En maio dabamos conta do lamentable suceso da morte dun indíxena da poboación guatemalteca de Santa Cruz de Barillas a causa da escalada de violencia orixinada pola empresa coruñesa Econer-Hidralia, no seu intento por construír unha central eléctrica a pesar do rexeitamento manifesto da poboación local (noticia neste blog AQUÍ).
A través da páxina Infocorunha decatámonos da seguinte concentración de apoio a poboación de Barillas, prevista para mañá xoves 30 na praza de María Pita e convocada por "un grupo de individualidades feministas/a rede feminista galega". Reproducimos de seguir o manifesto (orixinal AQUÍ):
O municipio de Santa Cruz Barillas, situado ao nordés do departamento de Huehuetenango en Guatemala, sigue resistindo ao hostigamento e ao terrorismo de estado que se lle está a impor.A empresa española Econer-Hidralia, que ten como principal benefactor a Luis Castro Valdivia (coñecido na Galiza como o "señor das minicentrais", asociado con concesións de licencias ilícitas durante a era Fraga e con sentencias condenatorias do TSXG) instala en Guatemala no ano 2009 unha filial, Hidro Santa Cruz, baixo a presidencia de David Castro Valdivia, co obxectivo de instalar unha minicentral hidroeléctrica nunha corrente de auga que forma parte do territorio sagrado, na que se abastecen do vital líquido e pasan o seu tempo de lecer as poboadoras de 23 comunidades próximas, a pesares do rexeitamento explícito das comunidades expresado en varias ocasións a través de consultas comunitarias.
Dende entón, as comunidades mayas da zona viven nun estado de alerta e intimidación constante polas ameazas e crimes cometidos por axentes da seguridade privada da empresa, entre outros, a colocación de explosivos en lugares de paso entre as comunidades e o asasinato dun líder comunitario, Andrés Francisco Miguel, ademáis de ferir de gravidade a outros dous compañeiros.
A situación agrávase o pasado 1º de maio, cando o goberno militarista do xeneral Otto Pérez Molina, descaradamente aliado co capital transnacional declara un estado de sitio no municipio, ocupando 5 comunidades de Barillas con 500 efectivos militares e 400 policías. Oficialízase así a política de terror de estado como estratexia para implantar o medo e disolver a xusta e lexítima protesta social a través da criminalización das lideresas e líderes das comunidades. Unha situación que lembra tristemente os anos máis crueis da guerra en Guatemala.
O momento actual, despois do levantamento oficial do estado de sitio o 18 de maio, é preocupante pola criminalización que segue e a persecución de líderes e lideresas comunitarias vía o sistema formal de "xustiza". Polo momento, hai 9 persoas encarceradas, das que pouco ou nada se sabe, con acusacións absurdas e infundadas como "desorde público", "asociación delictiva" e "terrorismo". Detrás das ordes de captura está a coñecida estratexia do estado de deslixitimar a loita dos pobos pola defensa dos seus territorios por medio da criminalización da protesta social e de provocar o terror como forma de paralizar a resistencia, en poucas palabras, de impor intereses alleos aos comunitarios por medio da represión armada.
Mentres tanto, os militares seguen nas comunidades atemorizando á poboación civil.
Mentres tanto, as mulleres en Barillas resisten tanto como saben, como tiveron que aprender pola súa historia de opresión. Para elas, a militarización pasa polos seus corpos. A presenza de uniformes nos seus territorios convértese nunha ameaza constante de violación sexual. As súas mensaxes contundentes, desvelan o vínculo histórico entre militarización, expropiación dos recursos naturais e violencia sexual, é dicir, que a invasión militar dos territorios comunais en beneficios de intereses neoliberais ven acompañada, sistematicamente, da expropiación dos corpos das mulleres.
Dende Galiza, un grupo de individualidades feministas/a rede feminista galega, posicionámonos en solidariedade coa loita das comunidades mayas de Barillas, en particular coa loita das mulleres que, asediadas pola deslixitimación, as ameazas, o acoso, a intimidación e a violencia sexual, seguen co firme propósito de poñer fin aos procesos históricos de abuso e expropiación da terra e dos seus corpos.
29 ago 2012
Concentración de apoio a Barillas, Guatemala (A Coruña)
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario