Interesante artículo para debate asinado, en 18 de juño do ano pasado, por "Asamblea de Solidaridad" en "Argelaga, a nova revista de temática antidesarrollista y llibertaria" da Comunidade Valenciá e recollido e traducido de Tokata que pon en cuestión como abordar as campañas de apoio às persoas presas e que di así:
Aínda que recoñecemos que, como táctica, facer nun momento dado unha "campaña" de difusión ou mobilización pode ser útil e mesmo necesario, para nós a expresión "campañismo" ten un contido fortemente pexorativo: a idea de campaña publicitaria, destinada soamente a que se fale de algo, a chamar a atención por un momento, instando a comprar algo, pero sen maior compromiso. Ou a idea de campaña electoral, pedindo o voto para un partido ou para un sindicato; un xesto tan trivial, tan doado, tan conformista, tan intranscendente, que non pode ir acompañado máis que dunha reflexión superficial, porque as reflexións políticas profundas, nesta época miserable, fan dano e, se o pensas de verdade, non soamente non votas senón que quizais terías que facer algo drástico. Para nós non se trata, pois, de difundir unha mensaxe con criterios cuantitativos e condutistas, de repetir canto máis mellor no menor tempo posible un estímulo que condicione unha resposta determinada. Trátase de manter o pensamento alerta e o corpo disposto para a acción, de desenvolver conceptos críticos, tácticas eficaces, de buscar puntos débiles no réxime de dominación, oportunidades de acción, e de facer iso dende unha práctica colectiva, autoorganizada, con perspectivas críticas e proxección cara ao futuro.
Unha cousa é a publicidade e outra a axitación. Hai unha gran diferenza, por exemplo, entre facer unha cantidade o maior posible de concentracións, sempre con pouca xente, pancartas e todo o aparato (carteis, adhesivos, panfletos, comunicados e fotos en internet, "performances", actuacións musicais, etc.) e que esa mesma xente se dedique, por exemplo, a difundir entre os presos, os seus familiares e amigos propostas concretas, desenvolvidas a partir da súa propia experiencia de autodefensa -solidarias, non asistencialistas- e, dende logo, a intentar levalas á práctica. Propostas de autoorganización para enfrontarse á indefensión, por exemplo combinadas coa presenza permanente na proximidade dos talegos, nos Xulgados de Vixilancia Penitenciaria, ou fronte a Institucións Penitenciarias, para apoiar, poñamos por caso, a presentación colectiva de instancias, recursos e denuncias, concibidas e realizadas coordinadamente. Recorrendo á "difusión" e ás "mobilizacións" non de xeito mecánico e rutineiro, senón cando se considere conveniente segundo uns criterios moito máis matizados e flexibles, xurdidos dunha práctica intelixente e creativa. Unha actividade continua e coherente, enfocada á formulación e satisfacción de necesidades concretas e tecida sobre a base de relacións directas entre os afectados entaboadas en, por e para a loita.
A mera propaganda ou as accións simbólicas, testemuñais, non teñen ningún valor se non serven para recoñecerse entre persoas que están de acordo no fundamental, como expresión dese acordo, para autoafirmarse colectivamente. Polo demais, de nada nos valen as simples aparencias. Aparentar que se loita non é o mesmo que loitar, aínda que nunha loita se poidan utilizar tamén as aparencias. "Visibilizar" non é suficiente; crer que abonda con iso é unha característica da dinámica esquerdista, co seu correspondente discurso. Os cales implican unha separación entre "mobilización social" e "acción política", circunscribindo a primeira ao ámbito da "sociedade civil" ou do "terceiro sector" e a segunda á actividade electoral e institucional. Xa que, ou ben o esperan todo da democracia e do labor de integración social efectuada polas "administracións públicas", intentando fomentar e regular un "mercado da solidariedade", ou ben se conforman con "denunciar" a precariedade, a exclusión e outras eivas do "capitalismo salvaxe", como outros tantos efectos perversos do desmantelamento do "Estado de benestar" e motivos para a súa restauración.
Pero todo iso, habitualmente, dentro dun programa electoral e supeditado para a súa realización ao poder político ou influencia clientelar que se chegue a alcanzar dentro das canles institucionais. A través deles definiríase o marco legal e asignaríanse os medios para a súa execución, é dicir, tomaríanse as decisións. O campo dos "movementos sociais" ou da "sociedade civil" quedaría subordinado a esas decisións políticas, e limitado á realización, cos recursos presupostados, das tarefas asistenciais, científicas, pedagóxicas, morais, culturais, profesionais, etc. prescritas nelas. Aínda que non se queira centrar todos os esforzos no campo da política pura e dura, como moito poderían dirixirse a constituír unha especie de "grupos de presión" que só aspirarán a conseguir os seus obxectivos en función da influencia que logren nos "poderes públicos", non das súas propias estratexias e accións, que de todos os xeitos non superarán nunca os límites dos "labores asistenciais" (subvencionadas ou non), o "debate público", a crítica "científica" ou a actividade académica, as accións xurídicas, etc.
