21 jun 2011

Condenamos as vosas condenas á violencia.

Anarquistas contra o papanatismo.

¿De verdade pódese ser tan memo como pra non darse de conta que é totalmente absurda a condena, así sen máis, de toda a violencia? ¿É que acaso non vemos que a violencia está aí, nos guste ou non, e forma parte inseparable da vida? ¿Non nos decatamos de que non é senon mediante a violencia que os animais, incluíndonos a nós mesmos e ós nosos devanceiros homínidos, proveéronse de comida, abrigo e seguridade?
Aínda sen entrar na farragosa problemática do que é e non é a violencia, posto que atendendo a unha definición estricta en base ás leis da física atopamos que o acto de golpear un cravo cun martelo é un feito claramente violento, a condena xeral da mesma e unha posición tan pueril e absurda coma perigosamente borreguil e sumisa. A propia democracia, que tanto enche as bocas dos modernos revolucionarios de pantuflas e albornoz, non descansa na eliminación da violencia, absurdo sen sentido, senón no monopolio da mesma por parte do estado. Pericles, Jefferson, Rousseau ou calquera outro pai fundador do actual sistema político tiñan isto ben claro, e xamáis ousaron cuestionar o feito indiscutible de que a democracia precisa utilizar a violencia e a coerción como ferramentas imprescindibles e consustanciais á súa existencia. Outra cousa é a lexitimidade que eles puideran otorgarlle ó estado pra sustentar tan violento monopolio.
O que aquí realmente está a suceder é que un fato de políticos sen escrúpulos e os seus lacaios dos medios de manipulación de masas conseguíron convencer ó gran público de que a violencia exercida dende o estado non é violencia, e só pódese considerar de tal xeito á que se exerce desde fora do sistema de dominación. Deste modo o garda xurado que defende o producto do expolio capitalista, aínda armado con garrote e pistola, non é un adalid da violencia, pero sí que o sería aquel que pretendese sustraer aquelo que o primeiro custodia.
A tal punto chegou a retorcida pirueta dialéctica dos filósofos da non violencia que xa non só é violencia a agresión contra as persoas, senón que calquera perda material ou económica que os poderosos poidan sufrir é considerada como tal; acadando ó sen sentido de que a palabra emprégase coma sinónimo de ilegalidade.
Por suposto o soldo de miseria que percebe un asalariado do seu adiñeirado patrón non se considera violencia; nin a morte dun subsahariano no estreito, tratando de sortear as barreiras que interpoñemos entre a súa miseria e a nosa abundancia; nin o feito de que un home pobre pase a súa vida privado de liberdade por tentar abastecerse sen permiso do que a outros sobráballes. Esas cousas non son violencia, non, pero sí que o é o feito de escachar a cristaleira dun deses bancos que sumiu o mundo nunha xigantesca crise, ou respostar de forma activa e natural (pois os animais revólvense ante a agresión) ás cargas dos corpos represivos, monicreques ás ordes deses políticos corruptos que tanta indignación prodúcennos pero que son os únicos ós que lles atribuímos o dereito de monopolizar a forza e o poder.
Desenganémonos non se pode ser demócrata e condenar a violencia, pois a democracia descansa sobre un colchón de policías, xuíces e militares lexitimados pra administrala en beneficio do status quo; do mesmo xeito que calquer sistema de goberno, ou de desgoberno, vaise ver na necesidade de empregar a forza dun modo ou outro, goste ou non ós pacifistas de turno.
As condenas a “todo tipo de violencia”, así coma a perversa confusión da “ilegalidade” coa mesma, non son só un feito ridículo e un concepto demagóxico e torticero, senón que son unha infiltración intencionada, promovida dende o estado, nos valores da disidencia.
¿Por qué senón os políticos, así coma os esbirros dos medios de desinformación, non cansan de repetir que está moi ben a protesta pacífica pero que a violencia non se pode consentir? ¿Por qué o destinatario da protesta empéñase en dicir cal debe ser o modo axeitado de protestar? Pois, obviamente, porque ó estado interésalle que esa protesta discurra de modo inocuo pra os seus intereses; porque tenta evitar a toda costa que o descontento convírtase nunha revolta que dane os seus negocios e cuestione o seu liderazgo. Mentres a indignación transcurra polos cauces establecidos os gobernantes manterán o control da situación, non perigarán os seus intereses económicos e, por riba de todo, manterán a súa autoridade e sensación de lexitimidade. Cos seus histéricos chamados á calma só tratan de evitar que a protesta cumpra co seu obxectivo, pois cando aquel contra quen protestas explícache coma tes que facelo, xa sabes cal é o mellor modo de non conseguir nada.
Non pretendo tampouco facer dende aquí unha crítica absoluta da “non violencia”, nin moito menos, a non violencia como táctica pode ofrecer moi bos resultados nun momento concreto da loita social. O que pretendo criticar e a “non violencia” como posicionamento moral e filosófico, esa “non violencia” excluínte e cuasi relixiosa, negadora de calquer outro método de loita, coa que ó poder pretende desactivar o movemento crítico. Pretendo criticar a estreiteza de miras dos que piden o aplauso do policía (no exercicio da súa violenta función) e a delación dos encapuchados que fan unha pintada, feito este (o do chivateo) moito máis violento ca un millón de escaparates reventados.
A aceptación do monopolio estatal da violencia é a negación da capacidade do pobo á autodefensa contra a mesma, así como a negación ó lexítimo dereito á destrucción dos símbolos e ferramentas da nosa opresión. Iso otórgalle ó poder o recoñecemento pola nosa banda da súa superioridade moral para dirixirnos e a autoridade pra reprimirnos. Se nós aceptamos as regras do xogo, coma sempre gañará a banca.
Se o poder consegue dividir a disidencia entre “pacíficos” e “violentos”, facendo que os primeiros censuren ós segundos e convertindo a uns en voluntarios policías dos outros, a loita perderase antes de comezar. Non é de recibo que un movemento de protesta poña por riba a crítica a outros métodos de loita antes que a crítica ó poder, que a maioría dos disidentes lle den máis lexitimidade a violencia dos corpos represivos que a resposta dos seus compañeiros contra a mesma, pois iso é que o sistema conseguiu vacinar a protesta contra a súa propia capacidade de muda-las cousas. Pra iso casi é mellor non protestar.
Que cada quen proteste como queira, pero que se coide moito de decirlle o resto como debe protestar, pois se non se lle estará a facer o xogo sucio ó poder.

3 comentarios:

  1. "Como a Non Violencia Protexe ao Estado"
    Descarga aquí este interesante ensaio escrito polo anarquista Peter Gelderloos.

    http://www.4shared.com/document/QI4-4A1O/noviolencia.html

    ResponderEliminar
  2. "Todos los chapuceros del viejo mundono pueden según su lógica, defender a aquellos que lo atacan, pero simulan interesarse con una HIPÓCRITA indignación".

    ResponderEliminar
  3. Un texto de 10 estrelas, co voso permiso gustaría colalo no meu blogue para difundir. Seguide así, saúde.

    ResponderEliminar