7 mar 2013

Artigo Oficina de Okupación da Corunha: "Unha Cidade para Todxs"

Recibimos a petición, na nosa caixa de correos, da publicación neste blogue do seguinte artigo que, como di o seu remitente, tentan que sirva de presentación da nova Oficina de Okupación da Corunha, un proxecto que procura unha cidade para todxs. De facto, o título do artigo sería "Unha cidade para todxs". Engade a petición de adxuntar ao artigo este enderezo web: oficinaokupaciongz.blogspot.com que será (ainda non ten contido) o blogue de coordinación de varios proxectos en tres cidades galegas: A Corunha, Compostela e Ourense, de momento. 

"Sigamos sonhando para que a luita nom morra, porque viver luitando é o melhor jeito de viver" (Xosé Tarrío)

Este 28 de febreiro, tras unha curta pero intensa loita veciñal, o Concelleiro de Asuntos sociais da Coruña, que é tamén avogado de Bankia, propuxo como única posibilidade, desbotando as demandas do grupo local de Stop-Desafiuzamentos, internar a Aurelia Rey nun ancianato unha vez abandoe o pequeno apartamento no que leva más de trinta anos morando. Dicía Bertholdt BRECHT que hai moitas formas de matar a unha persoa. Sen dúbida tiña razón. Neste século XXI, sabemos que tamén hai moitas modalidades de homicidio político, que o gueto, o cárcere, o ancianato e as fronteiras son campos de exterminio que serven de escenario para a realización desa pregunta retórica que se facía EVARISTO de La Polla Records, “cuánto tiempo viviremos/ cuánto tiempo moriremos/ en esta absurda derrota sin final?”. Sen dúbida, o piso de Aurelia deixará paso a novxs inquilinxs normalizadxs no consumo, a eficiencia, a rendibilidade e a orde social, quen a cambio de asumiren múltiples débedas, non só económicas, poderán morar alí. Conseguiráse con elo facer realidade os soños máis perversos dos movementos políticos máis perversos da cidade: alonxar do centro económico da cidade á excedencia social, internándoa en guetos, á vez que se crea un Central Bussiness District onde só teñan cabida as elites, os seus negocios e as súas obsesións securitarias.

O panorama actual xa é crítico: mentres na rúa coruñesa se agolpan centenas de persoas “sen teito”, mentres miles de mozxs se ven obrigadxs a ficar indefinidamente na casa familiar e mentres miles de familias se ven obrigadas a voltar á casa dxs avós, na cidade se acumulan casas baleiras: até 20000 en 2011. Os poderes públicos reaccionan tarde, mal e a rastras, porque para eles a pirámide xurídica é bastante clara: sobre o dereito á vivenda, sobre o dereito á familia e sobre o dereito a unha vida digna do precariado, prevalecen os dereitos económicos da caste. No caso de Aurelia, esta xerarquía de dereitos se asomou con toda a súa violencia: Aurelia, que leva anos sufrindo mobbing inmobiliario, nunca deixou de pagar as mensalidades do seu aluguer e vai ser despexada da súa casa pola aplicación dunha lexislación que permite, en caso de retraso no pagamento de dúas mensalidades, executar o desafiuzamento a unha familia que acumula ducias de propiedades inmobiliarias e negocios, a unha familia que é paradigma dun suxeito político typical Spanish: os seus antergos eran mandamaises da sección coruñesa de Falanxe durante a Ditadura fascista e xs seus descendentes son, quizáis non tan paradóxicamente como nun principio poda parecer, ferventes practicantes do catolicismo máis conservador. Entendemos que a solidariedade para con Aurelia tén, así, un marcado carácter político, non só porque é unha excelente oportunidade de pór en práctica a moralexa do coñecidísimo poema de NIEMÖLLER “Cando os nazis viñeron polos comunistas”, senón tamén porque o que está en xogo é quen vai poder participar da cidade que vén: ou todxs, ou, como lles gustaría axs artífices da especulación inmobiliaria, tan só algunhxs.

Ante esta situación, a loita pola xustiza pasa por pór en tea de xuízo eses privilexios da caste que nos golpean a todxs, porque a especulación inmobiliaria non só afecta a quen queda sen casa, así, por exemplo, a especulación inmobiliaria e a xentrificación na cidade da Coruña teñen condeado ao abandono a espazos que noutrora eran o corazón da vila e que encarnaban un modelo de comercio moito máis equitativo do que as grandes e novas superficies comerciais que ateigan o espazo urbano. Crear consciencia sobre un problema común debe ser tarefa prioritaria: parando na rúa os desafiuzamentos, enchendo de vida os espazos abandoados, artellando novas fórmulas de acceso á vivenda que rachen coa especulación e recuperando os milleiros de vivendas baleiras para quen as precise. Estes eson os obxectivos prioritarios do novo proxecto da Oficina de Okupación da Coruña. A súa loita é a de aqueles que soñan cunha cidade para todxs, onde todxs teñan cabida, dende as aurelias ata a mocidade que ve frustrada as súas aspiracións, pasando polas familias en risco de exclusión social. Xogámonos moito, e cúmprenos rachar co medo e comprender que se vivir é un luxo, okupar é un dereito; cúmprenos rachar coa incapacidade aprendida de toma-la iniciativa que nos tén levado a este impasse. Pero a recompensa é grande: a xustiza social. Que treman especuladorxs, banqueirxs e reaccionarixs, chegóulle-lo san Martiño! Vémonos na rúa, berce do mundo mellor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario