25 jun 2014

[Vigo e A Guarda] Que esconde a Pelota? Ciclo de Proxeccións e Debates por Centros Sociais no mes de xullo

Colamos convocatoria recibida na nosa caixa de correos:

Que esconde a pelota?

A Copa do mundo levada ao Brasil pola FIFA non é so unha cuestión de futebol, senón mais ben un evento completamente ostentoso e innecesario que representa un negocio tan redondo, para corporacións e institucións, coma os balóns cos que tentan distraer a nosa atención, se analizamos os millóns que move antes, durante e despois do mesmo. A pesar de estarmos a falar dun dos países máis “futboleiros”, os investimentos na Copa topáronse cunha oposición de case o 80% da poboación brasileira, feito lóxico se temos en conta que o país sofre unha das maiores taxas de imposto do mundo, ademais do pagamento dunha débeda pública próxima ao 50% do PIB mentres o pobo pasa fame. A Copa tivo un custo ata o momento de 11 billóns de euros, dos cales mais do 83% saíron dos impostos do propio pobo, que paga un evento ao que nin sequera poderá asistir se temos en conta que o salario mínimo dx brasileirx ronda os 238€.

A copa do mundo non é das crianzas que xogan entre os cascallos, nin dxs obreirxs mortxs nas obras de construción dos estadios, tampouco das mulleres e nenas explotadas sexualmente no Brasil que verán a súa situación agravada pola realización da Copa, nin dxs traballadorxs que elaboran a roupa deportiva en condicións de semi-escravitude, nin das culturas indíxenas desposuídas da súa terra. A copa do mundo pertence aos intereses económicos de multinacionais e estados ou xs deportistas millonarios que corren tras dun balón, pero por moito que o repitamos a copa do mundo non é dos pobos, nin de quen non ten nin os servizos máis básicos e moito menos nosa.

Co pretexto da “pacificación” dos barrios intensificouse a militarización e o control social, e o goberno, empregando tódolos medios ao seu alcance está levando a cabo unha operación de limpeza social para desfacerse dos “indesexables”. Millares de familias foron desaloxadas violentamente e os seus barrios foron arrasados polos proxectos de construción ligados á Copa do Mundo de 2014 e aos Xogos Olímpicos de 2016. Traficantes e paramilitares ocúpanse do traballo sucio de expulsión dxs que se resisten aos programas de urbanización, por medio de chantaxes e asasinatos. As comunidades próximas aos estadios serán tomadas por un desproporcionado dispositivo policial, incluíndo a presenza do exército, para garantir a seguridade dxs turistas e manter a inxustiza disfrazada de orde.

Coma nos teñen acostumados, o estado e demais institucións nunca atenderán as demandas populares e tentan ocultar e criminalizar a protesta. Pero non se equivoquen xa que non tódalas voces piden circo, pola contra, fronte aos canóns da policía e ignorados polos mass merda hai voces rebeldes que se resisten aos proxectos de limpeza social e non se deixarán vencer tan facilmente, loitando por vivir con dignidade esta inxusta situación. Se o pobo precisa sanidade, educación, vivenda, empregos e demais servizos básicos terá que conquistalos a través da unión e a loita.

Coa proxección destes documentarios, pretendese abrir un espazo para o debate en torno ao negocio multinacional e a situación de precariedade dos pobos que acaban sendo organizadores de macro-eventos pseudo-deportivos, sen nin sequera seren preguntados.

Estes son os enlaces para ver os vídeos en internet:

BRASIL E A PACIFICACIÓN

A COPA DAS COPAS

O PREZO DA COPA DO MUNDO

O OUTRO LADO DO MUDIAL DO BRASIL

SUDÁFRICA, FARENHEIT 2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario