26 mar 2014

Violencia Policial no 22M x Rafael Narbona

Colamos traducido da súa web:

A miña presenza transversal nas Marchas da Dignidade impediume considerar os altercados que se produciron antes de que finalizase a concentración. Só puiden observar o despregamento policial que cortara a Rúa Xénova, fortificando a sede do PP. Ese alarde de forza manifestaba unha vez máis que o traballo da Unidade de Intervención Policial (UIP) non consiste en preservar a orde pública e garantir a seguridade cidadá, senón en intimidar, mallar e humillar aos que se atreven a pedir "pan, traballo e un teito para todos".

Os axentes da UIP son o brazo armado do Estado, mercenarios que obedecen ordes inmorais e ilegais e que non deben ser equiparados en ningún caso cos traballadores. A represión das protestas populares non é un traballo digno, senón un acto de covardía e mesquindade.

Os grandes medios de comunicación propagaron unha versión fraudulenta dos feitos, atribuíndo a grupos de incontrolados os incidentes que ensombreceron a xornada. Afortunadamente, os testemuños gráficos desmentiron esta torpe e ofensiva manipulación da verdade. Nas gravacións do evento, apréciase con perfecta claridade que os esbirros da UIP invaden a Praza de Colón e comezan a disparar pelotas de goma, cando o acto aínda non finalizou. Dende a tribuna, os organizadores das Marchas da Dignidade piden que cese a violencia, pois hai nenos e anciáns, pero a policía ignora as súas súplicas.

Todo indica que a súa intervención non é espontánea, senón que responde a unha estratexia de tensión e provocación, probablemente planificada por Cristina Cifuentes, Delegada do Goberno en Madrid. Cifuentes talvez pretende continuar o ronsel de Rodolfo Martín Villa, sementando o medo e a intolerancia nas rúas da capital do Reino de España. Quizais desexa que se repitan traxedias como a de María Luz Nájera, asasinada pola policía o 24 de xaneiro de 1977. Estudante de Ciencias Políticas, María Luz, que só tiña 21 anos, morreu cando un antidisturbios apuntou á súa cabeza e disparouno a queimarroupa un bote de fume. Un mozo recolleuna na rúa dos Libreiros e trasladouna á clínica da Concepción. Ao chegar ao hospital, a rapaza estaba en coma. A policía detivo o seu acompañante, sen preocuparse polo estado de María Luz, que morreu tres horas máis tarde. Martín Vila exerceu de Ministro da Gobernación entre 1976 e 1979. Neses catro anos, morreron 54 persoas, asasinadas pola policía ou por grupos de extrema dereita, case sempre avalados polas Forzas de Orde Pública. O furor represivo de Cristina Cifuentes non está á altura de Martín Villa, pero é evidente que segue os seus pasos, combinando pau, cinismo e demagoxia. De feito, xa anunciou que abrirá un expediente sancionador contra os organizadores das Marchas da Dignidade. A súa intención é "impoñer sancións económicas importantes", as "máximas", de acordo coa lei. A nosa exemplar democracia non logra desprenderse das feces franquistas, quizais porque a ditadura é o xenio escondido na botella da Transición.

A policía detivo 24 persoas. O xuíz puxo en liberdade con cargos 23 e ditou prisión comunicada e sen fianza para un mozo, acusado de lesións, se ben se lle intentaba imputar inicialmente un homicidio en grao de tentativa. Cifuentes lamentou a decisión, afirmando que os detidos buscaban "matar policías", pero o certo é que a UIP rebentou a manifestación, mentres os organizadores axitaban dende a tribuna o Manifesto das Marchas da Dignidade, berrando: "Estas son as nosas armas!".

