Hai uns días recibimos un correo de Galiza Contrainfo anunciando a súa campaña de recollida de fondos para enfrontar as multas que colleitaron coa súa labor antagonista. Lamentablemente non a puidemos subir no seu momento, non por que non quixésemos darlle eco, senon máis ven pola nosa sempiterna desorganización e, como lle diría no seu momento Proudhon a Marx, "pola preguiza natural que nos caracteriza", que nos tivo toda a fín de semana afastados das nosas tarefas contrainformativas. Para solventar o asunto aquí vos deixamos o correo recibido, xunto co enlace á nova na que agradecen a solidaridade amosada en só tres días (aquí):
Campaña de recollida de fondos na rede, "crownfounding": Galizacontrainfo precisa de ti
Corenta dias para visibilizar e apoiar a necesidade da contrainformación en Galiza
Este venres 29 de xuño, pouco despois das nove e media da mañá comezou a campaña de recollida de fondos na rede, "crownfounding", na plataforma Verkami, para apoiar económicamente o proxecto de comunicación e información alternativa Galiza Contrainfo. A partir de esta mañá fican corenta días para chegar o obxectivo fixado de 1.000 euros, que serán destinados a pagar as multas impostas pola Subdelegación de Goberno de Pontevedra cando estas video e fotoactivistas estaban a realizar o seu labor informativo, asi como os gastos de mantemento da web htpp.//www.galizacontrainfo.org onde se pode atopar todo o material realizado por este colectivo, asi como videos doutros colectivos, videoclips, curtas ou documentais de creadoras e creadores galegos.
A páxina na que podedes colaborar economicamente é http://www.verkami.com/projects/2329-apoia-a-galizacontrainfo. Nesta web poderase seguir un blogue, no que se irán presentando as "recompensas" que recibirá aquela persoa que colabore co proxecto: libros, cd's, documentarios, postais, láminas, galicola, vales en tendas ou camisolas moi orixinais.
A continuación anexamos a información que explica máis polo miudo este proxecto:
Galiza Contrainfo somos un grupo de persoas que desde hai uns anos traballamos no campo do vídeo e foto-activismo. Formamos este colectivo para dar cobertura e difusión a aquelas realidades que os medios de comunicación empresariais silencian ou distorsionan. Cremos na necesidade de crear espazos de comunicación alternativa que acompañen aos movementos sociais do país (ecoloxismo, lingua, traballo, liberdade sexual, feminismo, migrantes, dereitos nacionais, etc.), apropiándonos das ferramentas ao noso alcance.
Conformamos unha iniciativa independente, non comercial e autoxerida. Difundimos a nosa produción audiovisual e fotográfica na rede, na páxina galizacontrainfo.org, baixo unha licencia copyleft que permite a re-utilización das nosas imaxes en obras derivadas sempre que estas teñan un uso non comercial. Defendemos as licenzas libres como alternativa ao caduco modelo de propiedade intelectual que apoian as industrias culturais.
Por que a financiación colectiva?
Na actualidade o noso proxecto ten un problema de sustentabilidade económica, pois entre os gastos de aloxamento da páxina e as multas que a Subdelegación do Goberno de Pontevedra puxo a catro das nosas compañeiras por cubrir manifestacións, levamos meses arrastrando unha débeda importante. Precisamos a vosa axuda e colaboración para continuar a estar presentes, para continuar co noso proxecto na rede e mellorar.
Por iso solicitamos o apoio das que estimedes Galiza Contrainfo como unha peza necesaria na construción dun espazo comunicativo galego que fuxa da información como espectáculo e do coñecemento como mercadoría.
Unha viaxe de ida e volta e apoio mútuo
Para levar adiante este proxecto de solidariedade e recoller o voso apoio contamos coa colaboración de colectivos sociais (Andaina, CS A Revolta, CUT, Galicola, Marcha Mundial das Mulleres), medios de comunicación (Galizalivre, Novas da Galiza) autoras/es e creadoras/es do mundo audiovisual, literario e teatral (A porta verde do sétimo andar, Alberte Momán, Andrea Núnes Brions, Begoña Caamaño, Berrobambán, Jose Manuel Nunes Vilar, Kiko Neves, Maria Lado, Mario Regueira, Marcos Nine, Rosa Enríquez, Sechu Sende, Sonia Daponte, Xosé Bocixa) e do mundo da música (Arenga, Ataque Escampe, Dandy Fever, Dakidarría, Keltoi, Kop, Marful, Nao, Propaganda pel fet, Roger de Flor, Skárnio, Zënzar), e de pequenos negocios de amigos (Bar Irmandinhos 13, D'Esguello, Minimarket24h, Sacauntos cooperativa gráfica), que nos cederon material, os seus produtos ou creacións para que esta sexa unha viaxe de ida e volta e apoio mútuo.
Para máis información: http://www.galizacontrainfo.org / gzcontrainfo@gmail.com
3 jul 2012
Campaña de recollida de fondos na rede: Galizacontrainfo precisa de ti
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario