3 abr 2013

[Grecia] Sobre a perspectiva da creación dunha organización política anarquista a nivel nacional

Recollemos de Anarkismo.net este texto do Grupo Anarquista de Corinto "Termitas", escrito con motivo do chamado á creación dunha Organización Política Anarquista a nivel nacional feito conxuntamente por varios colectivos anarquistas gregos. Consideramos o texto muito interesante en aras a contribuir aos debates e reflexións tambén nesta parte do mundo chamada Galiza:

A cuestión da organización é unha das cuestións máis importantes que preocuparon aos anarquistas ao longo da historia do movemento. Moitos anarquistas como Bakunin, Malatesta, Kropotkin e outros, non se opuxeron á creación de organizacións anarquistas. Pola contra, loitaron en contra da acción fragmentada, a parcialidade, o oportunismo, as obsesións sectarias, e propuxeron a unión libre sen ningún tipo de Autoridade.

A loita pola liberación da experiencia humana da brutalidade do Poder, para ser vitoriosa, ademais de ser constante, require enerxía, combatividade, obxectivos e metas a curto prazo, vontade compartida, pero sobre todo a unidade entre a teoría e a práctica.

Para pasar a falar da actualidade, e tendo en conta que a anarquía é a causa fundamental dos cambios sociais ao longo da historia, habemos de aceptar que o movemento anarquista se afastou deste deber e conduciuse a unha patoloxía e desorganización crónicas. É certo que a anarquía e o contrapoder diacronicamente en rebeldía, que mantiveron intacta a claridade da perspectiva revolucionaria a despeito dos tempos, lograron converterse no catalizador útil que puidese desempeñar o papel máis significante no proceso da liberación social.

Á parte dunha serie de causas que compoñen esta situación, a falta de organización e sobre todo a estimación equivocada da individualidade, contribuíron á formación desta situación caótica. Sendo conscientes, non obstante, de que a realidade non é só o que estamos a vivir, senón tamén todo o que desexamos e todo o que queremos opoñer ao statu quo, debo aproveitar a oportunidade de restructuración e recreación que se nos dá hoxe con este chamamento.

O anarquismo non é unha utopía, nin unha idea abstracta. Debido a que é un movemento social, necesita a organización a nivel de estratexia da loita de clases. Sendo nós pois unha parte orgánica da anarquía social polimorfa, e tendo precisamente esta conciencia da unidade inseparable entre a percepción e a acción, participamos nos procesos da creación dunha organización libre, recoñecendo nesta organización un dos principios fundamentais do anarquismo.

Considerando tamén a proposta - como está definida - de importancia crucial e de alta calidade, desexamos contribuír á busca de medios e fins que compoñan a versión anarquista subversiva. A importancia que cremos que ten radica en dous motivos distintos, os cales percibimos como os máis importantes.

Primeiro, estase a formar baixo as circunstancias históricas máis escuras, ao mesmo tempo que as forzas da Troika están a edificar o totalitarismo moderno e a sociedade se encontra nunha descomposición antropolóxica profunda, co individualismo e o fascismo sendo consolidados.

Polo tanto, é necesario e urxente para os anarquistas poñerse de acordo entre si e organizarse de modo que sexan capaces de influír, coas súas intervencións e a xestión do real. Unha organización anarquista pode converterse nun factor importante da difusión das nosas ideas no movemento social.

En segundo lugar, a existencia da organización é a confirmación de que na práctica pode haber estruturas e infraestruturas de organizacións de composición horizontal ou circular, sen xerarquía, centralismo e Poder.

Planificamos dende hoxe os acordos libres, entre os que consideran útil unirse e traballar xuntos por un obxectivo común, a sabendas de que isto implica boa vontade e compañeirismo, reflexión e deliberación, conciencia do noso deber, e participación co discurso e a acción.

Planificamos e construímos as ferramentas axeitadas e as estruturas prácticas que vaian reflectir as condicións, as opcións e posicións políticas. Edificamos enriba dos alicerces da combinación da acción libre dos grupos coa realización da colaboración. Edificamos sobre os alicerces do desenvolvemento da conciencia e a iniciativa dos involucrados, aprendendo a pensar e actuar libremente, de xeito autónomo, solidario, individual e colectivamente.

"Somos un océano que pode cubrir e tragar todo. Cando cheguemos a ter o desexo de facelo, nese mesmo momento terase feito xustiza. Nese mesmo momento os tiranos de todo o mundo van ser plantados na terra".
Pedro Kropotkin

Grupo Anarquista “Τermitas” (Corinto)


No hay comentarios:

Publicar un comentario