25 feb 2014

Admitida a trámite a denuncia presentada por Honorio Gómez Alfaro, "Pope", contra altos cargos de Institucións Penitenciarias por tortura e prevaricación.

Colamos esta información que recibimos da web da Campaña Cárcere=Tortura e colamos o seguinte video onde "Pope" da conta dos feitos denunciados:



Tras varios anos de tortura intencionada polo abandono sanitario ao que o tiñan sometido Honorio Gómez,"Pope", preso anarquista en loita na campaña contra as torturas, na actualidade encirrado en Sevilla II, conseguiu este último ano ser operado das pedras do ril e da contracción dos dedos da súa man. Tras isto e tras conseguir o seu expediente médico coa conseguinte loita burocrática que supón, conseguiuse documentar os traslados ilegais aos que foi exposto para non ser operado en numerosas ocasións. Interpuxo unha denuncia por torturas contra os responsables co apoio da Asociación Pro-Dereitos Humanos de Andalucía. Entre os denunciados figuran os 2 subdirectores xerais da SXIP (Secretaria Xeral de Institucións Penitenciarias) e varios directores de prisións e subdirectores médicos.

A última información é que o Xulgado de Instrución de Madrid, onde se interpuxo a denuncia por tortura e prevaricación, admitiuna a trámite. Considera o xulgado que os feitos presentan características que fan presumir a posible existencia dunha infracción penal polo que incoou dilixencias previas e ordenou a práctica de varias dilixencias de proba solicitadas na denuncia. O xuíz solicitou oír en declaración o preso, que sofre varias enfermidades, e pediu á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias que remita copia dos expedientes de traslado dende o ano 1998.

Dende a asemblea de grupos de apoio da campaña contra as torturas en prisión estivemos a apoiar o compañeiro nesta loita contra a tortura médica e, mais alá de que non creamos na súa xustiza, vemos necesario difundir por todas as canles posibles esta denuncia xa que visibiliza a realidade de abandono sanitario existente nos cárceres e como pode ser usada a desasistencia médica como castigo contra os que loitan dentro.

Máis información en ElDiario.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario