3 jul. 2014

Máis sancionados nas protestas contra o desaloxo do C.S.O Palavea

Se xa informamos hai uns días da imposición de seis multas de 300 euros por participar nunha concentración o día 17 de marzo diante do Centro Social Okupado de Palavea (AQUÍ neste mesmo blog), agora, aparte de engadir dous novos sancionados a ese asunto, comezan a chegar multas pola manifestación de repulsa polo desaloxo acontecida duas semanas máis tarde, o 29 dese mesmo mes.

Concretamente, e polo de agora, unha de 450 euros por supostamente ser "identificado como el máximo dirigente de la manifestación puesto que las demás personas estubieron esperando sin desplegar pancartas ni entonar cánticos hasta su llegada. Además era el que dirigía la manifestación para indicar el recorrido, las paradas y las consignas, encontrándose detrás de la pancarta principal".

Ademais de inventar xerarquías okupas e liderazgos inverosímiles, os nosos queridos e entrañables represores continúan co seu novo costume de sancionar o persoal sen que medie identificación previa, así sen máis, porque o digo eu. E máis aínda tendo en conta que os que sostiñan a pancarta ían encapuchados.

É precisamente por todo este aluvión de sancións e denuncias penais contra calquera que proteste que en A Coruña se está a preparar unha manifestación contra a represión para o próximo sábado día 12 ás 20:00h na praza de María Pita. Levará por lema " Repreimennos a nós para asustarte a tí", recuperando o reclamo e o espírito dunha campaña celebrada hai un ano por idénticos motivos. Está auspiciada pola "Plataforma contra a represión", creada para dar resposta á persecución contra Pepita Seoane. A protesta pretende xuntar a todos as persoas e colectivos que sofren a escalada na persecución da protesta social, cada quen coas súas respectivas pancartas e motivacións, para visibilizar o aumento exponencial da represión contra a disidencia; cristalizado de forma especial na chamada "burorrepresión": o castigo por medio de sancións administrativas de calquera forma de protesta para atacar o peto dos refractarios de forma aséptica e pouco visible para o conxunto da poboación.

Daremos máis información da manifestación no sucesivo.

C.R.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada