29 nov 2012

EUA, Resistencia ao Gran Xurado: Carta de KteeO sobre a menstruación e a encarceración

Recollemos esta carta de ContraInfo dunha compa anarquista presa nos EUA polo caso "Gran Xurado"

Estiven a pensar algunhas cousas que me gustaría compartir se vos apetecese lelas:

Debo confesar que, ata que non me enfrontei á encarceración non pensara moito sobre a menstruación en prisión; pero cando me decatei de que me ían encerrar, empezou a converterse nunha preocupación que non paraba de darme voltas na cabeza.

Agora que pasei un ciclo menstrual enteiro en prisión (e estou a medio camiño doutro), decátome de que as miñas preocupacións non eran infundadas. Descubrín, ao igual que moitas outras, que sangrar en prisión é unha experiencia alporizante.

É unha experiencia que ou funciona adrede para degradar as reclusas ou nos degrada debido ás medidas para aforrar custos; de calquera xeito, o resultado é o mesmo. A prisión fainos odiar unha parte de nós; ponnos en contra dos nosos corpos.

Mirade, odio esaxerar as cousas, non me gusta ser dramática, así que, por favor, entendede que non intento facer nada diso cando falo dos efectos do cárcere combinados coa menstruación, explícome.

Primeiro, as compresas que nos dan, cando hai, son inadecuadas (unha vez, antes de chegar eu aquí, non lles deron compresas ás rapazas en dúas semanas); son pequenas e non teñen ás e dannos unha cantidade fixa. E os tampóns? Non hai tampóns na prisión federal. Se tiveses o diñeiro, unha antes podíallos comprar a prezo de ouro no economato, pero xa non. Durante as cinco primeiras semanas que estiven aquí, non houbo e agora, sen avisar, quitáronos do listado do economato.

Ben, ademais, non podemos facer a coada e a maioría das rapazas aquí non se senten demasiado cómodas mandando a roupa e as sabas manchadas de sangue.

Así que o resultado, sen importar a intención das prisións, é que aínda que aceptes o teu período, este se converte nunha experiencia degradante e limitadora (falando de degradante, non falemos do cacheo con espido integral cando estás coa menstruación, sobre todo, sen tampón...). A maioría da xente aquí describe ter o período cando estás no cárcere como unha das peores cousas de estar encerrada. Crea ansiedade e incerteza debido ás condicións coas que lidamos.

Podería falar moito máis sobre o asunto, pero creo que, por agora, vou parar. Só sei que non é algo no que pensase moito antes da miña encarceración e gustaríame telo feito, así que pensei que estaría ben compartilo.

Espero que non vos importe que isto sexa un enorme monólogo interior e non os meus pensamentos máis elocuentes. E millóns de grazas a amigx que se abre camiño entre a miña horrible ortografía e caligrafía...

Quero que saibades todxs que estou ben. Estou a coñecer mellor as miñas novas amigas; é emocionante cando as amizades empezan a ser algo máis que superficiais. Sigo sen xogar moi ben ás cartas, pero son bastante boa en voleibol.

Tamén estiven a facer deporte e lin bastante. Grazas a todxs polo voso incrible apoio e, de novo, perdón a quem aínda non contestei. As vosas palabras significan moito para min.

Ben, seguide sorrindo, seguide loitando; en solidariedade,
Kteeo

PD: Un saúdo enorme axs incréibles humanxs que se están a facer cargo da miña amiga gata; bótoa de menos todas as noites e todos os días, pero sabendo todo o amor que está a recibir faime sentir un pouco mellor.

***Despois de escribir isto, Kteeo mencionou que as compresas melloraron e que os tampóns volverán ao economato dentro de pouco***

No hay comentarios:

Publicar un comentario