7 jun 2014

Reflexións en torno ao C.S.O. Palavea: análise e autocritica dun proceso de okupación

Foi necesario que pasase certo tempo dende o recente desaloxo desta okupa coruñesa para que, unha vez dixerido e asentado o seu triste e desalentador percorrido cara ó cadalso, me decidise a escribir sobre este doloroso episodio. E ao falar de tristura e desilusión non me estou a referir á que emana do desaloxo en si, algo consubstancial ao proceso de okupación e asumido dun xeito ou outro dende o inicio mesmo do proxecto, se non máis ben á situación interna na que se produciu ese suceso e ao escaso apoio social que soubo suscitar.

Agora imponse unha reflexión (ou varias) que saiban analizar os acertos e, moito máis importante, os erros, e traducilos en ferramentas eficaces para proxectos presentes e futuros. E non hai mellor forma de comezar unha análise que volvendo ao comezo e recapitular a historia desta okupa dende o principio.

Os primeiros pasos que acabarían desembocando no Centro Social Okupado de Palavea déronse antes mesmo do desaloxo da súa predecesora, A Casa dás Atochas. Nos meses previos ao abrupto final que especuladores, xuíces e policías lle prepararon a esta mítica okupa coruñesa xa iniciárase por parte dalgúns activistas desta, xunto con membros do Centro Social A Treu, un proceso asembleario encamiñado á liberación dun novo espazo social okupado na Coruña. A este proceso sumáronse numerosas persoas interesadas que non participaran demasiado activamente en ningún destes dous Centros Sociais pero igualmente aguilloados polas ganas de cambiar o mundo.

Unha vez desaloxada A Casa dás Atochas intensifícase a busca de espazos, cristalizando en tres asaltos a inmobles entre os meses de abril e xullo que separan unha okupa da súa sucesora. Algún destes intentos foi frustrado pola policía, previamente alertada das manobras okupas, o que motivou un aumento da seguridade asemblearia, e outros foron descartados polxs propixs asaltantes. Pero o cuarto intento, o do convento das Oblatas del Santísimo Redentor de Palavea, conseguiu á fin satisfacer as esperanzas dos insumisos usurpadores.


O inmoble, que fora propiedade do futbolista Valeri Karpin na súa desastrosa reconversión a especulador urbanístico, acababa de pasar ás mans de Nova Galicia Banco debido ao vencemento da hipoteca. Tan suculento momento non podía ser desaproveitado polo noso grupo de libertarios usurpadores, e así foi como se decidiu o asalto deste impresionante terreo de 7500 metros cadrados con máis de 3500 edificados. Grande erro, como o tempo amosaría, posto que o mantemento que esixe semellante infraestrutura se revelou como desmesurado para o reducido continxente de okupas provincianxs. Malia que naquel momento se decidiu tamaña aventura en previsión dun importante crecemento da conflitividade social, estimación realizada á calor da proximidade do 15 M, a prosaica realidade pronto revelaría que tanta okupa se lle viña grande a unha cidade como A Coruña. E máis aínda tendo en conta que se atopaba moi afastada do centro urbano.

Con todo, o labor de acondicionamento do centro social e a oferta de programación acometéronse con alegría e entusiasmo polo crecente grupo de militantes que se achegaron a traballar o espazo. Tendo en conta que a entrada se realizou a finais de xullo, cando a cousa da militancia adoita estar máis parada e adormecida polas calores estivais, non se pode negar que tivo un prometedor comezo. Pero pronto volveron os erros: o grupo promotor, moito máis novo que o que no seu día asaltara a "Casa dás Atochas", non soubo asumir a moita da xente que se achegaba ao proxecto, imbuído quizais de actitudes autorreferenciais, posturas prepotentes e estéticas antisociais.

Visto agora, co distanciamento de varios anos e á luz dos posteriores acontecementos, eu diría que a okupa foi excesivamente estrita á hora de marcar os seus mínimos. O exceso de coherencia tiña a súa razón de ser, xa dixemos antes que o desembarco se produciu pouco despois do 15 M, e ante a inconcreción teórica e o reformismo galopante que caracterizaron aqueles tempos do buenrollismo indignado non é de estrañar que a okupa quixese marcar a diferenza cunha base ideolóxica ostensiblemente radical. Non obstante 7500 metros cadrados son demasiados para enchelos exclusivamente co traballo dxs máis concienciados. A pureza ideolóxica lévase mal coa necesidade de incluír xente no proxecto. Quizais unha okupa máis pequena tería funcionado perfectamente como un espazo fortemente politizado e ideoloxizado, pero alí o que facía falta era xente, proxectos e iniciativas que enchesen o inmenso baleiro dun convento abandonado.


Pero desgranemos aqueles mínimos para ilustrar mellor o exposto:
O primeiro, e o que quizais máis guerra deu, foi o do anticapitalismo. A súa tradución directa no espazo da casa era a prohibición de efectuar actividades lucrativas dentro do recinto. Todo traballo alí desempeñado debía ser voluntario. Entendíase que se os camareiros dos concertos traballaban gratis, se o electricista que ocasionalmente viña dende Ferrol para axudar o facía gratis e se os traballos de acondicionamento e limpeza se facían desinteresadamente, non tiña ningún sentido pagar máis alá dos gastos aos que daban talleres, ofrecían concertos ou realizaban obras de teatro. Evidentemente os concertos por unha causa solidaria, excepción a esta regra, levábanse todo o beneficio da entrada e da barra integramente para o colectivo que os organizara. Este mínimo, que tomado de forma orientativa sería bastante parecido ao que xa tivera no seu día a "Casa dás Atochas", aplicado de xeito tallante, estrito e ata as súas últimas consecuencias rematou por xerar multitude de problemas.

Por unha banda os grupos da urbe, especialmente os da escena Krust que tanto partido sacáranlle á anterior okupa, encaixaron mal o asunto; convencidos de que eles tamén tiñan os seus gastos de aluguer de locais e de material, e que a ver por que non ían poder cobrar igual que o facían en garitos e discotecas. Detrás da súa postura, todo hai que dicilo, escondíanse desavenencias forxadas á calor do desaloxo da okupa predecesora.

Pero se a cousa xa estaba calentita polo tema da entrada dos concertos, o asunto das distris e dos parches acabou por rematalo. Á calor do mínimo do anticapitalismo, e tomando de forma estrita o temita do ánimo de lucro, impediuse que as distris de música que non tivesen fins políticos, así como xs vendedorxs de parches e pulseiras, puxesen as súas mesas dentro da sala de concertos. Todo isto, unido á actitude chulesca e autorreferencial dalgún impresentable membro da asemblea, xerou un auténtico boicot por parte dun amplo sector de músicos coruñeses.


O mínimo do anticapitalismo tamén xerou problemas no relativo á horta da casa, pois non se permitiu que xente externa ao proxecto viñesen a traballar en hortas para o seu beneficio particular e só plantáronse hortalizas para o consumo dos comedores da casa. Tampouco se permitiu que xs que tatuaran no taller de tatuaxes do Centro Social se embolsasen beneficio ningún e acordouse que todo o recadado debía redundar no propio taller ou destinarse á causa anticarceraria. Isto tamén xeraría agrias polémicas e, finalmente, graves problemas no seo da asemblea.

Agora, visto todo en lontananza, non é que pense que este mínimo este mal en si mesmo, todo o contrario. Pero nun espazo tan grande, e á luz do sucedido, o seres extremadamente coherentes na súa aplicación só levou ao illamento da asemblea e ao rexeitamento de gran parte do ambiente alternativo da cidade que, xa fose por incomprensión ou por contumaz estulticia, non estaba preparado para semellante compromiso.

Outro tema que suscitou o rexeitamento da aburguesada poboación coruñesa foi o mínimo do veganismo. Outra vez encontrámonos ante outro principio que tamén asumira no seu día a Casa dás Atochas pero que, aplicado na súa forma estrita, serviu como “arma arrojadiza” en mans dos detractores da okupa. Mentres nas Atochas se entendía que o Centro Social só produciría comida vegana, sen meterse nos bocadillos que a xente puidese traer de casa, en Palavea restrinxiuse a entrada a calquera produto de orixe animal, prohibindo tallantemente que calquera anaco de queixo (por exemplo) invadise o espazo aéreo da okupa. Esta interpretación do mínimo do veganismo non só trouxo problemas para coa xente de fóra, se non que foi o detonante de graves enfrontamentos dentro da propia asemblea que desembocarían nunha polarización das posturas. Finalmente algúns dos detractores do veganismo remataron por asumir posicións aberrantes de defensa do carnivorismo, intencionadamente ofensivas e absolutamente impresentables nun espazo supostamente liberado.

O mínimo da autonomía, aínda que en menor medida, tamén trouxo certas tensións. A hostilidade da casa cara a institucións, partidos e sindicatos fixo que se cuestionase, por poñer un exemplo, se a C.N.T. podía ou non pedir o espazo para realizar actividades. A polémica reabriríase máis tarde co 15 M, os Riazor Blues, a C.G.T. ou con charlas de membros do Sindicato Labrego ou da C.U.T. Evidentemente todo isto non axudou a caer máis simpáticos.


Estas interpretacións sempre restritivas dos mínimos cos que se dotara a casa, unidas ás xa mencionadas actitudes autorreferenciales e de tendencia ao gueto, illaron en certa medida a okupa do seu público potencial. A isto habería que sumarlle a distancia da cidade, pois de estar situada no centro outro galo teríalle cantado.

Hai que dicir tamén que, ao ano e pico de percorrido do Centro Social, todos estes mínimos se suavizaron bastante nunha asemblea participativa á que se invitou a gran parte dos Movementos Sociais da cidade. Con grande asistencia de xente, vidos dende moitos colectivos distintos, a reunión serviu para relaxar bastante a firmeza dos mencionados mínimos, así como para mellorar en boa medida a imaxe da okupa. Malia que nesta asemblea se escoitaron moitas voces distintas e se asumiron moitos compromisos de futura colaboración con outros grupos e proxectos, pasado o día pasou a romería, e a casa voltou ao seu ostracismo habitual. Repito que a distancia física do centro da cidade probablemente foi, por riba de todo, o peor inimigo das actividades sociais da okupa… unido a desidia preguiceira e hedonista do ambente “alternativo” coruñés, que non soubo ver nin apreciar as inmensas posibilidades do que tiña diante.

Malia todo, o Centro Social acabou contando cun colectivo veciñal que tiña un local nas súas instalacións, outro espazo destinado como taller da "Masa crítica", un cuarto de xogos infantís xestionado por un grupo de nais e pais con ideas alternativas sobre educación, un ximnasio, un "Hack-lab", unha rampla de Skate fabricada e xestionada por patinadorxs locais, unha biblioteca, un taller de artes, outro de tatuaxes, de serigrafía... tamén realizou infinidade de cursos e talleres (ioga, guitarra, inglés, artes marciais...), charlas e actividades así como serviu de sede a eventos de considerable importancia como un Tatoo Circus, un Hack-meeting, unhas Xornadas Feministas ou varios Encontros Anarquistas.

Pero o que quizais máis dano fixo á dinámica da propia okupa foi a convivencia. Se no proxecto político se cometeron erros, o proxecto vivencial, chamémoslle "a comuna", foi un auténtico fracaso.

Todo empezou aos poucos meses do comezo. O espazo era demasiado xigantesco como para que non vivise ninguén nel. Tería sido practicamente imposible xestionar a limpeza e o acondicionamento sen xente asentada de forma permanente nas instalacións, así que se acordou habilitar un espazo como vivenda. A asemblea era vagamente consciente dos problemas aparellados á convivencia dunha vivenda cun Centro Social, polo que decidiu dotarse de certas normas que axudasen a concilialas. Decidiuse que era obrigatorio que os que viviran na okupa pasasen sempre polas asembleas, que estas tiñan sempre a última palabra nun posible conflito, que para vivir na casa había que levar polo menos tres meses traballando nela e que os residentes tiñan certas obrigas con respecto á limpeza e ás quendas de porta. Na práctica cada unha desas normas foi quebrantada nun momento ou outro.

Un grupo de entorno a unha decena de persoas inauguraron entón a vivenda da okupa. Non pasaron moitos meses antes de que as relacións persoais entre varixs delxs se tornasen irreconciliables. Se xa é difícil a convivencia nun piso compartido por tres ou catro persoas, nunha inmensa mansión na que viven máis de dez e que ademais funciona como Centro Social a cousa pode tomar tintes esperpénticos. Apenas pasara un ano do comezo da okupación e xa un par de persoas, asqueadas da convivencia, abandonaron para sempre o proxecto. Evidentemente as desavenencias que empezan polo persoal rematan por contaxiarse ao eido político, o que arrastrou que outras persoas amigas daquelas rematasen tamén por distanciarse da asemblea.

Se xa é doado que xurdan sentimentos de apropiación de espazo nun Centro Social sen vivenda, nun no que hai xente metida nel de forma permanente poden raiar no obsesivo. A diferenza entre o traballo efectivo realizado polos que habitaban a casa con respecto ao resto de xente da asemblea comezou a xerar resentimentos e actitudes xerarquizantes; pois ás veces faise difícil diferenciar o traballo realizado cara ao Centro Social do traballo que un realiza na súa vivenda particular (que neste caso é tamén o Centro Social).

Pero o peor aínda agardaba por chegar. Varias persoas, todas de fóra de Coruña, con problemas de índole económica, que non podían (ou non querían) acceder a un aluguer, pediron permiso para quedar pretendendo interese no proxecto. Movidxs por un sentimento solidario e confundidxs no relativo ao respecto que suscitaban os mínimos acordados e a política do Centro Social, algúns membros da asemblea remataron por avalar xs recén chegadxs. Non se pode negar que estas persoas pagaron con traballo a súa permanencia na casa, non obstante iniciaron case dende o primeiro momento unha erosión constante do proxecto político acordado ata entón, cunha hostilidade manifesta cara ao mínimo do veganismo, cara ao anarquismo nalgún caso concreto e cara a calquera indicio de acción social na rúa que puidese supoñerlles algún problema legal. Recordamos que a actitude hostil cara ao veganismo viña motivada por un comezo quizais bastante impositivo no relativo a esta cuestión, non obstante a reacción suscitada e o grao de resentimento acadado foron de todo punto inxustificables.

Os problemas no seo da asemblea enconaronse e polarizaronse de forma significativa e, evidentemente, xs que vivían dentro da okupa remataron por levarse o gato á auga. Cando as discusións chegan a tal punto que cada un marcha para a súa casa, x que vive no centro social, ao non ter outro sitio onde ir, acaba apoderándose do proxecto. Xs que non vivían na okupa, curiosamente xs que estaban dende o principio, remataron por distanciarse ao volverse insoportable a convivencia. Xs que vivían nela, como á fin e ao cabo era a súa casa, quedaron na okupa pola posición de superioridade que confire a maior apropiación efectiva do espazo.

Con todo, a asemblea, moi minguada, continuaba funcionando con algunhas persoas que se mantiñan dende o inicio intentando mediar no conflito convivencial. Pero a cociña da vivenda converteuse de facto nunha asemblea paralela en si mesma. Facendo dos problemas de convivencia problemas políticos e das desavenencias persoais conflitos ideolóxicos irreconciliables.

Quizais sexa importante, neste momento concreto da historia, chamar a atención sobre o feito de que moita da xente que iniciara o proxecto, ante o agravamento de problemas tanto de índole convivencial coma políticos (por exemplo o mencionado veganismo), optaron por distanciarse da asemblea. Isto, evidentemente, facilitou ao outro sector a apropiación total do espazo. Se ti te distancias porque hai cousas que non te gustan, o normal non será que cando volvas a xente cambiara de ideas ou actitude, se non máis ben todo o contrario.

Cando empezou a aproximarse o momento do desaloxo todos os conflitos internos en estado latente estouparon con estrépito. O edificio comprárono a Nova Galicia Banco uns empresarixs que o querían converter nun asilo de anciáns. Cando un ano antes do desaloxo viñeron a ofrecer grandes sumas de diñeiro para que os okupas o abandonasen pacificamente, todxs xs membros da asemblea estiveron de acordo en que a única opción aceptable era a resistencia. Non obstante, cando esgotada a vía xudicial xa non quedaba máis remedio que pasar á desobediencia, moitos daquelxs que chegaran ao proxecto unha vez este xa estaba consolidado en busca dun lugar para vivir empezaron a dicir que o mellor era marchar sen máis e polas boas. Os discursos radicais e insurreccionais dun ano atrás esfumáranselles para dar paso a continuas pegas a calquera acto de protesta que puidese carrexar identificacións policiais. Mentres que xs que levaban na okupa dende o principio eran unánimes na necesidade da resistencia, mesmo algúnxs que se distanciaran do proxecto volveron para defendelo, moitxs dxs que chegaran despois á vivenda eran partidarios de marchar sen máis. Recriminando mesmo ao resto que puxesen tanto interese na defensa do Centro Social no canto de preocuparse por atoparlles un sitio para vivir xs que quedaban na rúa.

A división interna facíase cada día máis insoportable, non obstante xs partidarixs de irse polas boas non o fixeron ata o último día en que podían permanecer na casa sen medo a enfrontarse ao desaloxo. Pero ese día, cando esgotados os recursos legais a policía podía presentarse no inmoble en calquera momento, sen que mediase outro acontecemento especial, os partidarios de marchar sen máis decidiron que non podían aturar por máis tempo á outra facción e desvinculáronse do proxecto. Moitxs delxs nin sequera participaron das xornadas de despedida nin das manifestacións de protesta. Ante o medo a asumir as consecuencias represivas aparelladas á okupación que lles servira de vivenda, preferiron escenificar unha ruptura política que dera coartada á súa cómoda postura autocompracente e hedonista.

Noutro caso, aínda máis sangrante, descubriuse con gran desasosego asembleario que dúas persoas, que chegaran ao proxecto ao quedarse sen lugar onde vivir, levaban meses collendo diñeiro e material do taller de tatuaxes ás agachadas da asemblea. Coñecendo perfectamente as normas do taller, que non permitían embolsarse cantidade ningunha polas tatuaxes realizadas, unha destas persoas non só estivo cobrando as tatuaxes e quedándose el os cartos, se non que ademais gastou gran cantidade de material sen repoñelo e meteu tamén a man na conta xeral do taller ata deixala a cero. Estes dous ladróns impresentables, unha vez descubertos e obrigados a marchar da okupa, aínda tiveron a incrible desfachatez, nun alarde de esquizofrenia paranoide sen parangón, de facer senllas pintadas nas paredes do Centro Social que rezaban "Hipocritas" e "Pequeñoburgueses" (si, un destes tipos era un rancio e anacrónico stalinista, como podedes ver).

Evidentemente, esta penosa situación interna non axudou en absoluto a incrementar o apoio social do C.S.O. Palavea. Os potenciais aliados da okupa non ían defender a capa e espada un proxecto do que renegaban moitos dos seus integrantes. Se xa o Centro Social nunca contou co apoio suscitado polo seu predecesor, a violenta explosión das tensións internas que o atenazaban minguou o sentimento solidario ata a súa mínima expresión. Sumado isto ao pasotismo burgués natural dos coruñeses, contribuíu a un moi mediocre final para tan ambicioso proxecto.

O pequeno grupo que se mantivo nas asembleas unha vez cursada a orde de desaloxo, soportando á vez a carga da presión represiva e da situación interna, acometeu como puido a organización dunhas xornadas de despedida e dun calendario de mobilizacións; tamén deseñou unha estratexia de resistencia no espazo. O escaso apoio tanto ás xornadas como ás mobilizacións contribuíu aínda máis a desmoralizar xs resistentes, que tras un período longo de desgaste, decidiron suspender as permanencias nocturnas para manter unicamente as actividades realizadas durante o día como Centro Social.

Así foi como, cando chegaron xs madeiros, alí non se atopaba ninguén salvo unha señora recentemente desafiuzada da súa vivenda que, malia as advertencias da asemblea, preferiu quedarse alí antes que ir a vivir ao refuxio (onde finalmente rematou). O desmesurado dispositivo policial non atopou resistencia ningunha, e foi timidamente contestado por unha concentración esa mesma tarde que non chegou a reunir unha centena de persoas, e por unha manifestación a semana seguinte que apenas superaba esa cifra. Rodeada completamente por antidisturbios acorazados, ofreceu unha modesta resposta ao desmantelamento represivo dun Centro Social que durante tres anos constituíu unha alternativa anticapitalista e autónoma á gris monotonía postmoderna coruñesa.

Ao parecer, e segundo o recollido pola prensa comercial, poucas horas despois da manifestación que serviu de colofón a esta aventura usurpadora un grupo de encapuchadxs cruzaron e prenderon lume a varios contenedores e atacaron as cristaleiras de varias sucursais bancarias nunha das principais arterias comerciais da urbe.
Tanto as xornadas, como as manifestacións, coma o disturbio (se é que efectivamente se realizou por este motivo, xa que nunca foi reivindicado) foron algo así como da magnitude xusta para non ser un auténtico fracaso. O xusto para “manter o tipo”, por dicilo dalgunha forma, o mínimo imprescindible para que a cousa non fose un desastre. Triste final para un proxecto que deixa tras de si tres anos de rebeldía que, cos seus múltiples erros, tamén estiveron enchidos de innumerables acertos e de momentos inesquecibles.

Palavea tentou ser un proxecto máis combativo e coherente que Á Casa dás Atochas, tratou de afondar máis como alternativa integral a un sistema podre e liberticida que absorbe todos os resquicios das nosas vidas. Non obstante foi vítima da inmensa incapacidade que arrastramos para a convivencia en liberdade, para a comunicación e a empatía, así como da indiferenza supina dun entorno cego e xordo ante calquera iniciativa realmente transformadora.

A presente análise céntrase, para variar, nos conflitos, as disensións e os erros cometidos ao longo do proceso que constituíu o Centro Social Okupado de Palavea. Tamén houbo moitos acertos, moito traballo e moitos momentos para o recordo. Non obstante as virtudes da okupación son de todxs coñecidas nos nosos círculos militantes, e é nas partes escuras onde convén unha reflexiva análise da que poder extraer aprendizaxes e conclusións. Moitos dos problemas aquí expostos non son patrimonio exclusivo do C.S.O. Palavea, pódense atopar nunha morea de proxectos pasados, e sen dúbida aparecerán en moitos dos que agora existen e dos que están por vir. Reflexionar sobre eles antes de que sucedan, así como o feito de recoñecelos no momento en que se producen, pode axudar a atallalos, cada un saberá de que xeito (se é que existe algun bo), antes de que danen irreparablemente os nosos espazos e as loitas que dende eles tentamos promover.

Esta é unha visión subxectiva e persoal (como non podía ser doutra forma) dos tres anos de percorrido deste Centro Social Okupado coruñés. Aí queda como ferramenta para a reflexión e o debate sobre o mellor xeito de construír espazos liberados. Esperemos que os que veñan despois sexan capaces de facelo moito mellor… Sempre mellor.

Okupa, resiste e aprende!

El Abuelo Cebolleta

7 comentarios:

  1. Bravo abuelo! Llevo toda la mañana reflexiónando sobre ese extraño magnetismo y ese aura sobre natural que hace que frikis de todp pelaje se acerquen a proyectos libertarios.

    ResponderEliminar
  2. Pois parece ser que al final la culpa foi da xente de vivienda que queriase apropiar del espazo e que non tubo nada que ver que as decisiones que se tomaban nas interminables asambleas chegada la hora da verdad la xente se las pasaba por el forro xa fora por q se creian intocables o por q preferian irse de pedo o x que en las asambleas no se enteraban de nada x que ivan a facer el gamba o por que falar esta muy bien pero traballar y quitar la mierda de uno mismx o de os demas xa no mola tanto no es revolucionario. igual la solucion hubiera sido que cierta xente da vivienda hubiera pasado de todo como os q os acusaban de empoderarse das cosas. e todo se hubiera arreglado como por arte de magia. el buenroyismo es lo q tiene si no se quieren arreglar las cosas y. se prefiere q los problemas se acumulen igual te estallan cuando menos te lo esperas no desaloxo por ejemplo y lo d que la xente de viviendA chegado o momento de peligro ABANDONO la casa a su suerte es verdad (no toda todo hay q decilo) pero en general NADIE salvo una o duas personas querian tener ningun problema por esta mierda de cso y cito textualmente sus razones tendrian no lo dudo pero entre esas actitudes y otras como preferir irse de pedo a hacer permanencias cosa muy comun en el gueto buenroyista a muchos la verdad ya no nos quedaban muchas ganas de comernos un marron considetable e logo quedarnos con el culo al aire por que mola mas salir de fiesta y que pague papa que luchar por cambiar las cosas ya que comp temos un estatus no gueto no vaya a ser q cambie algo y no pueda seguir vendiendo motos... seguro que la mayoria de esa gente en su momento curro como la que mas y dio mucho de su tiempo y sus energias no proyecto pero eu falo de o que vi no tempo que tube la suerte (que para mi lo fue) de participar mal que bien no proxecto y pa que falar dos cambios de discurso e as actitudes escurrevultos unas mas sonadas q otras pero el q este libre de pecado q tire la primera puedra... o dixo si la conclusion es q gran parte de culpa d que isto no tirara pa adiante es culpa de vivienda creo que no se a aprendido nada eu penso q o principal es que no savemos resolver os conflictos entre nosotrxs mismxs xa sea na vivienda na asamblea do cso no tema veganismo etc etc eta

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. neno, intento seguirte, en serio, pero no me estoy enterando de nada. Tu portuñol es horroroso e inentendible

      Eliminar
    2. Jajajajaja es lo que tiene intentar expresarme en "gallego" sin saber

      Eliminar
  3. Non estaría de mais quedarse con todas as cousas boas que tivo a okupa,sen esquecer,por suposto,os erros que producimos e tentar aprender de eles.
    Penso que os mínimos deben ser precisamente iso, o mínimo que unha persoa ten que asimilar dentro dunha okupa,mais parece que a xente non esta capacitada para facelo.
    E triste darse conta de que despois de estar traballando nun proxecto que naceu “puro” a solución a moitos dos problemas sería facer o mesmo que aparece na ultima imaxe, baixarse os pantalóns.
    Moitas de nós loitamos diariamente por uns principios que logo non se poden efectuar en estos chamados “espazos liberados” ,non só non se poden levar a cabo,senón que tamén son criticados e condenados polo resto das persoas.
    TODO O MEU DESPRECIO AS PERSOAS QUE ROUBARON OU SE APROVEITARON DO CENTRO SOCIAL.
    Dende Granada con amor, orgullosas de ser de cara a quen critica, Anticapitalistas, veganazis,radicais, etc…
    JUAN.



    ResponderEliminar

  4. “Mira, cielo mío, esto es un bocata mágico. Es pan con pan y nosotras nos imaginamos lo que hay dentro. (…) Es de bacón. ¿Lo hueles?” (http://www.huffingtonpost.es/2013/09/21/malnutricion-infantil_n_3959806.html).
    Sobran comentarios sobre el escaso apoyo

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Amigo, de verdad que no no te sigo. Miré el enlace, pero como si miro llover. No entiendo que carallo pretendes decir. ¿Es un chiste?Quizá si reformulases tu comentario en términos que podamos entender nosotros los pobres mortales...

      Eliminar