4 jun 2013

Os planos de Edgewater para Galiza: Extraer o ouro de todo o País para tratalo na megaplanta de Corcoesto

Recollemos da web da asociación ecoloxista galega "ADEGA":

ADEGA vén de coñecer os planos que a mineira de Corcoesto, filial da transnacional Edgewater, ten para os xacementos de ouro galegos. Na documentación da solicitude do permiso de investigación "Julia-2" (Cabana, Ponteceso e Coristanco), a empresa expón a intención de acaparar todos os dereitos mineiros (nomeadamante de ouro) ubicados preferentemente no cinto aurífero Malpica-Tui. A empresa ten tamén a intención de abrir explotacións en calquera lugar onde haxa recursos de ouro, por cativos que sexan, e de tratalos na megaplanta de cianuración de Corcoesto para que lle resulte rendíbel. Concentrando todo o procesado do mineral nas instalacións de Cabana, evitan instalar novas plantas en cada mina (reducindo custos e trámites) e fan rendíbeis minas con pouco ouro ou leis moi baixas. PDF: Concesións de ouro en Galiza (fonte Cámara Mineira)

Deste xeito, entre permisos de investigación e explotación, a empresa canadiana pretende acaparar 18 concesións mineiras de ouro en Galiza, principalnente nas comarcas de Bergantiños, Sta. Comba-Zas e Ferrolterra (no cinto aurífero) e Os Ancares. Se contabilizamos os dereitos para o ouro solicitados por outras compañías, principalmente filiais de transnacionais e consultoras, hai que engadir 17 máis, entre permisos de exploración e investigación, que abranguen tamén a parte sur do cinto aurífero, no baixo Miño e Serra da Groba.


A estratexia de Edgewater, principal multinacional acaparadora dos permisos de ouro en Galiza consiste en facerse co maior número de concesións nas zonas con indicios ou recursos inferidos deste metal, por moi pequena que sexa a cantidade. Deste xeito, por unha banda eliminan a competencia doutras empresas, e por outra fan rendíbel explotacións con baixas leis ou pequenas cantidades de ouro, concentrando o procesado do mineral nas instalacións de Corcoesto. Edgewater pretende tamén, sen dúbida, facer máis atractivo o seu negocio mineiro para as poboacións nas que abra novas explotacións, xa que non van precisar de plantas de cianuración ao realizarse este proceso nun único lugar: Corcoesto.

ADEGA quere advertir á cidadanía comprometida na loita contra a megaminaría contaminante e colonial que esta estratexia de Edgewater pretende "desactivar" a apertura de novas frontes sociais alí onde a empresa queira abrir novas minas: Ao prescindir de máis plantas con cianuro, Edgewater pretende potenciar o discurso "NYMBY" (non na miña leira) e localista, e dividir así á sociedade e á veciñanza. Mais esta estratexia preeira e oportunista ten un ponto fraco: Fiar a rendibilidade de todos os seus proxectos de ouro en Galiza á construción da megaplanta de cianuración de Corcoesto, implica que se este proxecto non chega a facerse, a maioría das ameazas mineiras de ouro no país desaparecerían.

Facemos un chamado á sociedade galega que este pasado 2 de xuño ateigou as rúas de Compostela en defensa da terra e da vida, a manterse firmes na loita contra a megaminaría contaminante e colonial, e a afortalar as sinerxias e a solidariedade entre os colectivos sociais, veciñais, gremiais e políticos que nos opoñemos a esta barbarie.

No hay comentarios:

Publicar un comentario