15 feb 2013

Os gobernos democráticos espanhois indultaron a 42 condenados por torturas e a 214 por malversación dende 1996

As polémicas que acompañan aos indultos máis soados (Sáenz, os catro mossos condenados por torturas, o recente ao condutor kamikaze) adoitan vir da man de recontos, balances e números máis ou menos metódicos e máis ou menos rigorosos. A base coa que traballar non é a mellor do mundo: a única información que temos sobre os indultos é o Real Decreto asinado para cada un deles e publicado no BOE. O seu reconto, análise e clasificación non é tarefa doada. Ata agora. A Fundación Ciudadana Civio puxo en marcha O Indultómetro, unha páxina web na que todas e cada unha destas medidas de graza concedidas dende 1996 están clasificadas a man e pormenorizadas para que calquera cidadán interesado poida coñecer e mergullarse entre os datos dun xeito rigoroso.

A web permite realizar buscas por delitos e por comunidades autónomas para descubrir, por exemplo, que entre os 10.158 indultos que se contan dende 1996, 65 son a condenados por delitos de prevaricación, 214 por malversación de caudais públicos (15 dos penados fórono en Cataluña e 13 na Comunidade Valenciana, por exemplo), 42 por tortura, 168 por homicidio e 31 por asasinato (xa sexa consumado ou en grao de tentativa). A busca por comunidades autónomas, ademais de situar as sentenzas dos agraciados e así poder estrullar un pouco máis os datos, desvela -na categoría outros- que 37 dos indultados durante estes 16 anos foran sentenciados no estranxeiro.

Entre os delitos que máis recibiron a prerrogativa de graza encóntranse os roubos (2.527) e os delitos contra a saúde pública (2.853), os mesmos que lideran os rankings de sentenzas condenatorias. Pero tamén reservaron un lugar para os delitos menos comúns, para agrupar aqueles casos que máis titulares provocaron. Ordenados e contextualizados de forma cronolóxica, van do indulto a Beira e Barrionuevo ata o que se concedeu ao condutor que, circulando en dirección contraria, acabou coa vida dun home.

O gráfico, que abrangue os gobernos de Aznar, Zapateiro e Rajoy, permite detectar os dous picos máis avultados: en 1998 concedéronse 1.582 indultos e no ano 2000, grazas ao indulto masivo a 1.328 presos -entre os que se encontraba o xuíz Javier Gómez de Liaño- outorgáronse 1.744 medidas de graza, o récord absoluto. Ambas as dúas cifras corresponden á época de goberno de José María Aznar.

A lei non esixe aos gobernantes que xustifiquen ou argumenten a concesión deste dereito. O único requisito en prol da información pública pasa por publicar un Real Decreto no Boletín Oficial do Estado (BOE) que inclúe o nome do indultado; a condena e cando e onde foi ditada; se o indulto é parcial, total ou unha conmutación por outra pena menor; e as condicións que, na maioría de casos, implican que o agraciado non cometa ningún delito doloso nun prazo concreto de tempo. Os responsables do proxecto, Juan Elosua e David Cabo, escorren esa información escasa, illada e pouco reutilizable para crear a primeira base de datos utilizable sobre o tema. A base de datos, o buscador e os gráficos permiten visualizar os indultos totais por ano, os concedidos para un tipo de delito concreto, así como acceder á fonte orixinal, a publicación do Real Decreto no que se asinou a concesión da graza.

Non é a primeira vez que Civio, unha organización sen ánimo de lucro que traballa por fomentar a transparencia e a apertura de datos, pon en marcha un proxecto para achegar informacións complexas á cidadanía dun xeito claro. Esta fundación está detrás de proxectos como Onde van os meus impostos?, España en chamas e, xunto a Access Info Europe, puxo en marcha a plataforma O teu dereito a saber, que permite a calquera persoa lanzar unha pregunta ás administracións públicas.

2 comentarios:

  1. Interesante artículo de Carlos Calvo (jornalista e preso independentista) publicado em SermosGaliza ao respeito do Poder Judicial e os Indultos:

    http://www.sermosgaliza.com/opinion/carlos-calvo/montesquieu-no-f-c-encrovas/20130211102211010924.html:

    Montesquieu no F. C. Encrovas

    Nos cinco minutos de chamada autorizada dim-me que me ham enviar o cartom de sócio do F.C.Encrovas que, ainda que nom podo ir ver os partidos nem ir à churrascada de fim de tempada, sempre fai ilusom tê-lo. De volta na cela pego na revista Tempos Novos. Entrevistam o Fiscal Superior de Galiza, que afirma ufano que o Estado Espanhol está na “Champions League” em matéria judicial.

    A independência da justiça, é dizer, que a justiça seja justa e nom um instrumento en maos do poder, é um bom indicador de qualidade dum sistema jurídico. Carlos Taibo assinala que “podemos dar por sentado que, no que atinge à etapa posterior à morte de Franco, a politizaçom e a dramática perda de independência da justiça, é um processo iniciado em 1985 e desgraçadamente vivo até hoje”. Nesse ano, o PSOE resolveu que todos os membros do Conselho Geral do Poder Judiciário fossem designados polo Parlamento. Nom estranha, entom, que a OCDE classifique o Estado Espanhol no posto 66 –entre o Egipto de Mubarak e o Irám dos aiatolás- do seu ránking mundial em termos de independência dos tribunais; nem que o advogado catalám Jaume Asens lembre que o Estado Espanhol seja o 4º do mundo com mais condenas por violaçons de pactos de direitos civis e políticos.

    Na Audiência Nacional, tribunal político de excepçom sem equivalente em Europa, a independência política seria unha contradiçom. Só por lembrar un dado, o juiz que instrui as causas da maioria dos presos independentistas galegos é um ex alto cargo do PP; e em maio o Congresso espanhol negou a Amaiur informaçom sobre quando a Audiência Nacional se chamava Tribunal de Orden Pública. Nom há ser pouco o que tenhem que agochar.

    (segue no seguinte comentário)

    ResponderEliminar
  2. E se a independência é básica para a saúde jurídica, a práctica de tortura é un vírus que corroi os seus piares básicos. Mas o Estado Espanhol é dos poucos condenados polo Tribunal Europeu de Direitos Humanos por falta de resposta a casos de torturas. Também organismos como a ONU lho lembram periódicamente. “Se um cidadao de qualquer parte do mundo –explica Ramón Sola- é perguntado pola tortura, com certeza tomará como referencia de primeira ordem a Chile durante a ditadura de Pinochet”. Porém, o impacto desta atrocidade é o duplo no País Basco, onde fôrom torturadas 4 pessoas de cada mil, face às 1,9 de Chile. Só para este país Euskal Memoria documentou 9.633 casos –dos quais, para quem essa data ainda signifique ‘um antes e um despois’, 4.633 despois de 1.977-, com o resultado de 11 mortos, 137 hospitalizaçons, 57 torturas sexuais “severas” e tam só 19 sentenças condenatórias. Calcula-se que apenas 1% dos casos de maus tratos policiais no Estado Espanhol chegam a juízo; destes, a maioria som absoltos, e dos condenados, mais da metade resultam indultados. Durante as nossas detençons a Guarda Civil malhou em Xurxo R., e assim o declarou perante o juiz, ainda que as posibilidades de que a denúncia prospere som mínimas: estivérom cobertos com un passa-montanhas em todo momento.

    En 1988, en plena investigaçom do terrorismo de Estado dos GAL, o Governo Espanhol tirou de cartola umha providencial reforma da lei de indultos: apartir de entom podem dar a ‘graça’ sem ter que justificá-la. Os últimos favorecidos fôrom quatro mossos d’esquadra condenados por torturas efetuadas en 2008. De novo com os dados do País Basco, essas 19 sentenças condenatórias por tortura implicárom penas para 62 membros das Forças de Segurança do Estado. 36, mais da metade, fôrom indultados por governos do PP ou PSOE; dos outros 26 duvida-se seriamente de que chegassem a cumprir condena, pois nos casos investigados a inabilitaçom nunca se efectuou, havendo, porém, ascensos e condencoraçons. Cumpre lembrar, aliás, que as penas por tortura som irrisórias: alguns meses de cárcere –e polo tanto nunca há ingresso na cadeia- e alguns anos de inabilitaçom.

    Golpistas do 23-F, terroristas de Estado do BVE e GAL, torturadores da policía ou Guarda Civil, no Estado Espanhol tenhem total impunidade. Como os criminais contra a humanidade do franquismo.

    Força Encrovas! Que se o Estado ESpanhol joga na Champions League, deixa ver se nom rematamos o ano como campeons de Europa.

    Carlos Calvo Varela. Cárcere de Topas, Janeiro de 2013

    ResponderEliminar