Reproducimos nota de Stop Desafiuzamentos A Coruña e defundimos.
Nestas semanas nas que os pormenores da corrupción no Concello da Coruña están a ser coñecidos por toda a cidadanía, a situación destas familias, vítimas dun pelotazo urbanístico alimentado por tódalas formacións políticas ao longo das últimas lexislaturas, é unha mostra máis de como o poder político prima os beneficios económicos por riba do benestar das persoas para as que gobernan. Nunha cidade na que segundo os datos do último Censo de Poboación e Vivenda do Instituto Nacional de Estadística (INE) hai 19.283 vivendas baleiras (un 14,2% do total), que interese ten o Goberno local en que se constrúan 2.500 pisos máis?
Con esta nova concentración semanal, as familias en risco de desafiuzamento esixen ao Concello poñer da súa parte a vontade política necesaria para que as casas das familias ubicadas na marxe dereita da Avenida Alfonso Molina sexan desafectadas do Plan, así como para atopar dunha vez por todas unha solución para as familias cuxos fogares fican arestora rodeados de lama, charcos e escavadoras, no medio dunha explanada na que, sendo realistas, á vista da actual crise financieira e a cantidade de vivendas baleiras existentes na Coruña, é totalmente improbable que nos vindeiros anos se leve adiante o proxecto planificado.
STOP Desafiuzamentos A Coruña
No hay comentarios:
Publicar un comentario