19 abr 2014

[Vigo] Xoves 24 as 18:00 h Mesa Aberta Acción Libertaria contra a Infamia

Mesa Aberta na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo, coa participación de Eliseo Fernández e Carlos Taibo

UNHA PROPOSTA PARA RENUNCIAR A FACER XIRAR A RODA HIDRÁULICA DUNHA CÍCLICA HISTORIA UNIVERSAL DA INFAMIA

A CNT-AIT Vigo e A Ría Non Se Vende, rede de colectivos de acción social e defensa do patrimonio ambiental, cultural e social da Ría de Vigo, únense para presentar conxuntamente unha mesa aberta con Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid e autor de Repensar la anarquía. Acción directa, autonomía, autogestión e, Eliseo Fernández, historiador e escritor ferrolán diplomado en biblioteconomía e documentación e especializado en anarquismo e movemento obreiro na Galiza.

Así, esta mesa aberta é un convite para realizarmos un paseo a través das ideas libertarias, retrotraernos no tempo e explorar a historia ácrata e obreira de Vigo: dende a fundación da propia Escola de Artes e Oficios, pasando por revistas e xornais como "La Propaganda" (1881) ou "Despertad!" (1928) até chegar a activistas incansables como o topógrafo Ricardo Mella, os carpinteiros José Villaverde e Eduardo Collado, o barbeiro Federico Sánchez ou o poeta Manoel Antonio. Mais, se ben cómpre coñecermos a historia, tamén é necesario enfrontarse ao presente e abordar as problemáticas actuais. De aí que, neste noso presente, optemos por defender o Ideario Libertario e o Decrecemento como única solución para lograr establecer unha relación de equilibrio entre as propias persoas e entre o ser humano e a natureza. Porque, en realidade, iso o que pretendemos as persoas libertarias: a harmonía, liberdade e coherencia individual que nos leve cara ao apoio mutuo, a tolerancia, a solidariedade, a xustiza social e a preservación e uso racional dos recursos naturais.

"Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa. Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo..."

Modesta Proposición, Lois Pereiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario