19 ago 2012

O lobo ibérico no punto de mira

Xa faláramos hai uns meses neste mesmo blog da rubrica institucional que a Xunta de Galicia otorgou a persecución do lobo na serra do Barbanza, baixo a patética escusa da eliminación dos exemplares "contaminados" polo cruce cos cans. Tendo en conta que a política empregada para tan euxenésico fin pasa por disparar primeiro e despois analizar xenéticamente a pureza do exemplar, queda de manifesto que a intención das batidas é a de contentar aos gandeiros, eliminando depredadores do gando independentemente da sua pureza racial, e non ten nada que ver coa conservación xenética do lobo ibérico.

Pois ben, expoleados polos bos resultados nas recentes políticas de eliminación do que os necios gustan chamar "alimañas", e pola escasa contestación social a tan reprobable ecocidio (pese a sincera aínda que insuficiente oposición de animalistas e ecoloxistas), o goberno decidiu agora autorizar batidas de lobos nos Picos de Europa. E desta vez xa nin se excusan con patrañas sobre a pureza xenética, permiten as batidas deste animal protexido ¡dentro incluso dun Parque Nacional! a máxima catalogación en canto a protección de espazos e biodiversidade.

Por si fora pouco, a suposta necesidade do control da especie polo aumento dos ataques ao gando nin sequera basease na realidade, ou, polo menos, non se fixeron públicos os datos que avalen semexante despropósito. Semella que o ministerio de Medio Ambiente ten moito máis interese nos beneficios dos gandeiros que na conservación de especies e espazos naturais. Pois segundo os datos oficiais só rexistráronse na zona 59 ataques durante o pasado ano habendo preto de 300.000 cabezas de gando. Con esta clase de políticas, para que fai falla un ministerio de Medio Ambiente se xa temos un de economía?

Voltando á Serra do Barbanza, se no mes de marzo anunciábamos as intencións da Xunta de comenzar a "razzia" contra o "lubican" (denominación popular do lobo híbrido) -podedes ver aquela entrada AQUÍ-; agora é xa un feito a boa marcha de tan noxenta masacre, aínda que a Xunta escatime a información ao respecto.

Na prensa, nembargantes, si que trascenderon os tráxicos resultados dalgunha das batidas autorizadas durante este ano, coma o caso dun animal ibérico puro que chegou sen cabeza ao centro onde realizan os estudos de ADN. E iso que o ministerio ía a controlar as batidas e os agardos! Pero é que no mercado negro unha cabeza de lobo ibérico pode alcanzar os 2000 euros, e cando se lles conceden as batidas dun animal protexido aos cazadores e gandeiros no canto de ao propio persoal da administración, pois pasa o que pasa. E non queremos dicir con iso que a nós nos parezan ben as batidas nin aínda que as realizase o propio Feijoo en persoa; pero deixando o control da poboación de lobos nas mans do seu peor inimigo, a cousa, como se pode ver, adquire tintes surrealistas.

Por outra banda, as batidas legais debéronlles de parecer pouca cosa aos gandeiros da zona, pois se atoparon trampas ilegais (que causaron a morte de dous exemplares puros así como doutros tantos lubicanes) e se fala de moitos máis exemplares mortos dos que recoñece a administración.

Tamén hai sospeitas de que os xeolocalizadores que a Xunta autorizou colocarlle aos lobos capturados, coa excusa da análise etolóxica da especie, servan en realidade para permitirlles aos cazadores rastrear ás suas presas. Como parece apuntar o feito de que outros exemplares con rastreadores fosen mortos no pasado, de xeito ilegal, en compañía de máis conxéneres (cousa difícil, matar varios lobos dunha vez, se non é mediante o seu seguimento por GPS).

Finalmente quereríamos apuntar un dato curioso, recoñecido tanto polos gandeiros como polos ecoloxistas (aínda que diverxentemente interpretado), que é o feito de que os exemplares híbridos atopados ata a data de hoxe semellan compartir idénticas marcas nas orellas. Sinais feitas, ao parecer, por un instrumento cortante manipulado polo home, o que podería indicar a súa cría en cautividade.

Aquí deixamos un documental elaborado por AXENA (Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza) sobre o tema dos asasinatos de lobos no Barbanza. Por certo que a web desta organización é un dos sitios de onde máis información sacamos para realizar este artigo (web de AXENA -aquí). Recomendamos o visionado deste interesante documento pese a que, como anarquistas, non compartamos os agradecementos:



Elaborado por C.R. a través da información recollida de numerosas entradas da devandita páxina de AXENA, de medios comerciais e nestes outros enlaces: aquí, aquí e aquí, entre outros.

1 comentario:

  1. http://www.elconfidencial.com/opinion/las-manillas-del-big-ben/2012/08/19/inglaterra-permite-a-sus-empresas-sustituir-a-sus-empleados-por-presos-a-4-euros-9701/

    ResponderEliminar