No gueto séguense os mesmos procedementos campañistas da mercadotecnia electoral, da "mobilización social" parcial, dependente da política, ou do clientelismo, pero separados das súas motivacións iniciais. Séguense por inercia, por herdanza ou imitación inconsciente dunha especie de cultura política composta dunha serie de rituais e procedementos rutineiros que, esquecidas as súas verdadeiras finalidades e funcións e o seu contexto orixinario, serven principalmente para constituír unha identidade colectiva "rebelde", máis aparente, publicitaria, "estética" que real. Non obstante, co tempo, grazas entre outras cousas a esa oculta complementariedade das súas respectivas dinámicas, o gueto sempre remata sendo útil á esquerda; como fracción xuvenil ou "radical" do mesmo sector do "espectro político" ou como esperpento da subversión integrado no contrapunto habitual entre violentos e pacíficos. Aínda que non o faga conscientemente senón que chegue a iso perseguindo os seus propios intereses.
Entre a mesta maraña de intereses máis ou menos particulares que configuran o gueto, a miúdo veñen a resultar hexemónicos os do activismo autocompracente practicado correntemente polos individuos e grupos, polo común debilmente organizados e definidos, que medran nel, afectados dunha especie de narcisismo que os leva a conformarse con aparentar que loitan despois de perder sen alcanzala nunca a conciencia de por que o fan. Non necesitan sabelo, porque en realidade se conforman con lograr unha "identidade"; mirándose, por exemplo, no "espello público" constituído polos medios de incomunicación de masas, ou por internet, en versión máis "alternativa". Por iso impórtalles menos a realidade da loita e dos seus efectos que as actividades expresivas e a publicidade.
Outra parte da herdanza esquerdista do gueto é a "síndrome do membro fantasma". Todas as faccións de "a esquerda do Capital" quixeron conquistar o poder do Estado cabalgando sobre o proletariado, a principal forza produtiva, determinada, pola súa "natureza" propia e pola do Capital que a xera, a desenvolverse, a entrar en contradicción coas relacións de produción e a transformar o mundo. É dicir, a "facer a revolución", expresión que para a esquerda autoritaria non é máis que un sinónimo da súa chegada ao poder. Pero o proletariado nin ten xa conciencia de clase, nin ningún "poder produtivo" relevante, nin tampouco un chisco de subxectividade revolucionaria, senón que se converteu nunha masa amorfa de consumidores atomizados que comparten ata a medula os valores da dominación. Agora ben, o "suxeito histórico" non pode ser só unha cabeza, ten que ter corpo, por iso as organizacións esquerdistas continúan buscando corpos sociais, como a cidadanía, a multitude, o xénero e ata "a humanidade", para servirlles de cerebro.
Algo parecido lles pasa aos seus filliños descarreirados, que unhas veces se identifican eles mesmos co mito correspondente e outras o buscan ao seu arredor para admiralo e contemplarse nos seus ollos. De aí xorden, no primeiro caso, os chamados "movementos sociais" e, no segundo, por exemplo o "presismo", que non é máis que a identificación mitolóxica do preso co "suxeito revolucionario" ou co rebelde social consciente. Imaxes nas que proxectar a propia negatividade para non a ter que vivir, escusas para non loitar de verdade: o heroe, o bandido, cuxa coraxe se pode admirar dende a covardía; ou a vítima, o chibo expiatorio, ao que se pode compadecer dende a comodidade, escenificando a baixo custo unha xenerosidade que está moi lonxe de ser real. "Pinturas de guerra" para decorar un radicalismo meramente espectacular, que vive para a galería, abandonando o intento de conquistar independencia, dignidade e liberdade reais.
Para nós, que non sustentamos ningunha das crenzas típicas na bondade intrínseca do sistema nin os intereses e estratexias políticas aparelladas con elas, o obxectivo dun labor de denuncia e "visibilización" que pague a pena só pode ser a deslexitimación do réxime de dominación e explotación do que o cárcere é un elemento indispensable, o seu debilitamento progresivo ata a súa destrución. O que queremos é sabotalo, non o reformar dende dentro baseándonos na defensa duns fundamentos "democráticos" mínimos, como os dereitos humanos, dereitos sociais, garantías xurisdicionais, etc. Ademais, pensamos que os nosos medios deben prefigurar os nosos fins, que habemos de actuar coa maior independencia posible do Estado e do Mercado, a través do diálogo igualitario e da autoorganización, da solidariedade e da acción directa.
Non temos forza para desperdiciar en actividades simplemente testemuñais. Aínda Que voluntariosa e ben organizada e cunha experiencia común de varios anos, somos pouca xente, e queremos que o noso esforzo sexa útil á loita anticarceraria, non que se disperse en aparencias vas. Que os nosos criterios de acción non estean arraigados naquelas, senón nunha investigación verdadeiramente crítica sobre os procesos de constitución da "realidade"; en proxectos realistas e realizables, enfocados á satisfacción de necesidades e desexos concretos e articulados en acordos explícitos e revisables en todo momento, adoptados no diálogo directo, igualitario, horizontal entre os que participan na loita, na reflexión colectiva acerca da experiencia práctica común; non baseados en relacións de dependencia, nin en consignas ideolóxicas, nin en mitificacións, sinais de identidade ou actitudes estéticas.
O noso primeiro obxectivo debe ser a unión, a ruptura do illamento e a coordinación de esforzos na autodefensa permanente, cara á constitución dun proceso colectivo consciente que nos permita, por un encadeamento de actos de rebeldía, autoafirmación e recoñecemento mutuo, fortalecernos para pasar algún día á ofensiva decisivamente. Non ningunha reivindicación determinada nin a negociación reformista co Estado. Cremos que hai que traballar pola constitución, a través de relacións directas, dunha comunidade de loita baseada en primeiro lugar na formulación das nosas necesidades e desexos e na unión e coordinación dos nosos esforzos para intentar satisfacelos. Os dereitos presupoñen o Estado, non son nada se non son recoñecidos por el. As reivindicacións só nos serven como acto de autoafirmación, un paso no camiño cara á constitución desa forza que un día nos permita destruír o noso inimigo, ou polo menos debilitalo, non simplemente negociar con el. Se recoñecemos que o cárcere é consubstancial ao réxime de dominación capitalista e que non se pode rematar con ela sen rematar con ese réxime, a nosa loita ten que ser a longo prazo, non simplemente expresiva, senón disposta a perdurar e estenderse.
Dirixirse, por exemplo, ás institucións de prevención da tortura que, de feito, non son máis que rituais de impunidade e procedementos de lavado de cara para garantila, non pode servir máis que para poñelas en evidencia e recoñecernos nese acto expresivo. Pero non ten sentido supeditar os nosos movementos a criterios publicitarios enfocados á "denuncia pública". Sabemos que non se pode confiar nos "medios de comunicación", nin nos mecanismos institucionais. E desgraciadamente, aínda menos nunha "opinión pública" que non existe máis que como aparencia manipulada, a cal se inclina moito máis por apoiar o endurecemento punitivo que por defender os dereitos de ninguén. Tampouco debemos apelar á "sociedade civil". Á clase media que a forma lle importa un beldro a sorte dos presos. É unha parvada intentar dar mágoa a quen te teme e te odia. Actuando de modo campañista, sen máis cuestionamento, estamos condenados a quedar encerrados nun "gueto comunicativo" de límites infranqueables, nunha rutina activista que non serve máis que para fomentar a autosatisfacción dalgúns, para que poidan xustificarse crendo que se está a facer algo cando en realidade é mentira e, o que aínda é peor, facéndollelo crer aos presos.
Así pois, a nosa actividade de denuncia debe estar insire nun traballo de axitación, non pode consistir nun discurso ideolóxico, abstracto, lanzado dende non se sabe que alturas morais ou teóricas, en forma de publicidade, sobre as masas atomizadas, co propósito de mobilizar as súas enerxías nunha ou outra dirección. Hase de basear máis ben nun discurso crítico digno dese nome, comunicado razoablemente, con argumentos convincentes e información obxectiva, que describa e analice rigorosamente as realidades a que se refire; sinalando, por exemplo, os puntos débiles do sistema penal e as oportunidades de atacalo, deslexitimalo, debilitalo, desafialo, sabotalo e, eventualmente, abolilo. Discurso elaborado dende a perspectiva dunha experiencia práctica de loita contra a submisión e a alienación, con obxectivos definidos e proxectos comúns a todos os implicados, alcanzables a curto, medio e longo prazo, pensados elixidos e valorados nun proceso permanente de diálogo e decisión colectiva que debe procurar tamén o desenvolvemento de ferramentas idóneas e o compromiso nas tarefas necesarias para intentar logralos verdadeiramente. E, dende logo, no apoio mutuo, a solidariedade concreta, persoal, e na acción directa, sen intermediarios, xestores, organizadores ou executores especializados. O que non quere dicir que non poidamos integrar as achegas de avogados e outros expertos, a miúdo indispensables neste campo, senón que, en lugar de deixarnos dirixir por eles ou "utilizar os seus servizos", colaborariamos sobre a base do diálogo e do acordo xusto e explícito.
Asamblea de Solidaridad.
Valencia, 18 de junio del 2012.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario