Noticia publicada en El Diario x Juan Miguel Baquero (que traducimos e colamos para Abordaxe).- Francisco Javier Hervás coñeceu 23 cárceres. Durante unha parte da súa condena, sete anos, foi preso e traballador. E lanza unha pregunta dende a distancia que dá "a rúa", a liberdade: "Dentro de prisión, somos traballadores ou escravos?". 12.000 reclusos traballan en centros penitenciarios españois. Segundo a Asociación Prol Dereitos Humanos de Andalucía (APDHA) existe "un problema case descoñecido que non foi obxecto de análise". Isto é, "a explotación laboral en prisión".
Se entra no cárcere e ten o "privilexio" de encontrar traballo como recluso, prepárese para cobrar até 0,5 euros a hora. Poderá acumular un soldo de entre 80 e 300 euros ao mes. Esquecer pagas extraordinarias, horas extra ou vacacións. Son as condicións que "gozan" nos centros da Secretaría Xeral de Institucións Penais (todo o Reino de España, excepto Cataluña) o 40% dos presos que poden traballar, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Organismo Autónomo de Traballo Penal e Formación para o Emprego. Non espere, por certo, a axuda dalgún sindicato. Ningún actúa en prisión.
A "oportunidade" laboral pode chegar a través dos 191 talleres produtivos que se desenvolven en 53 cárceres, traballos para empresas externas de carpintaría metálica, confección industrial ou cultivo en invernadoiro. Ou nalgún dos servizos penais propios de calquera prisión: cociña, panadaría, mantemento, xardinaría, lavandaría? Entre 2006 e 2011 o número de presos traballadores subiu de 11.000 a 12.442, sobre unha poboación penal de 57.000 persoas. Unha década antes, en 1997, traballaban 3.800 de 36.500.
Unha fábrica de vulneración de dereitos laborais
Unha nómina no cárcere reflicte en moitos casos unha cuarta parte das horas realizadas, sinalan. Os reclusos relatan xornadas de até 70 horas semanais. E en ocasións págase segundo produtos realizados, baixo un sistema que escapa ao control do preso. "Non lles dan recibo por cada peza e ao final non saben que cobran por cada unha", explica a coordinador da área de Cárceres da Asociación Pro Derechos Humanos, Valentín Aguilar. "Explotación", define.
O traballo en prisión é "o gran descoñecido", unha fábrica de "vulneración de dereitos laborais". Desde a APDHA reclaman a intervención de Inspección de Traballo e tamén das organizacións sindicais. "Que se decidan a defender aos traballadores máis indefensos", piden.
Resulta, ademais, "antieconómico". Ao obteren a liberdade, por teren cotizado non gozan do subsidio de excarceración -426 euros, durante un máximo de 18 meses- senón da prestación por desemprego que só chega, "se chega, aos 100 euros". Un "absurdo legal" que, se o recluso "fai contas, pensa se lle convén traballar".
Francisco Hervás traballou en varias prisións. Enumera Córdoba, Badajoz, Canarias, El Puerto de Santa María ou Málaga, con soldos que oscilaron entre un mínimo de 60 euros ao mes a un máximo de 290. Dentro considérase "máis un privilexio que un dereito", di. Compensa? "como a calquera persoa que non teña que botarse nada á man e lle ofrezan agora un minijob", responde. É xusto? "Seguro que non, contesta, pero saír do módulo onde resides, ver outra xente, xa é un sopro de aire".
Proceso de selección? "Por contacto, como na rúa", sorrí Hervás. Depende do comportamento, "da implicación cos funcionarios e o sistema, de que sexas submiso e servizal". O acceso a un posto remunerado é "complicado". A dirección do propio centro penitenciario decide. "Solicítase pero non pasas unha selección previa, encher unha instancia sen falar con ninguén é como botar hoxe un currículo, pódeste imaxinar", escenifica.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario