións para non caer no seu xogo e manternos no noso sitio. Tentamos manternos enteiros, dignos e conscientes dentro dunha situación excepcional. Non é doado. Mais non pode ser doutro xeito.
google 2985
ResponderEliminargoogle 2986
google 2987
google 2988
google 2989
google 2990
google 2991