19 sept 2012

''Centenares de persoas agonizan entre os muros das prisións''

Reproduzimos à íntegra este artículo de Marga Tojo publicado em Dioivo:

Expresábao sen dificultade en abril o conseller de Interior catalán, Felip Puig: urxía endurecer o Código Penal “para que haxa máis medo ao sistema".

Así foi. E converteuse aquela nunha poderosa motivación para a última reforma que abordará o Goberno, nun traballo conxunto entre as carteiras de Xustiza e Interior. Ademais do regulamento dos delitos de furto, a revisión da multirreincidencia, ou o aumento da pena aos autores de incendios forestais –en especial cando se refire a espacios naturais protexidos, por petición da Xunta-, inclúese a cadea perpetua revisábel na lexislación, e un endurecemento dos delitos contra a orde pública.

Estas dúas últimas medidas vulneran a aplicación do alonxado obxectivo constitucional da prisión como institución encamiña á reinserción social e exceden a constricción de actos violentos para adentrarse no recorte de dereitos.

Ás manifestacións violentas equipáraselle a lexislación antiterrorista para tratar enfrontamentos como os da folga do 29-M en Barcelona. A acción de resistencia pasiva, xunto á desobediencia, está penada con entre seis meses e un ano de cárcere. E castigarase a difusión de mensaxes que inciten á comisión dalgún delito de alteración da orde pública, o que para os sectores críticos supón a cénaga onde se reprimirán as reivindicacións cidadás.

O PAPEL DA PRENSA

Catro persoas foron detidas na manifestación do pasado 15 de setembro "por un delito de resistencia e desobediencia á autoridade", tal como confirmou un portavoz da Xefatura Superior de Policía de Madrid. Segundo este organismo, os catro se negaran a identificarse.

A Coordinadora do 25S considera que existe "unha clara estratexia de criminalización levada a cabo polo Ministerio de Interior nas últimas semanas". "A detención produciuse no momento en que os compañeiros desdobraron unha pancarta onde se lía ‘25s Rodea o congreso’ para incorporarse á manifestación. Sen que haxa acción delituosa algunha, foron detidos e acusados de resistencia”. Así mesmo, o comunicado da rede destaca que a maioría dos medios reproduciron a nota de Efe que recollía só a versión da delegación do Goberno, unha dinámica habitual e dificilmente esquivábel nas actuáis condicións do gremio.

Algo semellante acontece coa última detención de catro presuntos membros de Resistencia Galega -que se atopan incomunicados, e cuxa presunción de inocencia a miúdo se omite-, que evidencia a problemática unidireccionalidade de fontes empregadas pola prensa. Por exemplo, a información ofrecida desde o primeiro momento aseguraba un extraordinario refinamento na construcción dos explosivos, extremo que se acaba de desmentir –trátase, ao parecer, de pólvora prensada e palenque, cun temporizador mellor elaborado-. Ou incórrese en dramatizacións léxicas, como a do diario ABC, que denomina os detidos, cuxa mocidade non excede os 24 anos, “membros históricos da cúpula de Resistencia Galega”.

MAN BRANDA?

Sobre as reformas en materia de orde pública, o titular de Interior, Jorge Fernández Díaz, explicou que “non se trata só de responder penalmente a iniciativas de guerrilla urbana que cada vez proliferan máis nas nosas rúas, pero tampouco instalarnos no bonismo xurídico”. Pero é que realmente estabamos ante un caso de boísmo, ou existía este á marxe de amnistías fiscais e tratos preferentes?

O tópico da man branda penal española e a extendida crenza de que os presos entran e saen da cadea con temíbel laxitude non se sustenta en cifras. No Estado español, a taxa de encarcelamento non é proporcional á criminalidade, senón á política penitenciaria. España conta coa taxa de presos máis elevada de toda Europa occidental, mentres os índices de criminalidade se sitúan entre os máis baixos, concretamente perto de 20 puntos por debaixo. Posibilítao o continuo endurecemento do Código Penal –estamos ante a vixésimo oitava revisión desde 1995-, a severidade das penas para delitos habituais –roubo e tráfico de drogas- e a incorporación de novos delitos.

CADEA PERPETUA E REINSERCIÓN

Seguindo o mandato constitucional que no seu artículo 25.2 dispón que “as penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas cara á reeducación e reinserción social”, o sistema penitenciario español concibe –ou concebíu até o momento- o tratamento penitenciario como o conxunto de actuacións directamente dirixidas á consecución deste fin.

Segundo o Ministerio de Interior, “os establecementos penitenciarios deben ser un espazo onde o interno atope motivacións en positivo para o seu futuro retorno a unha vida en liberdade. Terá que ser un lugar onde adquira novos valores, onde aprenda sobre o respecto que debe aos demais e que lle deben á súa vez os outros, e onde ache as sendas adecuadas polas que conducir a súa vida, e a través das cales regresar á sociedade”.

Parécese isto en algo á realidade? Cara a onde se avanza? Profesionais do Dereito en Galiza veñen de elaborar un manifesto motivado pola controvertida posta en liberdade do etarra Josu Uribetxebarria Bolinaga, e como o debate lle afecta á situación doutros reclusos enfermos de gravidade:

MANIFESTO DUN SECTOR DO DEREITO GALEGO

IMPERIO DA LEI E OPORTUNISMO POLITICO

A Sección Primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional resolveu o 12 de setembro o recurso de apelación interposto polo Ministerio Fiscal contra o auto do xulgado central de vixilancia penitenciaria que concedía a liberdade condicional por doenza grave e incurábel ao preso Josu Uribetxebarria. A resolución da Sala puxo fin ao longo proceso que acompañou a tramitación deste expediente de liberdade condicional.

Mais, nós, traballadores e traballadoras no mundo de Dereito, queremos salientar o desprezo ao imperio de lei amosado por alguns responsábeis políticos nas súas declaracións e alargar o foco dende o caso de Josu Uribetxebarria ao de tantos presos e presas con doenzas graves que están nas cadeas e que, de prevaleceren algúns dos postulados retribucionistas e vindicativos escoitados nestes meses, verán comprometida a obtención deste dereito.

Do punto de vista técnico–xurídico compre lembrar que a liberdade condicional para doentes graves é un instituto que se regula no artigo 92 do Código Penal e no artigo 196 do Regulamento Penitenciario. O Tribunal Constitucional, os xuíces de vixilancia penitenciaria e as audiencias provinciais definiron esta figura legal como unha norma de contido humanitario relacionado cos principios de humanidade das penas e dignidade e o dereito á vida e integridade física, principio que a Constitución española consagra nos artigos 10 e 15. Como requisito para sua concesión, este instituto só esixe a concurrencia de unha doenza moi grave con padecementos incurábeis e, segundo a xurisprudencia, tal estado non e asimilábel a unha situación pre-agónica. Esta mesma xurisprudencia sinala que doenza grave é aquela que compromete severamente a saúde e, polo común mais non sempre, pon en risco a vida do doente. Por padecementos incurábeis deben entenderse aqueles para os que o coñecemento científico carece de remedio ou solución definitivos, ainda que poda paliar o dano ou retrasar a evolución da doenza.

Esta mesma xurisprudencia interpretativa desvincula a concesión de excarceración dunha morte cercana no tempo (de feito a liberdade foi concedida a presos cunha expectativa vital de cinco anos, como no caso do Garda Civil Rodriguez Galindo, condenado polo asesinato de Lasa e Zabala, excarcerado en 2004 e ainda con vida cinco anos mais tarde). A norma tampouco esixe a total eliminación da funcionalidade delitiva , senón simplesmente a sua diminución. Consecuentemente, a liberdade en aplicación desta norma ten sido concedida por patoloxías (por exemplo a cegueira) desvinculadas dun prognóstico fatal.

O “caso Uribetxebarria” , ten unha primeira vertente individual que acaba de resolver a Audiencia Nacional: coa nosa lexislación, non cabe manter en prisión até a morte unha persoa cunha expectativa vital de meses. O contrario seria inhumano. Se queremos ter penas de prisión inhumanas, mudemos a lei e optemos pola pura vindicación. Mais non alardeemos despois de defensores dun estado de dereito.

E ten unha segunda vertente de alcance xeral que, como xuristas, nos causa desasosego. Esta segunda vertente di respecto ás numerosas declaracións públicas de responsábeis políticos inspiradas nun nidio populismo punitivo . Asi, o Ministro de Xustiza, perdendo unha boa ocasión de optar polo silencio que lle sería esixibel en razón do seu cargo, afirmou que pode ser defendíbel a concesión do terceiro grao mais non a da liberdade condicional, asumindo a tese, aplicada pola Institución Penitenciaria durante décadas, que levou a converter as seccións abertas das cadeas do Reino de España en unidades penitenciarias onde se amorean doentes de SIDA , neumonía , hepatite e outros padecementos graves pola demora na concesión da liberdade condicional.

Son centenares as persoas que agonizan entre os muros da prisión ou son excarceradas, xa inconscientes, apenas uns días antes da morte para faleceren nas unidades hospitalarias, co propósito de reducir, non o sofrimento, senón a taxa de mortandade penitenciaria. Tal foi a solución postulada polo Sr. Ruiz Gallardón para Iosu Uribetxeberria e, con el, para os centos de doentes que hai nas prisións do Reino.

Como traballadores e traballadoras do dereito, demandamos dos responsábeis políticos, respecto as regras do xogo e ao imperio da lei. Deploramos os excesos retributivos do Sr. Ruiz Gallardón e os obscuros desexos prevaricadores da Sra. Aguirre.

Como xuristas que coñecemos a situación das cadeas do Reino de España, ollamos o futuro a partir do caso Uribetxebarria con inquedanza. Tememos que a manifestación de baixas paixóns, desexos retributivos e vindicativos que agromaron neste caso, combinados con o escaso respecto das nosas normas que amosaron alguns representantes do poder político, determinen restricións na concesión da liberdade condicional por doenza grave para as persoas presas nas cadeas do Reino de España.

Demandamos que, encanto exista a pena privativa de liberdade, esta manteña como límite do seu cumprimento, a dignidade da persoa e o principio de humanidade das penas.

1. Fernando Blanco Arce (avogado) 2. Yolanda Ferreiro Novo (avogada) 3. Guillerme Presa Suárez (avogado) 4. Fernando Martínez Randulfe (avogado) 5. Nemésio Barxa (avogado) 6. Elvira Landin Aguirre (avogada) 7. Miguel Angel Fernandez (avogado) 8. Ana Lorenzo Conde (avogada) 9. Hector López de Castro (avogado) 10. Lois Ríos Paredes (avogado) 11. Alejandro Cortizas (avogado) 12. Pilar Guerrero (avogada) 13. Rosa Vila (avogada) 14. Maria Rosario Gonzalez Seoane (avogada) 15. Juan Rego González (avogado) 16. Javier de Cominges Cáceres (avogado) 17. Mónica Velasco Pérez (avogada) 18. Rosana Rodríguez Avalle (avogada) 19. Roberto Mera (avogado) 20. Celia Pereira (avogada) 21. Gustavo García Fernández (avogado) 22. Paola Bar Franco (avogada) 23. Sara Carou García (avogada) 24. José Manuel Losada Diéguez (avogado) 25. Pilar Zato Montenegro (avogada) 26. Helena Cardezo (avogada) 27. Cándido Soria (avogado) 28. Agustina Iglesias Skujl - (Investigadora UdC Dereito Penal) 29. Xosé Ramón González Pereira - (Graduado social) 30. José Ángel Brandariz (Profesor de Dereito Penal - UDC)


Copiada e colada por Edu

No hay comentarios:

Publicar un comentario