14 may 2013

[Vigo] Xoves 16 de 10 a 13 h .- Acto de rúa polo dereito a vivir con dignidade no Alcampo de Coia

Recibimos e defundimos:

A Oficina de Dereitos Sociais-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e GAS (Grupo de Axitación Social) queremos informar da organización o vindeiro xoves 16 de maio dun acto de rúa ás portas do Hipermercado Alcampo en Coia, co obxectivo de denunciar o crecente empobrecemento que sufrimos inxustamente unha gran parte da cidadanía e esixir ás institucións públicas, neste caso Concello e Xunta, que cumpran coa súa obriga de garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna.

Non podemos calar ante unha realidade terrible que cada vez é máis común: mentres moitas familias nos vemos na obriga de afrontar o día a día cuns mínimos ingresos ou mesmo sen eles, resultando imposible facer fronte ao pago de bens tan básicos como os alimentos, o aluguer, os recibos de auga e luz..., continuamos a recibir en demasiadas ocasións unha resposta negativa cando nos achegamos aos servizos sociais en busca dunha solución, cando menos parcial, aos nosos graves problemas. “Non hai cartos”, escoitamos con frecuencia. Pero mentres, hai cartos a esgalla para proxectos que nada teñen que ver cos dereitos fundamentais da cidadanía; e mentres, por exemplo, continúa sen ser executado o plan de axudas sociais para familias con escasos ou nulos recursos, aprobado o pasado xaneiro por un importe de 3,2 millóns...

O acto se desenvolverá entre as 10:00 e as 13:00 horas cunha mesa informativa sobre a campaña “Vivir con dignidade é un dereito”, coa que pretendemos denunciar a dramática realidade que están a padecer moitas familias no noso barrio e en toda a cidade a través da presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante a Xunta e o Concello; escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.

Ás 12:00 horas terá lugar unha rolda de prensa na que presentaremos ante os medios de comunicación dita campaña.

Agradecendo de antemán a difusión,

ODS-Coia
Parroquia Cristo da Victoria
GAS (Grupo de Axitación Social)

No hay comentarios:

Publicar un comentario