1 oct 2013

Abordaxe entrevista ao colectivo Hip Hop Ateneu

O Hip Hop Ateneu é un colectivo que usa o hip hop como ferramenta de creatividade e tranformación social dende un enfoque anticomercial e autoxestionario, conectando con a rúa e os proxectos horizontais ou de base. Dinse herdeiros do espíritu do "faino ti mesmo" promulgado polo anarkopunk ou o "por nós e para nós" da vella escola do hip hop. Evolúen á marxen das institucións, as grandes empresas e medios de comunicación comerciais, e din atopar o seu circuíto nos centros sociais, asociacións de veciños, casas okupas, medios contrainformativos e de distribución alternativa...

Acaban de editar un L.P. en directo que aúna a case tódolos membros do colectivo. Para falar con eles deste e tantos outros proxectos decidimos contactálos e realizar esta entrevista

Para comezar ¿Por qué o nome de Hip Hop Ateneu?

O nome está inspirado nos Ateneos populares, que son centros de difusión de cultura e alfabetización para as clases baixas. Eran auténticos centros culturais que se popularizaron no Estado español a mediados do S.XIX, a súa tradición expandeuse a nivel mundial, e continúa ata o día de hoxe. Os Ateneos populares son unha importante ferramenta para as clases máis desfavorecidas, que a través da súa actividade acceden a unha formación cultural vetada pola súa condición social. Ao mesmo tempo a palabra "Ateneo" provén etimolóxicamente de Atenea, deusa grega da sabedoría.

¿Podedes falarnos un pouco da vosa traxectoria como colectivo?

O Hip Hop Ateneu está integrado por xente que utiliza o Hip Hop como ferramenta de expresividade, creatividade e transformación social en tódalas súas canles, é unha crew, colectivo, pandilla, unha comunidade hip hop de vida compartida... As definicións son cousa vosa. A marxen dos proxectos que cada individuo ou grupo de afinidade integran no colectivo, o primeiro que fixemos foi un programa de rádio a nível local na emisora livre da nosa cidade, Rádio Kalimera. O programa durou un ano, entre o 2001 e o 2002. Naquela altura, algunha xente do colectivo okupamos un local no centro da cidade para facer un centro social, ali pasámos a realizar as nosas actividades ( ensaios, graffiti, concertos ...). Tamém comezámos a organizar os primeiros micros abertos a toda a comunidade Hip Hop da cidade. Esa foi sen dúbida a faísca que acendeu toda unha tradición de micros abertos en Compostela, que se mantén áta o dia de hoxe. A xente acudía para desfogarse, mostrar as súas habilidades e para aprender outras, respirávase un espíritu de respeito que substituía, polo menos neses momentos, o falso ideal de competición tan implantado na sociedade. Tamém editamos un recopilatorio no 2003 onde aparecían todas as bandas compostelanas de rap sen excepción (Plastikoetinta/2003). Tratámos de darlle un formato "do it yourself" completamente anticomercial, cun precio asumible para calquer persoa e mostrámoslles às bandas que participáron a nosa maneira de facer as cousas. Sobre o ano 2005, o HHA caeu nunha inactividade duns 4 anos. Muitos membros víronse forzados a emigrar, outros continuáron a fazer cousas a súa bola, a outros pasouselles o arroz ou desapareceron ("a vida pirata, a vida mellor") e finalmente algún mal rollo acabou por paralizar o proxecto durante un tempo. Con todo, dende que retomamos a actividade no 2010 non paramos de editar discos, fanzines, e organizar xornadas, jams, concertos, obradoiros, actividades solidarias con proxectos que compartan perspectivas iguais ou similares á nosa... tratamos de crear (entre outras cousas) momentos de encontro feitos por e para a xente, sen ánimo de lucro. Pero sobre todo moito rap e moito graffiti.

Chegados ao punto deste disco ¿Como foi o proceso creativo?

Realizamos uns encontros en Quistiláns durante os días 12 e 13 de Xullo deste ano (excepto a canción "A unión dos que se cagan en dios" que foi grabada en Decembro do 2012) cada quen aportou máis ou menos un par de temas coas instrumentais que considerou apropiadas, digamos qué nese aspecto o proceso creativo foi máis de criterio individual. Despois chegou o momento de poñernos dacordo e construír un directo musical e gráficamente coherente coa idea que queriamos proxectar.


A edición deste disco redúcese a internet (formato dixital) ¿Non contemplades a edición en formato físico?

A idea inicial era publicar o disco en formato físico, máis a economía, o tempo e o esforzo que conleva unha edición nese formato ás veces non e compatible con tanto traballo paralelo dentro do colectivo. Normalmente adoitamos editar os discos en formato físico, máis non sempre é posible e non por iso imos a deixar de publicar.

¿Que vantaxes e contradiccións percibides no uso de Internet para a difusión do voso proxecto?

Internet é un arma de doble fío. Somos conscientes do seu papel fundamental como ferramenta de control social, mercantilización e automatización da vida. Tamén somos conscientes da súa capacidade de difusión. Como colectivo non paticipamos nas redes sociais, nin nos médios de comunicación comerciais. A nosa presencia en Internet resúmese a un blog, unha canle en youtube, e medios non comerciais, de contrainformación, de distribución alternativa... Internet supón para nós un medio de difusión e comunicación moi potente, que nos permite chegar a lugares que de outro xeito non chegaríamos. Así que polo de agora convivimos con esta contradicción.

E pasando do mundo virtual a algo mais a pé de rúa ¿Como se desenvolve o graffiti en Compostela? ¿Goza de boa saúde?

Para nós o graffiti comprende a rúa como un folio en branco, facendo efectiva e visible a reapropiación cultural e territorial de forma ilegal (non podería ser doutra maneira) por parte da xente que busca na rúa o seu sustrato de desenvolvemento, nuns momentos nos que o sistema pretende facernos asumir o contrario: Que usemos as rúas únicamente como un lugar de paso e de consumo.

Hai que caer na conta de que Santiago de Compostela sendo a 4ª cidade galega en número de habitantes, e a causa de ser a Capital do país, concentra gran parte das institucións (Xunta, parlamento, casa do presidente...), o estudantado e o turismo da Galiza, todo isto nunha cidade tan pequena provoca un cocktail que require dun potente control por parte das forzas da orde, que queren unha cidade "limpa" e "presentable", que vive da súa "faciana europea". Con isto queremos dicir qué o graffiti non é alleo a ésta represión, e quizáis non se deron as condicións para que se poida desenvolver con tanta forza como noutras vilas galegas como Vigo, Coruña ou Pontevedra (que conta con a faculdade de Belas Artes).

Con todo, na última década experimentouse un crecemento cuantitativo e cualitativo bastante grande, e a día de hoxe ten boa saúde. O que máis se ve nas rúas e nas vías é sen dúbida a peña da NBK: Bosta, Hongos, Merns e Jato, que son a xeración de escritores que máis ten aportado a Compostela áta o día de hoxe. O Nas facendo uns "quecos" incríbles, o Miolos, a peña de Safary que son moi frescos, Sire que ten unha calidade inmensa pero tamén un tremendo desarraigo coa cidade, gustaríanos poder disfrutar máis a miúdo do seu estilo. Tamén hai que facer mención das novas xeracións que veñen pisando forte: Ira deixando o listón ben alto ála por onde pisa, Swoner e Zebra bombardeando a saco, como ten que ser.

Actualmente Senlheiro, un membro do voso colectivo, atópase encarcerado en prisión agardando un xuízo por tenencia e depósito de explosivos e pertenza a banda armada ¿Como se atopa? ¿Que supuxo esta detención para o HHA?

Senlheiro atópase ben, con boa moral dentro das circunstáncias, leva xa case 10 meses á espera de xuízo sufrindo a dispersión e o illamento. Ten que ser difícil entrar por primeira vez en prisión coa incertidume de cal vai a ser a túa condea. Pero, como é natural nel, vai superando as adversidades co seu carácter e o apoio da xente que está fora e o quere ver libre, que somos moitxs. Nós dende fora intentamos apoialo esforzándonos o máximo posible e traballando activa e conxuntamente co seu colectivo de apoio, formado por amigos, familiares e achegados. Para nós a detención foi un golpe moi duro, Senlheiro é amigo de todos nós, algúns coñecémolo dende nacemento, de feito é un dos fundadores do HHA fai 13 anos. Como dixemos antes, somos unha comunidade hip hop de vida compartida. Unha das primeiras cousas que os medios represivos tentaron facer foi romper os vínculos entre Senlhe e as persoas solidarias qué non estaban dacordo coa súa detención, máis non o lograron a pesar dos amedrentamentos, seguimentos, agresións físicas e detencións que moitxs de nós tivemos que sufrir. Unha vez secuestrado e como era de agardar, as "interferencias" continúan, mediante a intervención das súas comunicacións e un seguimento máis "sutíl". Respecto ao trato e a vinculación a unha suposta organización terrorista que recibiron os últimos detidos, non podemos máis que ficar abraidos con a sentencia. O independentismo galego está a sufrir un claro proceso de criminalización por parte do Estado español. A nosa solidariedade non se limíta soamente a Senlheiro, senón ao resto de encarcerados neste proceso e tamén con todos os que son víctimas deste sistema carcerario e pretenden derrocalo, porque nós non cremos nas prisións como un método de reinserción, cada vez o temos mais claro. Todos son presxs políticos, todxs son víctimas deste sistema político.

Para máis info sobre a situación de Senlheiro recomendamos o seu blog: cadernosenlheiro.blogspot.com

A cultura Hip Hop é un revulsivo contra o poder(á marxe dos autores mercantilizados polo show, os grandes medios e concertos) e, por desgracia non é raro ver casos de asasinatos de rapeiros por bandas neonazis, fascistas e/ou "servizos de orden" ¿Tedes medo de ser obxectivo desta represión?

É certo que últimamente frecuentan asasinatos de xente vinculada con o Hip Hop por parte de nazis e policías. Coñecemos os casos de Johny Cariqueo, asasinado polos carabineros chilenos o 29 de Marzo do 2008 (día do xoven combatente) e o mais recente do grego Killah-P, e que non permitiremos que fiquen no olvido. Todo rebelde antagonista, consciente e coherente pode ser obxetivo inmediato da represión deste sistema. Nós procuramos ser coherentes con o que sentimos, crear consciencia, e plantarnos en guerra social contra as actuais condicións de existencia. Levamos sendo golpeados pola represión dende que eramos nenos, en maior ou menor grado. Non temos moito que perder, e non imos a ceder nunca nas nosas perspectivas por moitos fiscais, xuices e abogados que nos carguen de sancións, arrestos, talegos. Falabades da morte, e, de algo hai que morrer. Con isto non queremos ir de mártires de nada, a autoxestión tamén pasa por a nosa seguridade e queremos as nosas irmás e os nosos irmáns con nós, na rúa, gústanos vivir esta vida a pesar da merda de mundo que nos impoñen. Na Galiza tememos mais pola represión policial e/ou parapolicial que polos movementos neonazis. A presencia de nazis na Galiza e anecdótica e irrisoria, eles deben temernos a nós.

Pois sorte no voso proxecto e gracias pola entrevista...

Igualmente

Entrevista realizada por Emiliano Tocata "Toc"

No hay comentarios:

Publicar un comentario