A provocación da policía comezou cando aínda faltaban uns 45 minutos para que finalizase o prazo acordado para exercer o dereito fundamental de manifestación. As pelotas de goma comezaron a chover indiscriminadamente sobre a multitude. Non ían dirixidas ao chan ou ás pernas, senón ao corpo ou a cabeza. Pretendíase facer dano e propinar un escarmento. Iso si, os axentes non esperaban que os máis novos reaccionasen á súa violencia con rabia e indignación. As pelotas de goma e os golpes de porra convertéronse nun búmeran, pois os que non se acovardaron responderon con pedras e cos paus das súas pancartas. Un grupo de antidisturbios quedou illado e levouse a peor parte. Algunhas furgonetas tamén saíron malparadas, recibindo patadas, golpes e pedradas. A UIP está afeita á impunidade e ao abuso de poder. A "presunción de veracidade" aplicada sistematicamente polos xuíces proporciónalle o paraugas necesario para mallar os cidadáns con tranquilidade. Imaxino que moitos axentes botan de menos os anos do franquismo, cando se podían utilizar as armas de fogo e matar constituía un acto de servizo á patria.

Gabriel R. S., palentino de 23 anos, perdeu un testículo polo impacto dunha bala de goma. Presumo que o axente disparou aos seus xenitais para deixar claro que só son sagrados os collóns da policía. A violencia é vandalismo (ou terrorismo) cando xorde como resistencia contra a inxustiza e a brutalidade institucional, pero cando procede das Forzas de Seguridade do Estado se considera lexítima e necesaria. Xa se sabe que "a policía está para axudar", pero en abril de 2013 o Comité Europeo para a Prevención da Tortura acusou a Garda Civil e a Policía de empregar a tortura de forma habitual, esixindo ao goberno que adoptase medidas para rematar con esta situación. O Comité localizou paus e bates de béisbol nas salas de interrogatorio das comisarías de Madrid e Cádiz. Ademais, considerou "cribles e consistentes" os testemuños de torturas de dez militantes de ETA detidos en 2011, incluíndo a denuncia de Beatriz Etxebarria, que afirmaba ter sido violada anal e vaxinalmente na Dirección Xeral da Garda Civil.

Como respondeu a estas prácticas execrables o Estado español? Dende 1998, ten indultando 33 axentes dos diferentes corpos policiais condenados por torturas nos tribunais. Ao coñecer estes datos, resulta difícil non observar os axentes da UIP recibindo paus no Paseo de Recoletos e non pensar "Que se fodan!", pero xa se sabe que esa expresión está reservada para os parados e tan só pode utilizarse no Congreso dos Deputados, mentres se aplaude histericamente, celebrando os recortes en prestacións e servizos sociais. Andrea Fabra, deputada do PP e filla do estafador e cacique Carlos Fabra, ex presidente da Deputación Provincial de Castelló, non é unha terrorista, malia que as súas palabras festexen unha nova volta de rosca para os máis débiles e vulnerables, pero o mozo que lanza unha pedra contra a horda policial, despois de sufrir nas súas carnes os estragos do material antidisturbios, si é un perigoso terrorista e debe ser empapelado co máximo rigor.

Dixéronnos estes días que o finado Suárez nos trouxo a democracia, pero non é certo. Négome a afirmar que o Estado español é unha democracia, pero si quero deixar claro que as escasas e insuficientes liberdades do noso sistema non chegaron grazas ao oportunismo dun político franquista, co sorriso dun comercial inaccesible ao desalento, senón á loita do pobo traballador. Só en 1976 se perderon 150 millóns de horas de traballo a consecuencia de 17.731 folgas.

Entre 1976 e 1981, con Suárez no poder, morreron 200 traballadores en enfrontamentos coa policía, a Garda Civil ou as bandas ultradereitistas. Eses son os verdadeiros heroes e non os que transitaron do falanxismo ao juancarlismo. Durante o velorio de María Luz Nájera, o duelo converteuse en terrible indignación ao contemplar o seu rostro desfigurado polo impacto do bote de fume. Alguén cubriu a cara da moza cun pano. María Luz foi enterrada no cemiterio de Barajas. 3.000 persoas participaron no enterro, destruídas pola dor e a impotencia. Gobernaba Adolfo Suárez e nunca se xulgou o autor material do crime. O Aeroporto de Barajas chamarase a partir de agora "Adolfo Suárez". Eu creo que debería chamarse "María Luz Nájera".

No hay comentarios:

Publicar un comentario