Como xa anunciáramos nesta páxina, para o pasado 4 de agosto, día grande das touradas coruñesas, convocáranse dúas protestas antitaurinas. A primeira delas, a máis oficial e multitudinaria, congregou a máis de medio milleiro de persoas na herculina praza do Obelisco para percorrer a pé o camiño que a separa da praza de María Pita. Alí léronse numerosos manifestos de moitas das organizacións adheridas á convocatoria (outras nin sequera estaban alí pese a figurar na "sopa de letras"). Moitos cánticos contra as "corridas do PP" enmascaraban con selectiva amnesia que as mesmas comezaron durante o goberno do PSOE e mantivéronse, ben financiadas cos cartos públicos, mentres o BNG ocupaba a concellaría de cultura. Deste xeito a manifestación non perturbou en nada o sadismo dos amantes da "festa", pois realizouse a prudente distancia quilométrica e horaria do cruento espectáculo, nin molestou en nada aos titulares do concello, evidentemente pechado o domingo pola mañá. O acto só serviu para que políticos oportunistas acaparasen micros e cámaras protestando contra aquelo que cando puideron non quixeron atallar (política en estado puro).
Sobre a concentración da tarde tampouco podemos ser demasiado optimistas, pese a que se repartiron panfletos e corearon consignas perturbando a impunidade dos amantes do sadismo, o exiguo número de participantes da protesta non deu para moitas alegrías. Apenas unha decena de activistas desprazáronse ao Coliseum exhibindo pancartas, bandeiras e un boneco representando un toureiro aforcado. Semella que moitos activistas que enchen as súas bocas de veganismo e "liberación animal" acobardáronse polo medo as multas ou preferiron emborracharse de "alternativismo" nalgún dos múltiples festivais.
O vídeo é de GZvideos(enlace AQUÍ), e AQUÍ podedes atopar outro video do evento en Galiza contrainfo.
C.R.
10 ago 2013
Actos antitaurinos a pasada semana na Coruña
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario